29 de mar. de 2013
9 de jan. de 2011
21 de dez. de 2010
15 de dez. de 2010
E despois... (X)
–Eu non morrín, Simón, sigo no mundo dos vivos.
–Doutor!... Ah, pensei que falaba con...
–Con quen?
–Xa non sei. Que facemos no medio deste descampado? Eu fun ao hospital a visitar a doutora Fontoira e, de repente, estou aquí, nun monte. E eses cabalos, a correr contra a xistra...
–Non son cabalos, son as sabas das camas penduradas a secar. Que che ocorre?
–Sei que chegamos aquí nun coche que viaxaba a través da noite, mais agora non lembro para que. Tamén estaba o Campás, falábame dos mortos.
–Que che dicía?
–Que os mortos tamén soñan. Soñan con aquilo que non foron ou non fixeron en vida. Viven o que non viviron. E mestúranse cos vivos, sen saber que soñan... Áurea, estás aí?
–Estou.
–Non me deixes agora, por favor.
–Nunca te deixei.
–Aquilo que se ve ao fondo é unha cova?
–Unha cova de area. Ti estás dentro, nun cadaleito de flores.
–Non pode ser, estou aquí.
–Tamén estás aquí.
–Estou co Campás.
–Estás comigo.
–E empezo a ver... Esas pedras no aire, arredor de min...
–Estás a ver as pedras flotantes? Creo que che falei delas noutra ocasión, aínda que non lembro o que che dixen. A memoria é unha cousa fráxil á miña idade. Mais non debes ter medo, as pedras é normal que floten, sobre todo cando o aire se volve pesado; está na súa vivencialidade.
–Son preciosas... Son... un xardín espléndido... Doutor, isto está pasando realmente?
–Si.
–Estou asustado...
–Non me parece raro, a min tamén me asustaría ver pedras que flotan; a lei da gravidade é moi estrita.
–Non me dan medo as pedras, dáme medo saber o que significan, e estar aquí no medio delas... Sabe?, ás veces penso... dáme por pensar... que fun eu quen morreu naquela cova. Vivo con esa idea, soño con ela. Asústame incluso dicilo. Mais logo esperto e volvo ser o mesmo. O que soña que morreu.
–O que soña que morreu.
–Doutor, que foi o que aconteceu naquela cova despois do meu casamento con Anabel?
–Creo que o contas ti mesmo no libro.
–O que conto, non; o que aconteceu realmente.
–Atrévete a sabelo. Mentres non o saibas, non terás nada, só preguntas.
–Non son Áurea. Estásme confundindo con Áurea Mendes? Insinúas que me parezo a unha bruxa brasileira con poderes sobrenaturais?
–Non, doutor. Pero… Oh, non entendo que me ocorre…
–Pero queres entendelo.
–Necesito entendelo. Estou no seu despacho, levamos falando moito tempo, e agora é como se estivera a soñar outra vez. Pero non é un soño. Eu non estou durmido agora mesmo.
–Tampouco levamos tanto tempo, nin sequera pasou unha hora.
–De veras? Eu diría que levo días aquí metido...
–Na cova, o tempo non conta. Só hai area. E pedras ingrávidas.
–... Doutor, cando entrei na súa consulta díxome que me podía atender porque estaba esperando a un paciente que nunca viña.
–Así é.
–...
–Adiante, pregunta.
–... Ese paciente son eu, verdade?
–Si.
–...
–Pregunta.
–Entón... non foi Anabel quen morreu realmente naquela cova de area...
–...
–Anabel só existía na miña cabeza, era un ser da miña imaxinación, é así? Aquela intuición terríbel que tiven un día e loitei por desbotar... Dígamo, por favor.
–As respostas están todas na túa mente, podes elixir a que queiras.
–Daquela, todo canto aconteceu despois, a miña estancia no hospital, a recuperación, o regreso a Casais, Laura, o libro, esta visita... Doutor, isto está pasando?
–É difícil de dicir, xa sabes, soño, realidade...
–Non, iso non me vale.
–Ti que percibes?
–Escuridade, confusión. Moitas dúbidas, e necesidade de saber.
