26 de fev de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (I)

Morría o ano 1727 cando o preito que mantiña a dirección do Colexio de Xesuítas de Pontevedra cos veciños do concello de San Martiño de Vilaboa a propósito das Salinas do Ulló acadou o seu punto máximo de tensión. Estrañaba entre a poboación a repentina virulencia coa que os frades esixían a total exclusividade no dominio e uso das parcelas acoutadas ao mar así como dos terreos lindeiros, cando este non era o primeiro nin o único proceso que se seguía entre eles polo mesmo asunto e ata ese momento, malia as diferenzas, o que prevalecera fora a disposición ao entendemento.
Os problemas entre os veciños e o Colexio da Compañía viñan desde que se fixera efectiva a entrega da enseada do Ulló a través da concesión outorgada en Valladolid en setembro de 1693 por Melchor Mosquera e Pimentel, administrador xeral de Salinas do Reino de Galicia e Principado de Asturias, a Antonio Caraveo, provincial da Compañía. Este déralle poder e licenza ao P. Antonio Quindos, reitor do Colexio en Pontevedra, para aceptar a cesión da explotación salífera, poñela en funcionamento e organizar o seu comercio segundo o procedemento de estanco previsto nas Cédulas Reais. Nos anos seguintes, construíranse as enormes bancas de perpiaños que, a través de sólidas comportas, controlaban os movementos de auga no curso das mareas para obter o prezado mineral polo sistema de desecamento por evaporación. Complementariamente, edificáranse unhas cativas vivendas para os frades no lado oeste da explotación e habilitáranse camiños para o paso dos carros e as persoas.
Nun principio, as queixas dos veciños reducíanse a que o estacionamento das augas nas bancas producía o anegamento das veigas e pastos de sementar situados na contorna. A Compañía contraatacaba argüíndo que aqueles non mantiñan o debido coidado de camiños, gabias e correntes de auga, o que provocaba que o Ulló e demais regueiros que vertían na enseada chegasen cargados de maleza e entupisen as saídas. Con posterioridade, os veciños protestaron porque os frades se habituaran á práctica de vender o toxo, o xunco e a herba que se producían nos seus terreos, o cal non se correspondía co obxecto da concesión; polo contrario, estes produtos considerábanse propiedade comunal, como tamén a leña, piñas, batume e toda clase de aproveitamentos que daquela resultaban necesarios para a economía dos campesiños de Vilaboa, en particular os do lugar de Paredes, en cuxa demarcación se situaba a explotación.
O comercio de sal da enseada do Ulló resultou desde o principio cativo debido ao baixo rendemento dunhas augas que se amosaron cun escaso grao de salinidade e que, por riba, era difícil de optimizar pola forza do movemento das mareas. De resultas, dúas das tres salinas foron abandonadas ao pouco tempo de construídas. A dotación de relixiosos dedicados á recolleita do mineral reducírase ao mínimo. Incluso a única salina que quedaba en funcionamento, a chamada de Porto de Muíños, non producía o necesario como para merecer a atención escrupulosa dos xesuítas. O que ocorría no Ulló non era un caso único; polo contrario, era un vello mal que se repetía ao longo da costa galega: ao tempo que medraba a actividade pesqueira, a produción propia de sal, indispensábel para a conservación do peixe, seguía a ser manifestamente escasa, tendo que importar o prezado mineral de Portugal e da Bretaña francesa con gran dispendio económico. Tendo en conta isto, nun posterior chanzo da contenda xurídica, reclamaron os veciños a devolución dos terreos das Salinas ou, cando menos, o permiso para o aproveitamento integral de todo canto resultase útil para as súas facendas.