15 de nov. de 2008

Historia da pulseira (II)

En marzo de 1693, a veciña do concello de Guijuelo (Salamanca) Isolina Soto, labrega de oficio, cando abría regos para sementar patacas por vez primeira nunha herdade aproveitada do monte baixo pola parte de Vegarroja, achou entre os terróns o que parecía unha vella alfaia. Levoulla a un coñecido seu, un escultor chamado maese Ambrosio Aguilera, que gozaba de certa fama como tallista de imaxes relixiosas, para que, como entendido en arte, examinase o valor do achado. Ambrosio Aguilera limpouna con paciencia e descubriu unha fermosa pulseira de prata e nácara que, salvo por algún melado apenas perceptíbel, se mantiña en perfecto estado de conservación. Xulgándose máis digno ca a muller para conservar e admirar aquela obra magnífica da ourivaría antiga, díxolle que non tiña ningún valor e, para consolala, deulle como agasallo desinteresado una pequena imaxe da Virxe do Camiño apenas bosquexada que utilizara como guía para un encargo xa entregado.
O tallista conservou a xoia toda a vida e á súa morte pasou á filla e despois a un neto de nome Lucas Carpintero. Este, afeccionado ao xogo e pouco escrupuloso co patrimonio familiar, furtou a alfaia que se gardaba entre panos e apostouna nunha partida de naipes. O xogador que a gañou era un truán sen oficio coñecido ao que chamaban Chisquero, porque adoitaba alardear de ser quen provocara, no Nadal de 1734, o incendio do Real Alcázar de Madrid por mor dun desengano amoroso. Finalmente, os seus alardes tiveron consecuencias e os gardas iniciaron unha investigación. O xogador viuse obrigado a fuxir cara ao norte.
No lugar de Sahagún, empeñou a alfaia no establecemento do xudeu Zacarías Prieto, onde ficou esquecida durante varios anos, ata que a rescatou o comerciante de Ponferrada Cirilo Ortuño, amante das antigüidades. Cirilo Ortuño levaba por veces á súa casa unha prostituta chamada Bibiana de Caspe, a cal se encaprichou da pulseira e non parou ata conseguir que o amante lla regalase. Esta, á súa vez, deulla ao seu namorado e protector, e deste pasou a un barateiro en troques dunha boa navalla de Albacete de nove estralos. O barateiro levoulla ao ourive Pablo Beltrán co encargo de que fundise a prata antiga e lle confeccionase con ela os catro dentes que perdera nunha pelexa de taberna uns meses antes. Pero o artesán negouse a sacrificar o que consideraba unha obra de arte e substituíu a fundición por pezas da súa propiedade, tamén de alto valor, cumprindo sen remorsos coa encomenda. O barateiro luciu con tanta fachenda o dentame novo que aínda lamentou non ter perdido na pelexa algunha peza máis.
Pablo Beltrán, polo seu lado, agasallou coa pulseira a súa esposa, á que profesaba un tenro amor, e na súa casa permaneceu ata que se fixeron vellos. Nalgún momento, o ourive viuse atacado por unha estraña enfermidade que a ciencia non sabía curar. Daquela, a muller encomendouse á virxe da súa devoción, que era a Virxe do Camiño, e en canto viu que o home se curaba do mal, acordaron doar a súa máis prezada posesión, a vella pulseira de prata e nácara, para que formase parte dos adobíos da imaxe que representaba a virxe milagreira na catedral de León, imaxe que, por un azar da vida, era obra do escultor Ambrosio Aguilera.