26 de mar. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (VI)

Cando os frades xa remataban o labor de cambiar o tesouro aos coiros novos, escoitou os cascos dun cabalo que chegaba. Era o emisario que saíra para Pontevedra en canto rematara a extracción dos fardos. Traía a encomenda de que se gardasen no lugar previsto á espera de recibiren ordes máis concretas da superioridade que preparaba o envío a Roma. O xefe da comunidade fíxoo partir de novo para dar conta da detención dun rapaz que fora testemuña da operación e que constituía un claro perigo para a misión. Coa mesma, e aproveitando a chegada da noite, os frades comezaron un novo traslado dos fardos, esta vez en dirección a algún lugar oculto nas inmediacións.
Na casa principal quedaron os oito homes que adoitaban durmir alí mais dous de garda, espertos e velando por Eliseo. Este tamén quedou sen durmir, pero non achou a maneira nin a ocasión de fuxir do seu encerro, xa que os vixiantes non saíron do cuarto nin un momento. Cando sentiu que o sol levantaba e relevaban a garda, deixouse adurmiñar un pouco para gañar folgos por se se presentaba a ocasión.
A iso da media tarde, chegou ás casas das Salinas o pai de Eliseo, sorprendido de non atopar sentinelas que lle prohibisen o paso e desexoso de preguntar se os frades tiñan noticias do fillo, que esa noite non durmira na súa cama e non sabían nada del. Eliseo, recluído no cuarto interior, espertou ao oír a voz coñecida, mais foi suxeitado e a súa boca enmudecida. A través da parede, escoitou como os frades negaban saber nada del, aínda que, engadiron, chegara aos seus oídos o rumor de que no lugar de Acuña se armara un grande balbordo porque uns veciños sorprenderan un mozo de Paredes tratando de forzar unha rapaza, e que a emprenderan a paos con el ata causarlle feridas de morte. Malia a insistencia do pai, non lle souberon dicir que veciños eran nin quen o rapaz nin dispoñían de máis datos fóra dese relato que lles chegara a través dalgún transeúnte.
O ferreiro volveu á casa alporizado en busca de axuda para indagar o sucedido e ver se se trataba do seu fillo. Eliseo, no seu encerro, comprendeu que os frades argallaran aquela mentira coa idea de lles botar a culpa da súa morte a veciños de Acuña, veciños dos cales nunca se sabería o nome da mesma maneira como tampouco se atoparía o seu cadáver no fondo do mar.
O tempo botábase enriba e non podía esperar máis, pois en calquera momento unha fría daga acabaría coa súa vida. Debía facer algo, tiña que obrar con determinación. Unha vez que o pai estivo lonxe, os gardas soltárano e relaxaran a vixilancia. O rapaz, con disimulo, colleu o puñal que escondía baixo as calzas e dispúxoo na man. Fóra do seu cuarto non se escoitaban voces, o que significaba que se achaban sós el e os dous gardas. Cunha rapidez e unha enerxía que non pensou que tivese, saltou sobre eles e feriunos a ambos. Saíu antes de que os seus berros atraesen a máis homes. Alancou cara á banca, cruzou o paso a toda velocidade empurrando e tirando á auga un frade que se lle arrepuxo, e perdeuse pola costa arborada en dirección a Paredes. Os relixiosos tardaron en reaccionar, de xeito que non o puideron alcanzar.

Eliseo chegou á aldea case sen folgos e dirixiuse á súa casa. A nai, feliz de velo con vida, díxolle que o pai saíra cun grupo de familiares e amigos en dirección a Acuña dispostos a emprendela a golpes con todos os que acharan por diante ata coñecer o seu paradoiro.
Un veciño cedeu o seu cabalo para que o rapaz puidese chegar á aldea da moza antes de que o bando de vingadores cometese algún acto irreparábel, pero para evitar pasar polas Salinas tivo que dar un rodeo, o que fixo que se demorase. Os seus familiares tiñan cercada a casa de Celia e discutían a berros cos seus pais preguntando polo rapaz, ao que estes contestaban que non sabían nada del. No momento xusto en que preparaban fachos para lle prender lume á propiedade, chegou Eliseo e abrazouse ao pai pedindo que se calmasen os ánimos de todos, que el había explicar o sucedido punto por punto. Máis acougados, os pais de ambos os mozos e todas as persoas que se reuniran no lugar escoitaron con asombro a historia que lles contou o aprendiz de ferreiro.

