26 de abr. de 2009

Camiños vellos

Só se lembra dos caminhos velhos
Quem anda à noite à ventura.
José Afonso. "Natal dos simples"

Cada vez que comezaban os berros, Anabel íase refuxiar no dormitorio ou no sobrado. No sobrado dominaba o po, as táboas renxedoras, as tellas inseguras e numerosas especies de invertebrados e talvez de vertebrados; a nai negábase a entrar nel por cuestións hixiénicas e o pai, coas súas propias cismas na cabeza, non amosaba o menor interese. Daquela, convertérase para Anabel no territorio máis privado dentro da mansión. Alí descubrira tesouros sorprendentes e misterios innominados que procuraba manter en segredo para a súa preservación ante a ocasional curiosidade dos maiores. Rodeada daqueles obxectos antigos, abandonados e esquecidos, sentíase tranquila, tamén esquecida, e feliz, e alí era capaz de pasar horas e horas.

O Xardín (páx. 397)

16 de abr. de 2009

As casas
Un día consultei o Campás sobre as casas.
– As casas –dixo coa súa paciencia proverbial– hainas de dúas clases: as de ladrillo, as de pedra e as demais. As demais non nos interesan, porque practicamente non son casas, son choupanas ou covas. Despois: as de ladrillos fanse. Os albaneis colocan uns bloques sobre outros e así levantan paredes, pisos e teitos. As de pedra, non; as de pedra nacen.

O Xardín (páx. 108)
Agora direi como é Ottavia, cidade-arañeira. Hai un cavorco entre dúas montañas esgrevias; a cidade áchase no baleiro, atada aos dous cumios con cordas e cadeas e pasarelas. Camíñase sobre os traveseiros de madeira, coidando de non poñer o pé nos ocos, ou hai que se guiar polas cordas de cánabo. Abaixo non hai nada en centos e centos de metros: pasa algunha nube; dexérgase máis abaixo o fondo do barranco.
Esta é a base da cidade: unha rede que serve de pasaxe e de soporte. Todo o demais, en vez de se elevar enriba, pendura cara a abaixo: escadas de corda, hamacas, casas feitas en forma de saco, colgadores, terrazas como pequenas naves, foles de auga, picos de gas, asadores, cestos de rafia suspendidos, montacargas, baños, trapecios e aneis para xogos, teleféricos, lámpadas de luces, macetas con plantas de follaxe oscilante.
Suspendida no gran cavorco, a vida dos habitantes de Ottavia é menos incerta que noutras cidades. Sábese que a rede non sostén máis ca iso.
Italo Calvino. As cidades invisíbeis.

10 de abr. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (e VIII)

Desde aqueles días, nas aldeas que conforman a parroquia de San Martiño de Vilaboa mantívose durante xeracións a dúbida nunca esclarecida sobre se os feitos contados por Eliseo da Reigosa e repetidos durante toda a súa vida foran certos ou se só foran unha meticulosa invención súa dirixida, por un lado, a que os frades que invadían a propiedade comunal quedasen baixo o ollo atento da xustiza, e, por outro, a que se arranxasen os problemas familiares para poder casar coa moza que quería. Sábese que a Real Audiencia de Galicia, por recomendación expresa da Casa Real, dispuxo e mantivo durante lustros unha vixilancia discreta nos camiños que saían das Salinas, a fin de evitar que ese ouro e esa prata, no caso de existiren, saísen de alí; mais, que se coñeza, non obtiveron ningún resultado. Tampouco se sabe se os xesuítas o poderían sacar do escondedoiro e enviar ao destino previsto. Constatouse, iso si, que nos meses seguintes, talvez grazas aos traballos de limpeza ordenados polos doutores composteláns, medrou notabelmente a produción de sal; ou polo menos iso parecía, pois nos carros ían máis sacos e estes ían máis cheos.
En calquera caso, a poboación da contorna seguiu a litigar durante anos coa Compañía de Xesús na defensa dos seus intereses. A Pragmática Sanción dada por Carlos III en 1767, que decretaba a expulsión da orde fóra do país, puxo fin a esta contenda legal, se ben seguiu sen se resolver o problema da propiedade e explotación da enseada do Ulló.

Case un século despois, os terreos das Salinas foron postos en poxa pública dentro do proceso redencionista e privatizador das sucesivas leis de desamortización. Por un raro capricho do destino, foron mercados por un bisneto do matrimonio Da Reigosa-López, de nome Abundio Reigosa Fernández, o cal fixera fortuna no ámbito da pesca e as empresas conserveiras.
A figura de Abundio Reigosa sempre constituíra un misterio para os seus contemporáneos, por canto pasou de posuír unha mísera embarcación para a pesca de baixura no lugar de Acuña a se converter, nun prazo mínimo de tempo, en potente armador con flotas de barcos en Cangas, Marín e Bueu, e, inmediatamente, a mercar unha fábrica de conservas que fora posta en marcha no seu día por fomentadores cataláns e que el modernizou e converteu nun puxante emporio industrial. Como daquela aínda se mantiña viva a lenda do tesouro escondido das Salinas, houbo quen relacionou o seu despegue económico coa descuberta do mesmo; mais isto nunca se puido comprobar nin o novo ricohome deu nunca unha explicación ao respecto, agás quizais o xesto de mercar os terreos da enseada e reedificar a vella casa dos frades, seguindo os gustos da fidalguía agraria, para vivenda de recreo.
Unha das súas fillas, María Guadalupe Reigosa Caamaño, aínda había ampliar a preeminencia social da familia ao casar, en novembro de 1846, con Abelardo Gunderiz Rivas, décimo terceiro marqués de Gunderiz e vizconde de Oleiros de Sol.

