31 de dez de 2009

O amor no tempo da inocencia

XULIETA.
Quen te guiou ata este lugar?

ROMEO.
O amor, que me fixo indagar,
aconselloume e deume ollos.Non son piloto, pero aínda que estiveses lonxe,
na inmensa ribeira dos máis remotos mares,
aventuraríame por tal tesouro.

XULIETA.
O voo da noite oculta o meu rostro.
Se non, un rubor virxinal tinxiría as miñas meixelas
por mor do que esta noite me oíches dicir.
Quixera gardar as formas, quixera
negar o dito: Fóra finximentos!
Ámasme? Sei que dirás que si
e eu crereite. Aínda que o xures,
pode ser con falsidade. Din que Xúpiter
se ri dos xuramentos dos amantes.
Xentil Romeo, se me amas, dimo de verdade.
Se pensas que son presa fácil,
serei arisca e cruel e direi que non;
entón, terás que galantearme, ou nada de nada.
É verdade, meu Montesco, que son apaixonada
e podes pensar que de conduta lixeira;
pero confía en min e demostrarei ser máis fiel
que as que saben finxirse discretas.
Confeso que sería máis resevada
de non teres oído, sen eu sabelo,
revelar o meu amor. Perdóame
e non atribúas á frivolidade esa fraqueza
que a escuridade da noite desvelou.

ROMEO.
Xuro pola sagrada lúa
que coroa de prata as copas desas árbores…

XULIETA.
Non xures pola lúa, pola inconstante lúa,
que cambia cada mes a súa órbita;
non sexa que o teu amor resulte tan variable.

ROMEO.
Por quen hei de xurar?

XULIETA.
Non xures. Ou, se queres,
xura por ti mesmo,
que es o deus que idolatro,
e crereite.

ROMEO.
Se o amor do meu peito…

XULIETA.
Non xures. Aínda que sexas a miña ledicia
non me alegra o acordo desta noite:
é demasiado brusco, imprudente, súbito
semellante ao lóstrego que desaparece
sen dar tempo a dicir que relampa. Boas noites, amor.
Este xermolo e amor, madurecido co alento do verán,
pode ser a fermosa flor cando nos volvamos ver.
Adeus, adeus. Que a paz e o repouso
do meu peito enchan o teu corazón.

ROMEO.
Vas deixarme tan insatisfeito?

XULIETA.
Que satisfacción pretendes esta noite?

ROMEO.
Intercambiaremos xuramentos de amor.

XULIETA.
Deiche o meu sen que mo pedises
e oxalá puidese darse outra vez.

ROMEO.
Queres quitarmo? Por que, amor meu?

XULIETA.
Para ser xenerosa e volvercho dar.
Mais xa teño o que desexo.
Ilimitada coma o mar é a miña xenerosidade,
e tan fondo o amor. Cando máis che dou
máis teño, pois ambos son infinitos.
Sinto voces dentro. Adeus, amor meu.

(A Ama chama desde dentro.)

William Shakespeare. Romeo e Xulieta.




–Meu Simón… Estou contigo porque te quero e porque sei que me queres. Porque es o meu guerreiro e a miña flor e o meu corazón aberto ao vento. Non o dubides nunca. De cantas formas cho teño que dicir? E aínda que Áurea, ou quen sexa, me levase, seguirías sendo o meu amor e o meu guerreiro e o meu corazón latexante. Aquí e alá. Sempre.
–Perdoa, por favor, estou algo… Que máis pasou?
–Os meus pais quedaban en silencio, con aspecto aliviado pero á vez moi triste. Ofelia colleume nos brazos, acaricioume con suavidade e chamoume “pequena salvaxe” e “cabeciña louca”, e despois dixo: “Miña pobre pombiña, todo se vai arranxar; mañá, todos quedaremos liberados da ameaza que pesa sobre nós, entón poderaste namorar e ser feliz como mereces; ningunha nube ocultará o sol para ti, miña flor.” Por que o diría? Quizais deu por feito que ti non te negarías ao sacrificio.
–Anabel...
–Claro que non ten que ser agora. Pódeste presentar nos seus reinos escuros mañá, ou pasado.
–Anabel…
–Que?
–Casa comigo.
–...
–Casa comigo. Casemos. Eu desexo estar sempre contigo, para todo, para o pequeno e para o grande, para o bonito e o feo, e non hai nada que non poida facer se estamos xuntos. Non me parece obrigado que teñamos que casar para vivirmos xuntos, pero é un trámite que nos esixe a sociedade para aceptar a nosa unión e poñernos as cousas fáciles. Non ten ningunha importancia. E nós podémoslle dar un significado verdadeiro, non un simple acto social, senón unha cerimonia mística, antiga e astral. Casemos. Se non nos deixan, que seguramente non nos deixarán, fuxiremos, haberá algún lugar onde o poidamos facer. Se non, se temos que esperar á maioría de idade, esperaremos. Pero estaremos comprometidos, ninguén poderá desfacer iso. E daranos igual que digan que somos uns cativos e que estamos tolos. Os maiores din cousas de maiores e a nós non nos importan porque non o somos. Casa comigo. Casemos.

O Xardín (páx. 275)



[No cambio de ano, saúde, enerxía, festa, inocencia, amor. A todas e todos. E que dure.]