18 de mar. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (V)

Comezaron por lle dicir que os sacos de ouro e prata proviñan das colonias de América. Eran unha parte do tesouro desembarcado en Rande no ano 1702, días antes do ataque da escuadra anglo-holandesa. Aquel cargamento de riquezas era tan enorme que se requisaran ata dous milleiros de carros entre Santiago, Pontevedra e Vigo para o seu envío á capital de España. O transporte realizouse pola estrada Vigo-Santiago, rodeado dunha enorme vixilancia. Pero o inmediato ataque dos inimigos fixo que se cometesen erros e que abrollase algún arrouto de cobiza entre os que conducían a prezada carga. Un destes intentos de roubo deuse ao seu paso polo lugar de Vilaboa. Dous carros foron desviados da ruta e conducidos a través de camiños interiores. Supuxeron os seus condutores que, entre tanta cantidade de vehículos e o fragor da batalla, non se ían botar en falta. Non foi así, e axiña saíron soldados na busca das taleigas que non chegaran ao destino. O certo é que os carros e o ouro nunca foron atopados, nin tampouco os carreteiros, que conseguiron escapulirse por completo.
Pasou o tempo, a guerra rematou e en España quedou asentada definitivamente a dinastía dos Borbóns. Entre os cambios que se derivaron dos novos aires traídos pola monarquía francesa, apareceron os receos contra a Compañía de Xesús, e esta ameaza foi a máis conforme medraba a influencia de certos círculos eruditos que se facían chamar a si mesmos "ilustrados". A Compañía de Xesús, absolutamente fiel ao mandato papal, como se demostrara na loita sen cuartel contra a Reforma, necesitaba facer valer o seu legado histórico como baluarte da cristiandade perante calquera herexía. Daquela, ía precisar dun sustento económico para se enfrontar á campaña de difamación e intrigas que se preparaba contra ela. Por outro lado, dábase a circunstancia de que o ancián Papa Benedicto XIII se achaba enfermo, e contábase con que o seu mandato non duraría moito. Os xesuítas desexaban influír no nomeamento do novo Vigairo, e tamén para iso lles sería útil un "milagre" que inflase as súas castigadas arcas.
A orde de recadar fondos chegou á delegación do Colexio en Compostela, e os seus responsábeis asociárona axiña á lenda nunca comprobada da desaparición dos dous carros cargados de ouro e prata procedentes do desembarco de Rande. A partir de aí, as sempre eficaces redes de información da Compañía abriron unha pescuda na que conseguiron localizar un dos encargados do seu transporte. Tratábase dun home que sobrevivía en Portugal como tratante de gando baixo o nome falso de Paulo de Freitas. Nun primeiro momento, cruzara a fronteira á espera de que a xustiza se esquecese del para logo volver ao rescate da fortuna. Pero as ameazas non remitían e o home, temoroso do castigo que lle agardaba se o pillaban, decidira continuar a súa vida lonxe do país e definitivamente esquecido da existencia do tesouro, como supuña que igual lles pasaría aos demais que participaran no roubo. Os xesuítas utilizaron toda clase de mañas, incluídas ameazas sobre a súa muller e os seus fillos, e arrincáronlle a confesión de que as taleigas foran arroxadas ao fondo da ría de Vigo no lugar das Salinas de Vilaboa.
O resto da historia xa era coñecida por Eliseo. A casualidade histórica fixera que os xesuítas fosen usuarios dos terreos que acubillaban o enorme tesouro que lles era tan necesario e que, porén, non lles pertencía por ser propiedade da Casa Real. Daquela, o que cumpría era un traballo secreto de busca e extracción e, posteriormente, o seu transporte en dirección a Valladolid e de alí a Roma sen que ninguén se apercibise do que ocorría.
Tras a detallada confesión que deixaba á vista o delito capital da comunidade relixiosa, a Eliseo non lle quedou a menor dúbida de que os frades non mentían cando lle anunciaban que non o podían deixar con vida. Sería inútil que lles xurase o seu silencio eterno perante o sagrado cáliz, pois estaban en xogo intereses que rebordaban todo trazo de humanidade e de piedade. Íano matar, e logo seguramente farían desaparecer o seu corpo nos escuros fondos da enseada; a mesma auga que custodiara durante case trinta anos o incríbel tesouro sería a que gardaría o segredo do seu asasinato.
Desde ese momento, ao mozo non lle quedaba máis opción que a de intentar fuxir.

