13 de nov. de 2008

Amor, doce amor

Outra proposta da artista Victoria Diehl para a capa de
O Xardín das Pedras Flotantes
Montaxe fotográfica sobre imaxes do parque de Bomarzo (Italia)


Nenos dunha época futura,
ao lerdes esta páxina indignada,
sabede que nun tempo pasado
o amor, doce amor,
considerouse un crime.
William Blake. Songs of Experience.



Esa noite, só tapados coa miña chaqueta e o seu chal de algodón, xacemos xuntos no xergón de area cuberta de follas e pétalos de flores. E ambos coñecemos o amor dos corpos por primeira vez. Era o momento. O misterio desvelouse, o misterio máis gardado, a apoteose da natureza. Foi coma se un mar de música entrase na cova anegando as nosas entrañas e nos empurrase a sermos ondas en perpetuo movemento, sempre ao encontro un do outro. Unha sabedoría oculta guiaba as nosas accións nunca aprendidas, nunca practicadas nin sospeitadas, e acabou por nos levar cara a unha éxtase na que nos disolvemos e nos unificamos e nos fixemos semellantes a deuses. Como se a natureza se estivese preparando durante séculos para facer daquel encontro algo inescusábel e perfecto.
O Xardín (páx. 283)