3 de jun. de 2009

Unha liña de falsas filiacións (III)

Andando o tempo, Benvenutto Costaserena, ao que nunca se lle revelara a peripecia que o acompañou na súa infancia nin quen era o verdadeiro proxenitor, seguiu os pasos dos seus dous pais, o real e o adoptivo, na senda da vida violenta, acabando por superalos en case todas as facetas, incluídas a agudeza, a perfidia e a crueldade.
Mais cando contaba os vinte e tres anos, o seu universo viuse sacudido ao ter que se render á evidencia da louca paixón que sentía pola súa irmá Silvana e ao comprobar que esta o correspondía. Achándose ela casada e el mergullado nunha prometedora relación amorosa coa filla do alcalde de Palermo, ao principio cultivaron o seu amor ás agachadas, mais, facéndose difícil nunha casa tan poboada de xente, optaron por fuxir de Sicilia, sen daren ningunha explicación, en dirección ao continente. Fixaron a residencia nos arrabaldes de Nápoles e ocultaron os apelidos baixo outros falsos para non seren localizados e tamén para que non transcendese a relación incestuosa que, segundo pensaban, os unía.

Catro anos despois da fuxida e seguros de que xa non eran buscados nin requiridos por ninguén, recuperaron o apelido común cando tiveron o seu primeiro fillo, ao que chamaron Américo, Mais equivocábanse, pois estaban reclamados por orde do xuíz que substituíra a Andreas Testti en Palermo, o cal, malia o incendio que destruíra o xulgado anos antes, puidera reabrir a causa contra Arcadio Costaserena a partir da documentación que aquel gardaba agachada na súa casa. O mafioso acabou encarcerado xunto con moitos dos seus homes, salvándose só os que puideron fuxir a tempo con rumbo descoñecido, entre eles Bruno Consoli.
O dobre apelido Costaserena, que declararon no Rexistro Civil para o pequeno Américo e que resultaba tan pouco común en Nápoles, foi suficiente fío para conducir á detención de Benvenutto baixo a acusación de crimes, extorsión, secuestro e estafa entre outros. Foi o propio xuíz, cando estivo na súa presenza, quen lle fixo saber a Benvenutto a verdade sobre a súa orixe e a natureza non incestuosa da súa relación con Silvana Costaserena. A noticia significou unha grande alegría para o fillo do antigo parceiro, que aliviou sequera algo o seu ingreso no cárcere para cumprir unha longa condena.