13 de mar. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (IV)

Eliseo, desexoso de ver a moza e de restablecer as súas citas na Regaduxa tras o tempo de encerro, volveuse internar polas bancas en canto o traballo na ferraría llo permitiu. Outra volta apareceron os vixiantes, con máis violencia ca nunca. Esta vez, tras breve e desigual pelexa, o rapaz conseguiu zafarse e foise agachar nas pólas dun tupido castiñeiro. Os gardas dérono por fuxido e deixaron de buscalo. Eliseo mantívose unha miga á espera e, cando ía continuar a marcha, volveuse agachar porque chegou aos seus oídos unha conversa entre dous frades que paseaban polas inmediacións e que tiñan aspecto de autoridades, a xulgar polos adobíos. O asunto ao que se referían, segundo colixiu, era o paso por Vilaboa dos convois que, case trinta anos antes, transportaran o inxente cargamento de ouro e prata traído de América pola flota de Indias e desembarcado con apuro no estreito de Rande ante a ameaza do ataque dos ingleses. Cando máis interesado estaba o rapaz na conversa, incorporouse un novo frade que avisaba da inminente chegada dun emisario da xudicatura provincial con ordes de facer unha inspección xeral ás Salinas a propósito do proceso que se seguía contra eles. Axiña acordaron adoptar medidas para disimular os traballos que se realizaban e, como primeira decisión, ordenaron suprimir os postos de vixilancia para aparentar a maior normalidade. Eliseo, entón, comprendeu que a orde de afastamento non estaba ditada pola autoridade competente, senón polo capricho inxusto e abusivo dos propios xesuítas.
En canto regresou a Paredes tras a súa visita a Acuña, o mozo esforzouse en reunir familiares e veciños para lles explicar o que sabía; porén, non conseguiu convencelos de que podían facer uso dos seus dereitos cívicos sobre as Salinas. Só el, pola súa conta, decidiu roubarlle horas ao traballo da fragua para ir axexar a actividade dos frades desde o arboredo que rodeaba as bancas.
Nos primeiros días, non obtivo máis froitos que algunha que outra conversa ou comentario sen demasiado interese. Mais por fin, a finais de xaneiro, o seu esforzo se viu recompensado cun achado que o deixou abraiado. Nas últimas semanas, a actividade de exploración concentrárase nun punto preciso situado a medio camiño entre as dúas comportas da banca sur polo seu lado exterior. Os frades andaban alborotados e a vixilancia extremárase para asegurar que ninguén se ía achegar ás proximidades. Eliseo, situado nun alto que lle permitía seguir a escena ao detalle, dexergou como algúns frades foráneos substituían os hábitos por cinxidos traxes feitos de coiro e calzado provisto de pesas de metal e se guindaban ao mar atados con cordas ás gamelas. Tras deles botouse, en vertical, unha especie de campá de metal semellante a outras que el vira debuxadas nun libro que falaba da arte do mergullo e que se utilizaban para respirar debaixo da auga. Os homes tamén levaban consigo cordas e ganchos de metal. Volveron emerxer ao cabo dun tempo e as cordas foron levadas ata a banca. Acto seguido, coa forza conxunta de moitos brazos, comezou a extracción de algo que había no fondo e que debía ser o centro absoluto do seu interese, dada a expectación e nerviosismo con que actuaban. O pasmo de Eliseo foi en aumento. O que saíu da auga, atado coas cordas e ganchos, foron unha serie de fardos de coiro cubertos de algas, lama e cunchas mariñas.
Os homes fixeron tres inmersións máis e en total sacaron vinte e catro vultos. Antes de transportalos á terra firme, os frades racharon con coitelos un dos sacos sobre unha manta facendo que se esparexese un indescritíbel tesouro formado sobre todo por pedras de ouro e de prata, moedas, e tamén pedrarías e diversos obxectos metálicos que relucían baixo o frío sol de xaneiro. Inmediatamente, a un sinal dado, un home que agardaba na ribeira montou a cabalo e arrincou a toda velocidade en dirección a Pontevedra.
Todos os fardos foron transportados, coa axuda de carros e bois, ás vivendas dos xesuítas. En canto desapareceron os últimos, Eliseo púxose a cruzar a banca para achegarse e continuar a pescuda, pero esta vez foi descuberto e apreixado. Os frades amosáronse moi contrariados pola súa presenza. Aínda que el lles xuraba que non vira nin escoitara nada e que só cruzaba a banca para dirixirse a Acuña, onde tiña moza, eles estaban seguros de que o rapaz presenciara o rescate do tesouro. Convertérase nunha testemuña absolutamente perigosa; e como nada se podía interpoñer diante da misión que debían cumprir, que estaba por encima de calquera vida humana particular, non ían ter máis remedio que matalo. Iso foi o que lle dixeron, con beatífica calma ante a consternación de Eliseo. E para que comprendese aínda mellor o alcance do erro a onde o conducira a súa curiosidade, e asemade para que aceptase a necesidade irremediábel do sacrificio, ao tempo que gardaban o tesouro en taleigas novas que eran coidadosamente pechadas e arrombadas, concedéronlle a graza de coñecer punto por punto todo o que estaba sucedendo.

