22 de mai. de 2009

Unha liña de falsas filiacións (I)

En Sicilia, no inverno de 1866, no interior escuro dunha cova situada no Picco della Strega, un dos illados promontorios que destacan nas chairas que rodean Palermo, a veciña desta vila Regina Testti pariu un fillo ao que puxo o nome de Benvenutto. O motivo do inhabitual escenario non foi outro que esconder o cativo das iras do seu propio avó, o temido xuíz Andreas Testti, que non podía aceptar a deshonra de que a súa única filla se convertese en nai solteira. No momento do parto, a moza estaba acompañada do proxenitor da criatura, un veciño da aldea de Ginestra de nome Bruno Consoli, que vivía cos seus pais e exercía, igual ca el, o oficio de parceiro coidando os rabaños dos veciños. Cando regresaron a cadansúa casa, foi este quen se fixo cargo do pequeno, coa esperanza de que a situación se arranxase e puidesen compartir fogar algún día.
Por desgraza, como consecuencia das malas condicións do parto, Regina contraeu unha infección que acabou por levala á morte un mes despois. Andreas Testti, que no seu momento se mantivo conscientemente á marxe do sucedido na cova, chorou longamente a morte da filla.

Transcorridos dous anos, como alivio aos remorsos que o perseguían ao sentirse culpábel da súa perda, e asustado pola soidade á que se vía abocado, pois era viúvo desde había cinco anos, o xuíz desexou ter consigo o fillo nacido daquela relación ilícita. Ordenada a investigación na procura do seu paradoiro, foi informado de que unha familia de coidadores de gando da aldea de Ginestra criaban un cativo do que non se coñecía a nai e cuxa idade coincidía coa do que buscaban.
Os carabineiros entraron na casa de Bruno Consoli coas armas por diante para levaren o neno, sen facer caso da súa oposición nin da dos asustados avós. O mesmo día seguinte, o mozo dirixiuse á luxosa residencia campestre dun xefe local da Cosa Nostra de nome Arcadio Costaserena e ofreceulle os seus servizos para matar a Andreas Testti. Só pediu que se lle proporcionase unha arma, un cabalo e o permiso do Don. Era sabido en toda a rexión que Arcadio Costaserena, que forxara a súa fortuna no cobro de impostos fraudulentos aos aldeáns e comerciantes a cambio de protección nas explotacións de cítricos que daban tanta riqueza á illa, estaba sendo vixiado polo xuíz Testti e que, malia as súas boas relacións cos políticos locais, incluídos poderosos membros da Prefectura, faltaba pouco para que fose ordenada a súa detención con cargos que podían metelo na cadea de por vida. Eran os anos convulsos da unificación forzosa de Italia, e os novos poderes pretendían dar unha imaxe de autoridade por riba da cruel anarquía da extorsión e o crime.
Costaserena realizou as necesarias comprobacións para asegurarse de que o ofrecemento do mozo non agochaba unha trampa. Necesitado dunha solución urxente contra o acoso do togado, e non podendo valerse dos seus propios homes, que eran coñecidos na contorna e tamén estaban sendo vixiados, o ofrecemento decidido do parceiro pareceulle un milagre da providencia. Aínda por riba, a causa da dobre vinganza que animaba ao mozo, a morte da súa amada Regina Testti e o secuestro do fillo, pareceulle suficiente móbil para explicar o crime no caso de que o pillasen, ficando el completamente á marxe das sospeitas. Ao mesmo tempo, un oportuno incendio convertería en cinzas os arquivos do xulgado; a desaparición dos documentos que o incriminaban poñería cabo a varios anos de investigacións e faría pensar a outros xuíces na conveniencia de non se entremeteren nas vidas das persoas honradas que cumprían un labor social tan importante.