13 de nov. de 2008

Historia da pulseira (I)

Corría o ano 1121 cando o cabaleiro Orencio Alves de Hureña petaba nas portas do castelo de Simancas e pedía ser recibido polo señor a fin de lle entregar o presente que o seu amo, Garcia de Nerva, conde de Plasencia, lle ofrecía á filla do de Simancas, dona Petra Dosríos, en sinal de compromiso e como selo de amizade entre os dous territorios. Tratábase dunha pulseira que, segundo o emisario contou con todo luxo de detalles, fora elaborada por mestres ourives árabes de Zaragoza con prata de gran pureza e nácara extraída de cunchas de moluscos do mar de Bengala. Fixérase o traballo por encargo do conde castelán e pagárase coa devolución de escravos capturados durante a conquista de Zaragoza, onde combatera baixo as ordes de Alfonso I o Batallador.
Mais ocorreu que, cando se abría a bolsa de coiro e veludo que contiña o galano, comprobouse con abraio xeral que estaba baleira. Orencio Alves foi aforcado na praza maior de Simancas e o seu cadáver foi atado ao lombo do propio cabalo e abandonado na fronteira entre ambos os condados. Cando o acharon os seus, os voitres tíñano medio devorado.
Os dous señores feudais correron a baterse, un ofendido pola burla dun precioso agasallo inexistente e o outro polo asasinato dun vasalo fiel que fora cumprir unha misión diplomática en tempo de paz. Ao longo dos cinco anos nos que se prolongaron as escaramuzas, morreron decenas de homes, destruíronse casas e castelos, arderon bosques, estragáronse colleitas. Finalmente, selouse un novo período de entendemento con novos agasallos, novas promesas e, sobre todo, a necesidade de uniren forzas ante os novos avatares políticos que se presentaban tras a morte de Urraca e a proclamación do galego Afonso Raimúndez, baixo o nome de Afonso VII, como rei de Castela e León.
Tamén foi causa de paz entre os condes a declaración do prestamista xudeu Isaías de Guijuelo, quen testemuñou que un hospedeiro da vila, coñecido como Lucas el Viejo, lle levara unha fermosísima pulseira en todo semellante a aquela pola que xurdira a discordia para a súa venda e que el coñecía pola descrición que dela fixera un dos ourives árabes que a construíran a quen el trataba. O xudeu negouse a mercar a alfaia e foi de contado dar parte ás autoridades do ocorrido. Feitas algunhas pescudas, sóubose que o cabaleiro Orencio Alves de Hureña fixera parada na fonda para pasar a noite, ocasión que sen dúbida aproveitou o dono para o roubar. Lucas el Viejo foi interrogado, mais nin sequera baixo a presión da tortura confesou o delito. Os gardas, por moito que pescudaron na súa casa, non atoparon a preciosa alfaia, nin os familiares do hospedeiro deron o menor sinal de saber dela. Finalmente, non existindo máis probas que a testemuña do xudeu, foi posto en liberdade. Algúns anos despois, o local onde Isaías de Guijuelo tiña o seu negocio de prestamista ardeu de forma inexplicábel, perdéndose tal cantidade de riquezas que tivo que declararse en ruína. Lucas el Viejo morreu ese mesmo ano alanceado por cazadores que o confundiron cun xabarín cando, de crequenas e completamente enzoufado, se dedicaba a facer misteriosos buratos na terra escarvando coas mans nun mato pola parte de Vegarroja.