14 de jun. de 2009

Unha liña de falsas filiacións (e IV)

Cando saíu da cadea, xa feitos os cincuenta anos e co seu apelido verdadeiro, Benvenutto Consoli soubo que a súa amante e suposta irmá, finalmente divorciada, contraera matrimonio en segundas nupcias cun anticuario e restaurador napolitano de nome Silverio Strada, e que vivía feliz co seu fillo común, Américo, e tres fillos máis da nova parella. Non querendo interromper esa situación coa súa presenza, optou por volver á Sicilia natal, onde se reencontrou cos seus vellos avós e recuperou o oficio de parceiro. Os avós déronlle noticias do seu pai, que nunca fora capturado polos carabineiros e vivía como leñador na rexión do Piamonte. Tamén neste caso, o antigo mafioso, contando con que estaría sendo vixiado, sacrificou o seu desexo de visitalo por non comprometer a súa seguridade, de maneira que Bruno Consoli había morrer sen saber que o fillo coñecera a verdade sobre o seu nacemento.
Pola súa parte, Américo, que despois dalgunhas reviravoltas xurídicas quedara definitivamente inscrito no rexistro co apelido Strada do novo pai, revelárase desde pequeno dotado dunha sensibilidade especial para a arte, aptitude que se desenvolvería e incrementaría no escenario da monumental Nápoles e no ambiente artístico no que se movía o seu pai adoptivo. Tomou con decisión o camiño da pintura e chegaría a acadar unha discreta fama.
Por algunha especie de destino ou de rutina familiar, acabou así mesmo dándolle o seu apelido a unha filla que non era súa cando casou cunha moza chamada Patrizia Capella. Coñeceuna unha mañá de outono, cando saía a pasear pola praia en busca de paisaxes para os seus lenzos. Patrizia estaba preñada de seis meses e acababa de cortar as veas porque se quería suicidar.