–E non se che ocorre pensar que ao mellor deberías deixar de intentar entendelo?... Ah, Simón, estás tan necesitado de lóxica, de razóns, de encaixalo todo nos teus esquemas fáciles... Por que non te atreves a non pensar, a deixarte levar polos acontecementos, pola doce leviandade do baleiro? Como esas pedras…
–Pero... Pero eu vivín unha vida desde que espertei do coma, sígoa vivindo, teño unha familia, e unha noiva que me ama, estudo unha carreira, teño proxectos para o futuro.
–Iso cres? Entón, será verdade.
–E non ten sentido que estea morto. Ningún sentido.
–De acordo. Daquela, acepta o que tes e víveo. Non pidas outra cousa. Só o que a túa razón che dite. Serás moi feliz se o consegues.
–...
–...
–...
–En realidade, Simón, quen vive? Quen pode asegurar cabalmente que está vivo? Ninguén dos que te rodean cada día e cada minuto da túa vida poden saber que son nin se están ou non están. Ti, teus pais, Laura, o doutor Laredo, o Campás, a doutora Fontoira, Áurea... só somos sabas a secar, cabalos contra a xistra...
–...
–Síntoo. Pedíchesme axuda, por iso cho digo.
–E Anabel?
–Tamén Anabel.
–... Entón... é aí onde podo vela?... No xardín?...
–Aí é onde podes vela. Só tes que avanzar por el sabendo que estás nel, como ela o sabe desde hai tempo.
–...
–Vas ir?
–Só quero vela, saber que segue aí, na miña vida... Na súa vida, pero tamén na miña... Arestora está na casa en ruínas no medio do bosque, verdade?
–Non é moi lonxe de aquí.
–Porque as paredes desa casa forman parte do xardín. E non teño que seguir buscando, estou no xardín, sempre estiven no xardín...
–É hora de deixar de pensar. Déixate ir, fúndete co xardín, sé un con el. É a hora do encontro.
–Si.
–… a túa voz nos meus oídos...
–E tamén os teus músculos varonís para que me protexas, a ver que faría unha pobre dama soa neste monte. Necesito que vaias de caza e consigas comida, e que arranxes a casa que destruíu o temporal. E non te queixes, ninguén dixo que a vida de casado fose fácil. Cando regreses pola noite bicarei os teus pés cansos e lereiche os meus poetas preferidos á beira do lume...
–… á beira do lume...
–Oh, mira canto tardaches en vir, non me podes deixar soa tanto tempo, sabes? Unha ten necesidades. Non quero ser egoísta, pero non me debes descoidar. Onde estiveches todos estes anos? Xa o imaxino, viaxando, coñecendo outros países, outras xentes, vivindo experiencias; o mesmo que dicides todos. Seguro que pasaches penalidades, e que sentiches alegrías como nunca sentiras, non? Seguro que estiveches con fermosas mulleres, ao mellor incluso fundaches unha familia, e terás fillos, unha profesión, recordos... Ulises, meu navegante... Como é ela? É intelixente, sensíbel, nobre? Parécese a min?... Sentes amor por ela?... Pódesmo dicir, sabes que non me importa. Eu tamén teño outros noivos; xa cho dixen, un por cada día da semana. Aínda que ti es o que prefiro. Mais non debes deixarme tanto tempo soa, de acordo?
–… de acordo. Anabel...
–Necesitámonos ambos. Eu sen ti non son nada, non existo. E ti necesítasme tamén porque, ademais de amor, necesitas sentir a morte. E porque sabes que eu desexo ser a túa amante. Serei a que enche os ocos que ninguén máis podería encher, a que aluma os camiños que ningunha luz pode alumar; serei a auga que regue o teu xardín, auga de lúa para os teus ollos, para as túas mans, para o teu corazón necesitado de eternidade. Ven onda min.
–Anabel, Anabel...
29 de nov. de 2010
E despois... (IX)
–O que me pides é algo que non está nas miñas mans. Pero está nas túas. Só tes que mirarte.
–Mirarme?
–Dime, Simón: sabías quen era eu, pero, sabes quen es ti?
–Non entendo.
–Se sabes quen es ti, ou, mellor, que es ti, non precisas da miña axuda. En realidade, xa che axudei noutra ocasión, e foi suficiente para o que desexas.
–… Debo saber que son?
–Xa vai sendo hora. E tamén onde estás.
–Pensei que o sabía.
–Onde estás?