21 de dez de 2009

Na porta


Hai un gardián que garda a porta da Lei. A ese gardián chega un home do campo que pide ser recibido pola Lei. O gardián respóndelle que ese día non lle pode permitir a entrada. O home reflexiona, e pregunta se poderá entrar máis tarde. "Pode ser –di o gardián–, mais non agora". Como a porta da Lei segue aberta, en canto o gardián se volve de costas, o home agáchase para axexar. O gardián ri, e dille: "Fíxate ben: son moi forte. E son o último subalterno dos gardiáns. Dentro non hai unha soa sala que non estea custodiada polo seu gardián, cada un máis forte ca o anterior. Xa o terceiro ten un aspecto que eu mesmo non podo soportar." O home non preveu eses atrancos. Pensa que a Lei debe ser accesíbel a todos os homes, pero ao observar o gardián, coa súa capa de pel, o seu gran nariz agudo e a súa longa e esgazada barba de tártaro, resolve que máis vale esperar. O gardián dálle un banco e déixao que se sente onda a porta. Aí pasa os días e os anos. Intenta moitas veces ser admitido e fatiga ao gardián coas súas peticións. O gardián sostén con el breves diálogos, e interrógao sobre o seu fogar e outros asuntos, mais dun xeito impersoal, como de señor importante, e sempre acaba repetindo que non pode pasar aínda. O home, que se equipara de moitas cousas para a súa viaxe, vaise despoxando de todas elas para subornar o gardián. Este non as rexeita, pero declara: "Acepto só para que non penses que omitiches ningún empeño". Nos moitos anos, o home non deixa de observalo. Esquécese dos demais e pensa que este é o único obstáculo que o separa da Lei. Nos primeiros anos maldí a berros o seu perverso destino; coa vellez, a maldición decae en queixume. O home vólvese infantil, e como na súa vixilia de anos chegou a recoñecer as pulgas na capa de pel, acaba por lles pedir que o socorran e que intercedan co gardián. Á fin, anúbanselle os ollos e non sabe se estes o enganan ou se se escureceu o mundo. Apenas se percibe na sombra unha claridade que flúe inmortalmente da porta da Lei. Xa non lle queda moito por vivir. Na súa agonía, as lembranzas forman unha soa pregunta, que non lle propuxo aínda ao gardián. Como non se pode incorporar, ten que chamalo por señas. O gardián agáchase a fondo, pois a diferenza de estaturas aumentou moitísimo. "Que pretendes agora? –di o gardián–. Es insaciábel." "Todos se esforzan pola Lei –di o home–. Será posíbel que nos anos que espero, fóra de min, ninguén máis quixera entrar?" O gardián entende que o home está morrendo, e ten que berrarlle para que o oia: "Ninguén quixo entrar por aquí porque só a ti estaba destinada esta porta. Agora, vouna pechar."

Franz Kafka. “Perante a Lei”.


[…] Daquela, para que existir?
Ese era, nese momento de brétemas turdias, o meu pensamento definitivo, o único que me valía para lle atopar un lugar no seo da razón á senrazón da miña historia.

O Xardín (páx. 293)

11 de dez de 2009

Alén da brétema

No escuro pavoroso
e entre o xordo rumor dos pinos bravos
que a tempestade azoutaba coma a escravos,
oíuse, como queixa de raposo,
un asubío medoso.

E un laio de tremor que daba frío
ao medoso asubío
respondeu desde o fondo da espesura,
aumentando no espírito a tristura
que daba o ronco murmurar do río.

Entre as negras ribeiras, manso e lento,
como corre o abatido pensamento
entre os tristes remorsos e a esperanza,
iña a compás do vento
correndo tras da extensa lontananza.

Mais cabo da ancha ourela,
misterioso e agachado un sentinela
nunha lancha do Miño apousentaba;
e a arma na man e en vela
a través da ramaxe axexaba.

Rosalía de Castro. Follas Novas.



Era un sinal. A chuvia vermella que caeu no momento da miña concepción era un sinal, non sei se do ceo ou do abismo, que anunciaba o meu destino tráxico ineludíbel.

O Xardín (páx. 292)

3 de dez de 2009

Para non ser

E se nunca existiu?... E se Anabel non existiu?.. E se a miña historia recente non ocorrese realmente, ou non foi como eu a vivín, ou como a lembraba?

O Xardín (páx. 506)



Corpo de muller, brancos outeiros, coxas brancas,
aseméllaste ao mundo na túa actitude de entrega.
O meu corpo de labrego salvaxe socávate
e fai saltar o fillo do fondo da terra.
Fun só coma un túnel. De min fuxían os paxaros
e en min a noite entraba a súa invasión poderosa.
Para me sobrevivir forxeite coma unha arma,
coma unha frecha no meu arco, coma unha pedra na miña funda.
Mais cae a hora da vinganza, e ámote.
Corpo de pel, de carriza, de leite ávida e firme.
Ah os vasos do peito! Ah os ollos de ausencia!
Ah as rosas da pube! Ah a túa voz lenta e triste!
Corpo de muller miña, persistirá na túa graza.
A miña sede, a miña ansia sen limite, o meu camiño indeciso!
Escuras canles onde a sede eterna segue, e a fatiga segue, e a dor infinita.

Pablo Neruda. Vinte poemas de amor e unha canción desesperada.