1 de abr. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (VII)

As autoridades civís de Pontevedra recibiron a denuncia do que ocorrera no lugar das Salinas e acudiron decontado para comprobar a súa veracidade, deter os culpábeis e recuperar un tesouro que era propiedade da Casa Real. Mais ao chegar atopáronse con que nas Salinas non había máis relixiosos ca a quincena escasa que se ocupaba normalmente de atender a explotación, e ningunha noticia nin sinal de que alí se desenvolvese ningunha actividade diferente á de abrir e pechar as comportas das bancas e recoller en sacas o pouco sal que deixaban as mareas. Tampouco obtiveron ningunha información a respecto do achado de ningún cargamento de ouro e prata baixo as augas nin, por suposto, ningunha confesión sobre o lugar onde se escondera ese suposto tesouro que alí ninguén vira. Todo iso só podía ser, aseguraban os sempre candorosos frades, abraiados por aquel interrogatorio, unha fantasía dalgunha persoa moi afeccionada a inventar contos, quizais de alguén que quería deitar mala fama sobre eles para que lles retirasen a concesión das Salinas; outra explicación non había. Con respecto á prohibición de que ninguén se achegase ao lugar durante as semanas anteriores, testemuñada polos veciños, aduciron que recibiran queixas de que o sal extraído viña acompañado dalgunhas substancias impropias, e coidaron que podía existir na natureza da zona algún tipo de corrupción, de aí que actuasen rápido prohibindo que ninguén se achegase mentres doutores vidos de Compostela investigaban con instrumental científico a calidade das augas. Finalmente, chegárase á conclusión de que a única corrupción que había era o pouco coidado que os veciños tiñan dos regatos que desaugaban na enseada, onde ciscaban toda clase de refugallos e incluso animais mortos, asunto este que, como era sabido, xa denunciaran con anterioridade e se achaba en mans da xustiza. Desexosos de colaborar plenamente cos investigadores, os frades aínda engadiron, como única información que podían aportar a respecto dos recentes sucesos entre os habitantes de Paredes e Acuña, que un transeúnte que pasaba con frecuencia polas bancas entre unha e outra aldea lles contara que en Acuña uns veciños pillaran un mozo de Paredes tratando de forzar unha moza e que lle deran unha malleira de morte, e que iso mesmo fora o que eles lle dixeran a un home de Paredes que se achegara a preguntar polo seu fillo desaparecido. Ningunha outra cousa sabían os bos frades, que tiñan como única e humilde tarefa atender aquel traballo mundano no exercicio da súa misión espiritual para o ben das persoas e na honra de Deus, e ningún delito se puido investigar nin ningún misterio se puido resolver por moito que se pescudou nas súas vivendas, en toda a zona terrestre e nas calmas augas das Salinas. Os xustizas regresaron a Pontevedra dando por pechado o caso, os relixiosos volveron ao seu traballo rutineiro e os veciños de Acuña e Paredes tornaron aos fogares de novo en paz e concordia. Por último, a resultas duns sucesos que chegaran a un extremo tan dramático, e como colofón feliz e case de conto, os pais de Celia acabaron por restablecer a relación cos seus antigos inimigos de Paredes e por consentir o matrimonio entre esta e Eliseo, o cal se celebrou ao pouco tempo en medio da ledicia xeral.