8 de mar. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (III)

Se ben a representación do concello de Vilaboa nos litixios coa Compañía de Xesús estaba a cargo do alcalde pedáneo Maximino Hortas de Abade e dunha delegación de cada núcleo veciñal, porén, naquel tempo adquiriu especial protagonismo un mozo de Paredes chamado Eliseo da Reigosa, de vinte e un anos de idade e aprendiz do oficio de ferreiro no obradoiro do seu pai. Ademais de explorar os misterios da fundición dos metais e a forxa, Eliseo era coñecido como persoa moi curiosa por todo tipo de saberes; fora capaz de aprender a ler grazas aos esforzos dun fidalgo ao que servira de cativo, e desde entón lía cantos libros e escritos podía conseguir, que non podían ser moitos, e era apreciado polos seus coñecementos sobre a natureza e sobre historia. Tamén tiña sona de gran inventor de contos con múltiples recursos.
Eliseo tiña, daquela, moza no lugar veciño de Acuña, unha rapaza de dezanove anos chamada Celia López de Teixeiro. Os seus pais, emparentados co señorío local, eran donos dunha notábel facenda en terras, casas e gando, e sendo a rapaza, ademais, fermosa e desenvolvida, non lle faltaban pretendentes desexosos de lle facer as beiras. Pero Celia xa elixira e, aínda que non lle comunicara a ninguén a noticia do seu noivado, estaba convencida de que o home da súa vida era Eliseo do mesmo xeito que ela era a amada do seu corazón.
O motivo de que a súa relación non fose coñecida era que entre as familias de ambos existía un pasado de liortas por asuntos herdados dos devanceiros, asuntos que tiñan que ver con estremeiras, regadíos e camiños de paso en veigas e devesas que nin sequera eran propias. Nesa altura, os problemas xa non existían, pois arranxáranse dentro da lóxica evolución dos tempos, mais mantíñase a inimizade como un mandado antigo que non se debía escusar.

A pesar destas circunstancias, os mozos aproveitaban todas as ocasións das que dispoñían para estaren xuntos. Cada vez que tiñan previsto verse, o de Paredes percorría os dous quilómetros escasos que separan ambas as localidades, e facíao polo itinerario máis breve, para o que debía cruzar as bancas das Salinas. O lugar de cita adoitaba ser unha fonte vella e escondida que había onde comezaba a fraga da Regaduxa.
Ía xa máis dun ano que se vían desta maneira e a parella, que se quería con amor verdadeiro, tomara nesta altura a decisión de llelo comunicar ás correspondentes familias para que arranxasen as súas relacións e deixasen a un lado os problemas. Pola parte de Eliseo, a comprensión na casa fora fácil e había disposición ao entendemento, mais non así pola de Celia, que foi ameazada con pechala nun convento se persistía en verse co aprendiz de ferreiro de Paredes. Daquela, aínda que finxiron unha ruptura dolorosa, continuaron a verse en segredo na fonte da Regaduxa, á espera de que mellorasen os ánimos e o tempo amolecese os sentimentos.
Co ánimo aflixido polo curso que levaba a súa relación amorosa, non estaba Eliseo en disposición de atender a normas que nin entendía nin lle parecían aceptábeis; daquela, malia a prohibición de que os veciños se achegasen ao recinto das Salinas, el continuou usando o paso das bancas cando facía o camiño de Acuña, algunhas veces agachado, outras a corpo descuberto. Sentíase protexido non só polo convencemento de ter o dereito natural e ancestral a aquel paso, senón tamén porque sempre levaba consigo, oculto baixo as calzas, un rexo puñal de aceiro feito por el mesmo e gardado na súa funda de coiro atada á perna; aínda que non estaba seguro de ser capaz de usala contra ningún ser humano, a arma dáballe ánimo e confianza.
Nunha destas, xa nos primeiros días de 1728, cando facía o seu camiño coa cabeza posta nos claros ollos de Celia, foi detido polos gardas. Os funcionarios relixiosos que dirixían o concienciudo exame das augas da Salina de Porto de Muíños advertírono de que non podía volver por alí so pena de ser denunciado diante das autoridades civís e encarcerado e seguramente obrigado a pagar unha forte multa. Mais Eliseo, rufo e firme nos seus dereitos, teimou no empeño de seguir pasando polas bancas cando lle petase. Daquela, non pasaría moito tempo sen que o prendesen de novo. Como medida de escarmento, mantivérono retido durante dous días na choupana na que moraban os gardas encargados de custodiar a explotación.
O pai do mozo, Álvaro da Reigosa, recibiu a noticia da detención a través do cura párroco de Vilaboa. Foi protestar decontado diante dos rexedores do Concello e, ao non obter pronta resposta, dirixiuse directamente aos relixiosos. Estes entregáronlle o fillo, mais co aviso de que quedaba nas súas mans, como autoridade paterna, impedir que volvese quebrantar a orde de afastamento.