30 de nov. de 2008

Baixo a auga

... Contoume que non era a primeira vez que navegaba. Cando vivía na Coruña, adoitaba saír soa nun veleiro. Costeaba ata o cabo Ortegal, ou ata Malpica e as illas Sisargas. Gustáballe pescar polbos e ricos peixes de escama azulada. Ata que, un día, un polbo xigante abrazou a embarcación cos seus tentáculos e a punto estivo de envorcala; pero ela paralizouno recitándolle un esconxuro contra polbos xigantes que lle ensinara un vello pescador do Exeo. Desde entón, aborrecía o polbo, o xigante e tamén o anano.
– De feito, aborrezo toda clase de animais mariños. Cómoos, pero aborrézoos. Pásame desde que un día en que navegaba por un río vin rostros debaixo da auga.
– Rostros debaixo da auga?
– Rostros humanos. Seguramente de afogados. Ou de homes peixe. Sempre temo que a mamá frita na tixola un home peixe. A ti non che pasa?

O Xardín (páx. 229)