–Estou no mar, sobre o areal, o enorme areal que se estende polo medio da ría. Camiño sobre a area batendo cos meus pés nesta auga morna, tratando de non pisar os peixes arcaicos que me observan. É un lugar precioso, só pensar nel faime estremecer de gozo. Estiven aquí outras veces. Non sei onde se sitúa nin que ría é, mais non desexo outra cousa que estar aquí.
–Que raro! Pensei que estabas nun consultorio médico no hospital Marcelino Agulla.
–Estou, vin visitar a doutora Adelina Fontoira. Non é vostede a doutora Adelina Fontoira? Verá, quixera preguntarlle que facía no hospital cando eu estaba internado en estado de coma?
–Dime, Simón, que peixes son eses?
–Non estou seguro de que sexan peixes, son animais do máis estraño, con caparazóns, escamas aceiradas ou peles viscosas. Son tantos que fago esforzos por non pisalos, e iso é o que menos me gusta deste lugar, aínda que tampouco me dá noxo. É como se eu fose tamén un animal primitivo, aí deitado na auga morna, sen un obxectivo claro.
–Non hai unha cova?
–Haina, mais eu non estou nela. A cova tráeme recordos. Tal vez estiven alí algún día.
–Lembras como chegamos aquí?
–Trouxéchesme no teu coche, no teu Rolls Royce vermello. Eu viña no asento do copiloto. Viaxamos a través da noite.
–Así foi, a través da noite.
–Por que viñemos aquí?
–Non querías atoparte con Anabel?
–Ela está aquí?
–…
–Está aquí?
–Aínda non entendes o que ocorre.
–Que non entendo?
–Voucho explicar. Cada vez que viaxamos, dános a impresión de que nos movemos dun punto a outro, e iso pode ser certo cando é de día. Mais non cando se viaxa na noite.
–Que ocorre entón?
–Que nós estamos quietos. O que se move é o mundo. A noite existe para que as cousas que non se moven polo día se poidan mover na escuridade. Estou a falar das montañas, os ríos, as árbores… Pasan tan rápidos á nosa beira que parece que se transforman. Así é como se descobren os grandes misterios da natureza, na noite, e como se atopan as cousas que perdemos no pasado, ou os desexos que nunca se cumpriron. Porque a noite se encarga de poñer as cousas no sitio.
–Pois eu non vexo nada diso, Campás.
–Durmir.
–E cando espertas pola mañá, as cousas están todas no mesmo sitio?
–Si.
–E son todas igual a como eran?
–Son.
–Velaí o tes; porque a noite se encargou de que todo sexa como ten que ser e que todo estea no seu sitio. Así se explica.
–E eu como saberei cal é o meu sitio?
–Fácil. O teu sitio é sempre onde estás. En cada momento. Sobre todo, se é de día.
–Este sitio onde estou agora é o meu?
–É o teu. E tamén o meu, porque tamén estou nel.
–Estamos no mesmo sitio?
–Non o ves?
–Non pode ser, iso non pode ser.
–Por que non pode ser?
–Porque ti morriches. Estás morto. Como podes estar aquí comigo?
[…]
13 de nov. de 2010
E despois... (VIII)
–Non sei se te entendo. Dis que queres recuperar a Anabel.
–Si.
–E que esperas encontrala nesa casa ruinosa que ás veces está e ás veces non está.
–Precisamente por iso é o lugar indicado.
–Explícate.
–Vou a esa casa porque foi un lugar esencialmente máxico entre nós os dous, un lugar que seguramente só existiu nas nosas cabezas. A ver, non son un iluso; sei que ela non vai reaparecer na Xunqueira, nin no areal, nin no solar dunha casa que xa non existe, nin naquela cova onde pasamos tantas horas, pois está morta, e non é unha pantasma das dos contos. Mais pode volver a un lugar onde talvez nunca estivemos realmente, entende?
–Entendo. Só nas vosas cabezas. Como unha imaxinación…
–Non é unha imaxinación. Se o fose, gardaría esa sensación no andel das imaxinacións e alí quedaría.
–Segues coas túas caixiñas?
–Nunca as deixei, son moi útiles para moverse polo mundo.
–Pois a min estanme despistando. Imos tratar de lles poñer nomes ás cousas. Ti sabes que está morta. Es consciente de que nesta parcela que chamamos realidade, é dicir, fóra do mundo da ensoñación, a lembranza, a fantasía, o desexo, a mente, como lle queiras chamar a esoutra parte do noso interior na que tamén vivimos, ela non é máis que unha morea de cinsas, que xa nin cinsas serán, serán átomos de calquera outra materia da natureza, xuncos, cangrexos, cínifes, areas... Daquela, non pode volver de ningunha maneira como Anabel.
