28 de nov. de 2008

Historia da pulseira (III)

A pulseira ficou no delicado pulso da Virxe durante tres décadas, ata que a chegada das tropas francesas á capital, en abril de 1808, coa fama de rapineiras que as precedía, obrigou a que o cabido dispuxese a protección dos tesouros máis importantes que gardaba o templo. A obra de Ambrosio Aguilera, unha das súas xoias en imaxinaría, foi transportada por xente de confianza a unha casa particular na afastada aldea da Pola de Gordón. Mais cando cruzaban unha freita, foron asaltados por un grupo de bandoleiros dirixidos, por outro curioso azar, polo truán que chamaban Chisquero. Os homes, tras seren roubados, foron postos en fuga, e os asaltantes conduciron o carro ao interior da fraga. Paráronse a revisalo e colleron o que lles podía interesar. Mais a descuberta da pulseira que ben coñecía colocada na imaxe da Virxe que protexía os camiños foi tomada por un sinal do ceo polo Chisquero, quen, arrepentíndose ao momento da súa vida de bandido e salteador de viaxeiros, fíxose cargo da imaxe e conduciuna ao lombo por toda a provincia de Asturias ata o o retirado mosteiro de Sacramento, onde vivía un pequeno grupo de monxas recolectas agostiñas. Chisquero deixou a imaxe sagrada onda a porta e golpeou co petador, afastándose ao momento para non turbar coa súa presenza a soidade das irmás.
Moi admiradas ante o estraño presente que alguén lles deixara, estas preparáronlle un altar nun lateral da humilde capela; fixéronlle misas, rezáronlle oracións e cantáronlle salves con moduladas voces. Como ao mosteiro non chegou ningunha noticia nin emisario que reclamase a imaxe, as monxas adoptárona definitivamente como propia e a Virxe do Camiño pasou a formar parte da paisaxe cotiá do mosteiro.