30 de set. de 2009

Ex Libris (III)

Outubro 1977. La Vanzelle (Francia).
Unha rapaza de quince anos chamado Cécile, cando paseaba coa súa bicicleta, descubriu no medio dun rochedo un cadáver comesto polos animais e o tempo. Tratábase dun home, aínda que apenas se lle recoñecía a traza. Á beira estaba a súa gorra, unha gorra de mariñeiro tamén esfiañada, e un vello libro de poucas follas de pel.
Cécile comunicoulle o achado aos pais e estes ás autoridades, pero a cativa, de natural curioso, escondeu o libro porque lle pareceu un obxecto interesante e non se quixo desprender del. A policía averiguou o nome do morto, un irlandés de Cork, viaxante de comercio, chamado Mark O´Sullivan, coñecido en certos círculos como estudoso do celtismo e afeccionado ás ciencias ocultas.
A rapaza levou o libro ao colexio onde cursaba os estudos de Bacharelato, en Saint Chamond, para ensinárllelo aos compañeiros. Estes non se deixaron impresionar pola rareza do manuscrito e preferiron burlarse unha vez máis da cativa, que era persoa solitaria, algo torpe de palabras e teimaba en vestir sen seguir os ditados da moda. Cécile non baixou ao recreo eses días, preferindo ficar na clase a examinar os debuxos do libro e a copialos na súa libreta. E seguiu con esa actitude ata que acabou por atraer a atención do seu profesor de Educación Plástica, un exseminarista que abandonara a carreira relixiosa para se dedicar á escultura. O profesor quedou fascinado co libro e preguntoulle a Cécile como o conseguira. Esta, por non desvelar a apropiación indebida por medo a un castigo, só dixo que o achara nunha casa abandonada no medio dun arboredo por onde adoitaba pasear en bicicleta. O profesor ofreceulle comprarllo, sempre que os pais desen a súa conformidade, pois ela era menor de idade. Mais Cécile negouse en redondo e pediulle que non falase cos pais, pois castigaríana se sabían que tiña algo valioso que non era seu. Deste xeito, mantivo o libro con ela durante tres anos, sen deixar nin un só día de revisar e copiar os seus debuxos e as súas letras incomprensíbeis.

Cando estaba a punto de abandonar o instituto, Cécile decatouse da loucura na que estaba entrando coa súa obsesión polo libro. Neses meses coñecera un rapaz e comezara con el unha relación que prometía ser duradeira. Ao mesmo tempo, madurara e xa non lle facían dano as críticas dos compañeiros, co cal estas actitudes acabaron por cesar. Daquela, quixo desfacerse do libro vendéndollo ao profesor co que estudara Educación Plástica tres cursos antes. Mais este profesor xa non formaba parte do persoal do centro; por motivos administrativos, fora trasladado a outra localidade ben lonxe de Saint Chamond, e tardou algún tempo en conseguir o seu contacto. Finalmente, falou con el a través do teléfono e propúxolle a venda. O exseminarista aínda seguía interesado no volume, mais, aínda que a rapaza xa era maior de idade, amosábase remiso a mercar un obxecto que fora obtido dunha maneira pouco clara, pois a historia do achado fortuíto nunca lle parecera de todo críbel vindo dunha persoa solitaria e fantasiosa como era Cécile daquela. Como a moza estaba disposta a lle regalar o libro, só por se desprender del, finalmente conviñeron que el mesmo lle escollería un agasallo dun valor semellante ao que podía ter o manuscrito.
Cando esperaba por ela na Estación Central de Autobuses de Lyon, onde se citaran para a transacción, Cécile resultou atropelada por un autobús que realizaba manobras temerarias. Morreu baixo as rodas de xeito instantáneo. O profesor viuno todo de lonxe, e non se atreveu a achegarse por medo a que alguén o relacionase de maneira inadecuada con aquela exalumna tan fermosa para a que levaba no peto unha cadea de ouro co seu nome grabado.