–Si…
–Non pareces moi convencido.
–O problema é que non me sei explicar con claridade. Traizóanme as palabras. A ver: non quero dicir que espero que resucite, por suposto. Non se me ocorre desexar tal cousa; de feito, non desexo que se altere a miña vida actual por nada; como lle dixen, síntome feliz, teño una existencia plena, teño máis do que lle podería pedir á vida. E tampouco soño con regresar aos dezasete anos. Ese tempo xa o vivín, xa pasei por el. Querelo repetir non ten sentido. Estou ben no punto no que estou. Mais… O que quero é recuperala noutro nivel de existencia. Existe iso? Pódese falar doutro nivel de existencia? Outra dimensión?
–… Continúa.
–Eu penso que si. E non falo do fácil mundo da fantasía nin da ensoñación nin dese recanto emotivo da lembranza nostálxica. Falo deste que, efectivamente, chamamos realidade. Eu, pola miña traxectoria, teño que saber da complexidade da existencia e das distintas maneiras de estarmos no mundo, algunhas consecutivas, outras simultáneas… É un feito comprobado, eu vivino. Daquela, por que non pensar que podo ser varias persoas á vez e ser cada unha delas plenamente, e vivir varias vidas sen que ningunha signifique un menoscabo para as demais?
–Vivilas simultaneamente.
–Ás veces simultaneamente, ás veces alternativamente. Nesa dimensión da que falo, a xeometría non é a que coñecemos. Vostede non lembra esa vivencia infantil que debemos ter todos pola cal pensabamos que, en canto deixabamos de mirar algo, ese algo deixaba de existir?
–Sei a que te refires. Todos os bebés gozan xogando a pechar e abrir os ollos e dicir “agora estás, agora non estás, agora estás”.
–Exacto. Tardamos tempo en coñecer a persistencia da realidade, en descubrir que é allea a nós. Que nós formamos parte dela, e non ao revés.
–Si.
–Pois ben, aí é onde a quero recuperar. Quero ser capaz de pechar os ollos e dicir “agora estás”, ou que estea cando os teño abertos. E iso sen que deixe de estar tamén todo canto me rodea no momento actual. Empezando por Laura e a vida que temos en común.
–Simón, ti es consciente de que o que queres tamén se lle podería chamar concubinato. Se falases con outra persoa, ao momento consideraría que o que pretendes é manter dúas relacións amorosas simultáneas, algo ao que sempre se chamou concubinato, adulterio, mancebía, amigamento, engano…
–Vostede sabe que non é iso.
–Tamén habería quen ditaminase algún tipo de esquizofrenia. O normal é ter unha única personalidade e unha única vida. Pero tampouco se trata diso...
–…
–Simón, volvereicho preguntar: por que me viñeches ver?
–…
–Non foi só unha visita casual, aproveitando que pasabas por aquí e viches a luz acesa, verdade?
–Verdade.
–Viñeches porque sabes quen son realmente…
–…
–… ah, esa palabra “realmente” empeza a ser un atranco na nosa comunicación. Viñeches porque sabes quen son, e porque pensas que podo axudarte. E axudala a ela.
–Si. Por iso estou aquí. Pódesnos axudar?
–… Podo.
–Vasnos axudar?
–Iso depende. E non de min.
–De quen depende?
–Dime unha cousa, antes de seguirmos adiante: estás seguro de que ela tamén quere volver? Onde ela está, as cousas non se perciben igual. Ti o dixeches: a xeometría non é a mesma. Se cadra, nin se lembra de ti. Sabes que a lembranza só é a actividade dun conxunto de neuronas nun cerebro. Ela non ten un cerebro coma o teu. Nin ten un corazón. Por que pensas que ela tamén quere volver?
–Xa cho dixen, tiña un presentimento. O feito de que volvese dar con aquel camiño e aquela casa… interprétoo como que ela quere establecer fíos para que nos reencontremos. E eu non desexo outra cousa. Por iso acudín a ti, Áurea. Se alguén sabe onde está Anabel e o que é agora mesmo, es ti. E se alguén pode traela ata min, ou levarme a min onda ela, es ti. Vasme axudar?
[…]