28 de jun de 2009

Serás a estrela?

Sorriu vagamente, deu media volta, montou e marchou pedaleando pola esquina de Correos. Cando recuperei o movemento, baixei correndo á rúa para seguila, mais xa non a vin. Pasei horas buscándoa polo barrio. A súa mirada aínda me facía latexar a présa o corazón. Necesitaba volver ver aqueles ollos, aquelas mans, aquel pelo, a súa boca a falarme.

O Xardín (páx. 198)


Había signos no aire
Había presaxios no ceo
Tiña que brotar a graza de súpeto
Cos seus pasos de gloria
Con todos os seus xermes sagrados
Co seu alento de vida ou morte

Viña a beleza de quen sabe onde
Viña cara aos meus ollos
Co seu andar de planeta seguro do seu tempo…
É a lei misteriosa que de pronto se encarna
E se fai realidade nun intre


O azar preséntase
Con todas as súas forzas invencíbeis
O azar coas súas constelacións desatadas
Que súbito se anoan
Para cumprir cun destino nas pedras lentas
O aire vibra dos sons da vella frauta
Unha doce amizade naceu no mundo
Talvez un grande perigo se ergue da súa noite

A voz dun home di Estrela
E treme como unha estrela
O vento pasa e o azul amado
Deixa caer o seu recendo
Para unxir as cabezas sinaladas

Velaí vén sobre dous pés alados
Empanicada de música de nardos e de bosques
A graza e a beleza
Entre os ruídos das rúas
Sobre os seus pés alados
Aparece de pronto entre os homes e as casas
E todo cae no baleiro

Os ruídos, as casas e as rúas
Como as roupas dunha muller que se ispe
Só ti ficas no mundo
Só o teu corpo como unha flor inmensa
Que enche o universo.

Oh terra como te fixeches fermosa nun intre!

Dúas olladas crúzanse
E canta unha árbore nova
Dúas mans entrelázanse
Dous anhelos atópanse
Dúas angustias falan en segredo
Por que, razón?
Só os signos e o azar o saben

Dous corazóns recoñecen un pulo cego
E o camiño que se abre ao infinito

Un home di Estrela
E hai un tremor nos espazos
Un home di Mar
E as ondas agrándanse satisfeitas
Un home di Selva
E as árbores comprenden o seu deber milenario
Un home di Vento
E todo se axita ata a morte

Estrela eu non che pido o teu destino
Nin esixo máis recendo á flor da tarde
Eu quero só unha amizade de anchas ribeiras
Un grande río profundo
Que enfeitice o meu país
E faga cantar as augas adurmiñadas
Que sempre cren esquecer a súa vida

A rúa do azar
O punto mesmo
Onde se atopan os designios

Os ollos adivíñanse
Entórnanse suaves
Saben que xuntos van mirar as cousas
Os labios preséntense
Palpitan como flores que comezan a xornada
Son bicos? Son palabras?
É un cambio de ideas a través dos anos?
Por que chegas tan tarde ao meu xardín?
Por que non apresuraches a marcha nas tebras?
Con que dereito o tempo
Separa a flor da árbore que era súa?
Por que pon distancias nos anos?
Non sabes que este anaco de terra te agardaba
Cansa de cantar e de chamarte?

Eu escollérate
Coma a terra a árbore da súa graza
Coma o naufraxio ao barco máis amado
Isto é grande e é triste
Porque non hai modo de mudar os signos
A miña exaltación quizais te asustaba
Ela era real como as treboadas
Perdoa o que veña e é que xa naceu
Non é culpa miña se o destino fala
Entre o ceo e a terra
Hai algo grande que comeza
Terra e ceo senten tremer as rochas e as nubes
Ceo e terra son cómplices do soño
E os seus paxaros nacentes sen permiso

Serás a miña estrela
Entre a vida e a morte sorprendida?
Ven onda min máis miña ca os meus ósos
Ven entre mirtos e mármores profundos
Oh corpo do ritmo eterno!
Oh a amizade de músicas e ceos infinitos!
Oh beleza do mundo!
Permíteme lembrarme de min mesmo

Vicente Huidobro. "Estrela filla de estrela"

22 de jun de 2009

Unha orquestra voar

–Unha vez quixen ser músico. Director de orquestra.
–Dirixir unha orquestra é como guiar unha bandada de paxaros entre dous continentes.
–Ti cres? Eu coido que dirixir unha orquestra demostra un prodixio de formación técnica, de sensibilidade e de forza, ademais de dotes de mando e de psicoloxía.
–O que eu digo. Como guiar un barco na escuridade. Como abrir unha porta sen saber o que hai detrás... Como guindar area ao aire e que non caia.
–Algo de todo iso. Pero con moita técnica.

O Xardín (páx. 210)
Atopamos esta madrugada
na gaiola do Mar
unha illa perdida.

Armaremos de novo a gaiola.
Vai saír o Sol
improvisado e desorientado.

Xa temos tantas estrelas
e tantas lúas submisas
que non caben no barco nin na noite.