8 de mar. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (III)

Se ben a representación do concello de Vilaboa nos litixios coa Compañía de Xesús estaba a cargo do alcalde pedáneo Maximino Hortas de Abade e dunha delegación de cada núcleo veciñal, porén, naquel tempo adquiriu especial protagonismo un mozo de Paredes chamado Eliseo da Reigosa, de vinte e un anos de idade e aprendiz do oficio de ferreiro no obradoiro do seu pai. Ademais de explorar os misterios da fundición dos metais e a forxa, Eliseo era coñecido como persoa moi curiosa por todo tipo de saberes; fora capaz de aprender a ler grazas aos esforzos dun fidalgo ao que servira de cativo, e desde entón lía cantos libros e escritos podía conseguir, que non podían ser moitos, e era apreciado polos seus coñecementos sobre a natureza e sobre historia. Tamén tiña sona de gran inventor de contos con múltiples recursos.
Eliseo tiña, daquela, moza no lugar veciño de Acuña, unha rapaza de dezanove anos chamada Celia López de Teixeiro. Os seus pais, emparentados co señorío local, eran donos dunha notábel facenda en terras, casas e gando, e sendo a rapaza, ademais, fermosa e desenvolvida, non lle faltaban pretendentes desexosos de lle facer as beiras. Pero Celia xa elixira e, aínda que non lle comunicara a ninguén a noticia do seu noivado, estaba convencida de que o home da súa vida era Eliseo do mesmo xeito que ela era a amada do seu corazón.
O motivo de que a súa relación non fose coñecida era que entre as familias de ambos existía un pasado de liortas por asuntos herdados dos devanceiros, asuntos que tiñan que ver con estremeiras, regadíos e camiños de paso en veigas e devesas que nin sequera eran propias. Nesa altura, os problemas xa non existían, pois arranxáranse dentro da lóxica evolución dos tempos, mais mantíñase a inimizade como un mandado antigo que non se debía escusar.

A pesar destas circunstancias, os mozos aproveitaban todas as ocasións das que dispoñían para estaren xuntos. Cada vez que tiñan previsto verse, o de Paredes percorría os dous quilómetros escasos que separan ambas as localidades, e facíao polo itinerario máis breve, para o que debía cruzar as bancas das Salinas. O lugar de cita adoitaba ser unha fonte vella e escondida que había onde comezaba a fraga da Regaduxa.
Ía xa máis dun ano que se vían desta maneira e a parella, que se quería con amor verdadeiro, tomara nesta altura a decisión de llelo comunicar ás correspondentes familias para que arranxasen as súas relacións e deixasen a un lado os problemas. Pola parte de Eliseo, a comprensión na casa fora fácil e había disposición ao entendemento, mais non así pola de Celia, que foi ameazada con pechala nun convento se persistía en verse co aprendiz de ferreiro de Paredes. Daquela, aínda que finxiron unha ruptura dolorosa, continuaron a verse en segredo na fonte da Regaduxa, á espera de que mellorasen os ánimos e o tempo amolecese os sentimentos.
Co ánimo aflixido polo curso que levaba a súa relación amorosa, non estaba Eliseo en disposición de atender a normas que nin entendía nin lle parecían aceptábeis; daquela, malia a prohibición de que os veciños se achegasen ao recinto das Salinas, el continuou usando o paso das bancas cando facía o camiño de Acuña, algunhas veces agachado, outras a corpo descuberto. Sentíase protexido non só polo convencemento de ter o dereito natural e ancestral a aquel paso, senón tamén porque sempre levaba consigo, oculto baixo as calzas, un rexo puñal de aceiro feito por el mesmo e gardado na súa funda de coiro atada á perna; aínda que non estaba seguro de ser capaz de usala contra ningún ser humano, a arma dáballe ánimo e confianza.
Nunha destas, xa nos primeiros días de 1728, cando facía o seu camiño coa cabeza posta nos claros ollos de Celia, foi detido polos gardas. Os funcionarios relixiosos que dirixían o concienciudo exame das augas da Salina de Porto de Muíños advertírono de que non podía volver por alí so pena de ser denunciado diante das autoridades civís e encarcerado e seguramente obrigado a pagar unha forte multa. Mais Eliseo, rufo e firme nos seus dereitos, teimou no empeño de seguir pasando polas bancas cando lle petase. Daquela, non pasaría moito tempo sen que o prendesen de novo. Como medida de escarmento, mantivérono retido durante dous días na choupana na que moraban os gardas encargados de custodiar a explotación.
O pai do mozo, Álvaro da Reigosa, recibiu a noticia da detención a través do cura párroco de Vilaboa. Foi protestar decontado diante dos rexedores do Concello e, ao non obter pronta resposta, dirixiuse directamente aos relixiosos. Estes entregáronlle o fillo, mais co aviso de que quedaba nas súas mans, como autoridade paterna, impedir que volvese quebrantar a orde de afastamento.

