15 de out. de 2010

E despois... (VI)


[…]
–De acordo. Un deles é iso que chaman un soño recorrente. Trátase dun lugar xeográfico concreto, un lugar que tal vez exista, nunha ría galega que podería ser calquera. Eu vou en coche, saio da estrada xeral e intérnome por unha desviación que coñezo perfectamente, e axiña chego aos cantís. Conforme me aproximo, a inmensa beleza do rochedo sobre o mar, co sol reflectindose na limpidez da paisaxe, conmóveme no máis profundo. É unha emoción que me fai vibrar, un deses intres de éxtase que valen por toda unha vida, sabe o que quero dicir?... De súpeto, estou una auga, camiñando. A praia esténdese baixo o mar ata moi longa distancia, cunha area moi fina que forma ondas, como levísimas dunas. A auga aí ten pouca altura, non me chega aos cadrís. É cálida, deliciosamente cálida; eu non son dado a bañarme no noso mar, a frialdade faime dano. Mais aquí é un gusto, coma se fosen augas tropicais. Logo estou arrástrandome por esa auga valéndome das mans, coma se reptase. É unha sensación moi gorentosa. Trátase dun soño que me fai feliz. Ata que me decato de que na auga tamén hai peixes. Primeiro vexo algúns, mais axiña son multude Son peixes que non son peixes, son animais estraños, como seres doutra era, con duras escamas, con courazas, con peles brillantes e esbaradizas. Quizais especies abisais, ou prehistóricas, ou extraterrestres. Algúns son tan grandes que poderían devorarme. Móvense lentamente ao meu redor, ou están parados. Algúns ata parecen mortos. Nalgún momento hai tantos que non podo desprazarme se non é polo medio deles. Teño que pisalos necesariamente; non lles fago dano, mais podo sentilos baixo os meus pés, latexantes, tamén atentos á miña presenza. O certo é que non me dan medo. Danme noxo, mais non medo, quizais porque sei que aquel é o seu sitio natural. Mais eu quero saír, e sinto que non podo. Entón séntome nunha pequena lomba de area e fico alí tempo e tempo, contemplando aquel rebulir de vidas alleas no corazón do paraíso, sentíndome case unha delas… Lembro vivencias semellantes de cando estaba enfermo. Lembro aquela paraxe tan fermosa que facía tremar de emoción o meu subconsciente. E lémbrome desprazándome na auga cálida sobre o areal. E esa fauna estraña ao meu redor. Doutora Fontoira, por que persisten na miña cabeza eses soños?



–Quizais non sexan soños, Simón.
–Realidades tampouco parecen.
–Non é tan simple. Non son dous mundos separados. Non podemos asegurar que soñamos só cando durmimos e que vivimos no mundo real cando estamos espertos. Existen fendas entre ambos os mundos, e podemos caer nelas en calquera momento sen nos decatar. Mesmo pola acción de certas substancias. Quizais os medicamentos que che recomendei. Estalos a tomar, non? Os teus pais dixéronme que te estabas portando ben.
–Tomo os meus medicamentos, aínda que non sinto que cambie nada. Só eses soños que volven unha e outra vez. Son provocados pola medicina?
–Podería ser.
–E por que me fai tomar medicinas?
–Xa falamos diso, Simón. Son necesarias para a túa estabilidade. Fanche ben.
–En todo caso, o que vivo son imaxinacións.
–…
–Tampouco?
–Dime algo máis. Cóntame outros soños.
–Outras veces soño co desfiladeiro. Aquel desfiladeiro no que caín durante o xuízo que se me fixo tras a morte de Anabel. Volvo sentirme no val bretemoso, rodeado de neve moura, de montañas venteadas, de cabalos con grandes crinas. Estou outra vez sentado sobre o seu cadaleito de mármore á espera do barco que me levará onda ela. Son soños breves, como fragmentarios, máis tan intensos como o eran daquela. Por veces sinto coma se aínda estivese alí. Coma se nunca espertase do meu sono no hospital Marcelino Agulla.
–É moi interesante iso que dis.
–Por que?
–Unha idea moi potente para a imaxinación, verdade? Vivir sempe nun soño, sen sabelo, pensando que estás esperto. Unha idea de moito rendemento literario, creo.
–Pero non falamos de literatura.
–Non importa, podemos divagar. As divagacións achégannos á verdade. Tamén podería darse o caso de que nin sequera chegases a estar soñando, que ese estado de coma no que te atopaches nunca se producise; que nunca saíses do meu despacho a primeira vez que entraches e que acabases de espertar agora mesmo, nesta conversa, coa túa memoria cargada de lembranzas de feitos que nunca viviches. Pódesme crer, non tiña por que ser unha ficción; nos andeis secretos das boticas existen substancias capaces de provocar esas vivencias. Soño, realidade, esa fronteira tan débil… Desculpa, coido que divago demasiado. Ultimamente leo moito, sabes? Aínda que non o pareza, eu tamén teño debilidade polos territorios da creación.
–Pero eu necesito saber a verdade, doutora Fontoira, para iso vin. Necesito saber.
–Para iso viñeches? Cres que eu teño a resposta?
–Vostede pódeme axudar a descubrila. Dígame o que pensa.
–O que eu pense non importa demasiado, Simón, importa máis o que pensas ti.
–Vaia, bonito recurso da psicología evasiva. Cando o profesional non sabe analizar un caso, déixalle ao paciente a responsabilidade. Para iso queremos psicólogos?
–Por favor, controla a túa linguaxe.
–Se non ten nada que dicirme, por que me mandou vir? Teño máis cousas que facer, e os meus pais teñen mellor en que gastar os cartos.
–Por que me falas así? Pensei que superaras esa faceta orgullosa, Simón.
–Que?
–Creo que perdiches a compostura. Que che ocorre?
–Oh, por favor, perdoe. Pensei que estaba a falar con outra persoa…
–Outra persoa?
–Si, unha persoa do meu pasado. Por un momento pensei…
–Pois son eu, o doutor Díaz Laredo.
–Por suposto. Que estraño… Esa persoa dicía unhas cousas que… tampouco eran propias dela. Non entendo o que me pasou. En fin, desculpas de novo, non quixen…
–De acordo, enténdoo. Sígueme contando os teus soños. Aínda que… Verás, estoute escoitando e dáme a impresión de que non me dis o que me queres dicir. Como se quixeras irte aproximando a algo, mais só estás dando voltas ao seu redor. Creo que, en realidade, non viñeches contarme os teus soños, nin as túas dúbidas metafísicas.
–Ten razón. Verá, doutor, isto que lle vou dicir é algo máis… algo máis que estraño e inesperado. E non sei como afrontalo.
–Fala; temos tempo. Esta vez, sen dar rodeos.
–…
–Fala.
–Coido que ela quere volver.
[…]