Xuntaremos paxaros sen xeografía
para xogar coas distancias
das súas ás ampliadoras.

E os adeuses das nubes,
mudos e irremediábeis.

E armaremos unha rede de ronseis
para recobrar as saudades
coa súa viaxe feita
polos océanos do noso corazón.

Manuel Antonio. De catro a catro.

14 de jun de 2009

Unha liña de falsas filiacións (e IV)

Cando saíu da cadea, xa feitos os cincuenta anos e co seu apelido verdadeiro, Benvenutto Consoli soubo que a súa amante e suposta irmá, finalmente divorciada, contraera matrimonio en segundas nupcias cun anticuario e restaurador napolitano de nome Silverio Strada, e que vivía feliz co seu fillo común, Américo, e tres fillos máis da nova parella. Non querendo interromper esa situación coa súa presenza, optou por volver á Sicilia natal, onde se reencontrou cos seus vellos avós e recuperou o oficio de parceiro. Os avós déronlle noticias do seu pai, que nunca fora capturado polos carabineiros e vivía como leñador na rexión do Piamonte. Tamén neste caso, o antigo mafioso, contando con que estaría sendo vixiado, sacrificou o seu desexo de visitalo por non comprometer a súa seguridade, de maneira que Bruno Consoli había morrer sen saber que o fillo coñecera a verdade sobre o seu nacemento.
Pola súa parte, Américo, que despois dalgunhas reviravoltas xurídicas quedara definitivamente inscrito no rexistro co apelido Strada do novo pai, revelárase desde pequeno dotado dunha sensibilidade especial para a arte, aptitude que se desenvolvería e incrementaría no escenario da monumental Nápoles e no ambiente artístico no que se movía o seu pai adoptivo. Tomou con decisión o camiño da pintura e chegaría a acadar unha discreta fama.
Por algunha especie de destino ou de rutina familiar, acabou así mesmo dándolle o seu apelido a unha filla que non era súa cando casou cunha moza chamada Patrizia Capella. Coñeceuna unha mañá de outono, cando saía a pasear pola praia en busca de paisaxes para os seus lenzos. Patrizia estaba preñada de seis meses e acababa de cortar as veas porque se quería suicidar.
(Sobre "Unha liña de falsas filiacións")

A nena nacida da relación entre Patrizia Capella e Doménico Russo foi bautizada co nome de Giuliana, recibindo do seu pai adoptivo o apelido Strada. O mesmo mes en que naceu, difundiuse a noticia de que Italia entraba en guerra contra Austria e Alemaña dentro da contenda bélica que asolaba Europa en 1915.

O Xardín (páx. 25)

3 de jun de 2009

Unha liña de falsas filiacións (III)

Andando o tempo, Benvenutto Costaserena, ao que nunca se lle revelara a peripecia que o acompañou na súa infancia nin quen era o verdadeiro proxenitor, seguiu os pasos dos seus dous pais, o real e o adoptivo, na senda da vida violenta, acabando por superalos en case todas as facetas, incluídas a agudeza, a perfidia e a crueldade.
Mais cando contaba os vinte e tres anos, o seu universo viuse sacudido ao ter que se render á evidencia da louca paixón que sentía pola súa irmá Silvana e ao comprobar que esta o correspondía. Achándose ela casada e el mergullado nunha prometedora relación amorosa coa filla do alcalde de Palermo, ao principio cultivaron o seu amor ás agachadas, mais, facéndose difícil nunha casa tan poboada de xente, optaron por fuxir de Sicilia, sen daren ningunha explicación, en dirección ao continente. Fixaron a residencia nos arrabaldes de Nápoles e ocultaron os apelidos baixo outros falsos para non seren localizados e tamén para que non transcendese a relación incestuosa que, segundo pensaban, os unía.

Catro anos despois da fuxida e seguros de que xa non eran buscados nin requiridos por ninguén, recuperaron o apelido común cando tiveron o seu primeiro fillo, ao que chamaron Américo, Mais equivocábanse, pois estaban reclamados por orde do xuíz que substituíra a Andreas Testti en Palermo, o cal, malia o incendio que destruíra o xulgado anos antes, puidera reabrir a causa contra Arcadio Costaserena a partir da documentación que aquel gardaba agachada na súa casa. O mafioso acabou encarcerado xunto con moitos dos seus homes, salvándose só os que puideron fuxir a tempo con rumbo descoñecido, entre eles Bruno Consoli.
O dobre apelido Costaserena, que declararon no Rexistro Civil para o pequeno Américo e que resultaba tan pouco común en Nápoles, foi suficiente fío para conducir á detención de Benvenutto baixo a acusación de crimes, extorsión, secuestro e estafa entre outros. Foi o propio xuíz, cando estivo na súa presenza, quen lle fixo saber a Benvenutto a verdade sobre a súa orixe e a natureza non incestuosa da súa relación con Silvana Costaserena. A noticia significou unha grande alegría para o fillo do antigo parceiro, que aliviou sequera algo o seu ingreso no cárcere para cumprir unha longa condena.