(Máis sobre esta historia en O Xardín das Pedras Flotantes)

(Sobre "O segredo das Salinas do Ulló")

Os fillos e netos que tiveron habían preferir a patria materna como lugar de residencia, ata o punto de que un deles, Mariano Gunderiz Reigosa, adquiriu un extenso soar na beira do Lérez próximo aos peiraos das Corvaceiras e construíu en 1911 unha gran casa burguesa de fábrica nobre e traza levemente modernista que había ser expoñente do seu poderío económico e a súa cultura. Mariano Gunderiz chegou a desempeñar un forte protagonismo na vida pontevedresa no seo dunha intelectualidade ilustrada e progresista, sendo a súa mansión lugar de encontro de empresarios e líderes políticos, de poetas, músicos e filósofos, protagonismo que marcaría a infancia do seu fillo Pedro Luís, décimo quinto herdeiro ao marquesado de Gunderiz entre outros títulos.
[...]

O Xardín (páx. 334)

1 de abr. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (VII)

As autoridades civís de Pontevedra recibiron a denuncia do que ocorrera no lugar das Salinas e acudiron decontado para comprobar a súa veracidade, deter os culpábeis e recuperar un tesouro que era propiedade da Casa Real. Mais ao chegar atopáronse con que nas Salinas non había máis relixiosos ca a quincena escasa que se ocupaba normalmente de atender a explotación, e ningunha noticia nin sinal de que alí se desenvolvese ningunha actividade diferente á de abrir e pechar as comportas das bancas e recoller en sacas o pouco sal que deixaban as mareas. Tampouco obtiveron ningunha información a respecto do achado de ningún cargamento de ouro e prata baixo as augas nin, por suposto, ningunha confesión sobre o lugar onde se escondera ese suposto tesouro que alí ninguén vira. Todo iso só podía ser, aseguraban os sempre candorosos frades, abraiados por aquel interrogatorio, unha fantasía dalgunha persoa moi afeccionada a inventar contos, quizais de alguén que quería deitar mala fama sobre eles para que lles retirasen a concesión das Salinas; outra explicación non había. Con respecto á prohibición de que ninguén se achegase ao lugar durante as semanas anteriores, testemuñada polos veciños, aduciron que recibiran queixas de que o sal extraído viña acompañado dalgunhas substancias impropias, e coidaron que podía existir na natureza da zona algún tipo de corrupción, de aí que actuasen rápido prohibindo que ninguén se achegase mentres doutores vidos de Compostela investigaban con instrumental científico a calidade das augas. Finalmente, chegárase á conclusión de que a única corrupción que había era o pouco coidado que os veciños tiñan dos regatos que desaugaban na enseada, onde ciscaban toda clase de refugallos e incluso animais mortos, asunto este que, como era sabido, xa denunciaran con anterioridade e se achaba en mans da xustiza. Desexosos de colaborar plenamente cos investigadores, os frades aínda engadiron, como única información que podían aportar a respecto dos recentes sucesos entre os habitantes de Paredes e Acuña, que un transeúnte que pasaba con frecuencia polas bancas entre unha e outra aldea lles contara que en Acuña uns veciños pillaran un mozo de Paredes tratando de forzar unha moza e que lle deran unha malleira de morte, e que iso mesmo fora o que eles lle dixeran a un home de Paredes que se achegara a preguntar polo seu fillo desaparecido. Ningunha outra cousa sabían os bos frades, que tiñan como única e humilde tarefa atender aquel traballo mundano no exercicio da súa misión espiritual para o ben das persoas e na honra de Deus, e ningún delito se puido investigar nin ningún misterio se puido resolver por moito que se pescudou nas súas vivendas, en toda a zona terrestre e nas calmas augas das Salinas. Os xustizas regresaron a Pontevedra dando por pechado o caso, os relixiosos volveron ao seu traballo rutineiro e os veciños de Acuña e Paredes tornaron aos fogares de novo en paz e concordia. Por último, a resultas duns sucesos que chegaran a un extremo tan dramático, e como colofón feliz e case de conto, os pais de Celia acabaron por restablecer a relación cos seus antigos inimigos de Paredes e por consentir o matrimonio entre esta e Eliseo, o cal se celebrou ao pouco tempo en medio da ledicia xeral.