1 de mar. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (II)

Foi precisamente daquela, a finais do ano 1727, coincidindo cun repentino e inexplicábel empeño dos frades en monopolizar ao seu antollo o uso de augas e terras, cando os veciños apreciaron unha notábel intensificación dos traballos na zona coa chegada de numerosos homes, tanto relixiosos como laicos, para os que se improvisaron tendas de acampar, e a presenza frecuente de autoridades eclesiásticas vidas de fóra. A finais de decembro, o conflito subiu de graos cando se difundiu pola comarca unha orde que prohibía que os veciños se achegasen aos terreos das Salinas baixo ningún pretexto nunha distancia de trescentos pasos en toda a contorna, nin para labores agrarias nin pesqueiras de ningunha índole, nin sequera para o tránsito dos viaxeiros. Para un maior control do cumprimento da orde, os relixiosos chegaron a apostar sentinelas con armas en puntos de vixilancia estratéxicos. A proverbial paciencia dos labregos, acostumados a usar libremente aquel paso entre a parte leste e a parte oeste da ría incluso despois da cesión da explotación, estaba a piques de se esgotar, se ben preferiron seguir conducindo as súas reclamacións polos condutos oficiais, sempre lentos e desacougantes.
A orde de afastamento non impedía, porén, que os aldeáns dexergasen de lonxe o minucioso labor de múltiples persoas que examinaban con atención as augas, sobre todo pola parte exterior da banca sur. Movíanse a un lado e outro sobre os perpiaños de granito e traballaban tamén desde pequenas gamelas que se desprazaban lentas pola superficie normalmente calma. Por veces facían uso de aparellos que parecían deseñados para examinar o interior da auga, e incluso chegaban a mergullarse, malia as baixas temperaturas do inverno, homes experimentados que permanecían moito tempo no fondo. Para todos parecía evidente que a Compañía estaba decidida a elevar ao máximo a produción de sal promovendo a construción dunha nova salina no fondo da ría; outro obxecto non podían ter aqueles estudos científicos da enseada. Con todo, houbo quen negou esta explicación e relacionou a esixencia da exclusividade absoluta do lugar con asuntos de política, xa que se falaba da construción de fortalezas en distintos puntos das rías que servirían tanto para impedir as incursións dos piratas coma para se defenderen do inimigo inglés, non de todo satisfeito tras o tratado asinado en Utrecht como remate da guerra de Sucesión. Tamén se chegou a pensar no establecemento dun centro para o desembarco clandestino de escravos dentro dun comercio no que Inglaterra gozaba dunha substanciosa concesión monopolística. Os rumores sobre as actividades que se desenvolvían nas Salinas estendéronse ao terreo da medicina, ao se dicir que o interese daquelas augas tiña, en realidade, un carácter terapéutico, despois de que se descubrisen propiedades que podían ser aplicadas a enfermidades como a que padecía o monarca Felipe V, o cal, tras a recente perda do seu fillo Luís, vira recruar a súa tendencia á postergación e a melancolía.