2 de dez. de 2008

(Sobre "Historia da pulseira")
Pintura de Egon Schiele.

En outubro de 1921, a asturiana natural do municipio de Pravia Juana Paz, sen segundo apelido coñecido e con dezaseis anos de idade, foi detida ao pé da catedral ovetense por dous carabineiros que saían de cear da fonda El Mirlo. Platicaban co dono na porta do establecemento, cando apareceu a rapaza correndo de fronte perseguida por un home ao que lle acababa de roubar a bolsa. Juana Paz defendeuse bravamente, mais, non tendo por onde fuxir, entregouse. O xuíz Ramiro Fuentelobos, á vista dos numerosos delitos por roubo que acumulara en tan pouco tempo de vida, nun exercicio de conmiseración cristiá, condenouna a permanecer ata os vinte e un anos ao servizo das monxas agostiñas recolectas do mosteiro do Sacramento. O castigo consistiría en exercer os traballos máis duros sen cobrar salario, alimentarse coas sobras das comidas das irmás, sempre frugais, e durmir nos cortellos onda as galiñas e os porcos. Se ao cabo deses cinco anos se aviña a endereitar a súa vida para tornar á senda do ben, o xuíz prometía darlle protección e axuda; polo contrario, se fuxía ou recaía na tentación do latrocinio, había encerrala nun cárcere dos máis severos durante unha década a réxime de pan e auga.
[...]
O Xardín (páx. 347)