11 de dez. de 2008

Annabel Lee
"É un poema, non o ves? Feito co meu nome. Oh, adórote. Haberá outros poetas que compuxesen poemas co nome de Anabel, e eu sei dalgún, ou con calquera nome de muller, pero ningún que fose tan amado coma ti. Pódelo crer."
O Xardín (páx. 232)

It was many and many a year ago,
In a kingdom by the sea,
That a maiden there lived whom you may know
By the name of Annabel Lee.
[...]
Edgar Allan Poe


Hai moitos, moitos anos,
nun reino á beira do mar,
vivía unha doncela á que poida que coñezas
polo nome de Annabel Lee.

E vivía esta doncela sen outro pensamento
que amar e ser amada por min.

Eu era un neno e ela era unha nena,

neste reino á beira do mar,
mais queriámonos cun amor que era máis ca amor,
eu e a miña Annabel Lee,
cun amor que os alados serafíns do ceo
nos envexaban a ela e a min.

E esa foi a razón de que, hai moito tempo,

neste reino á beira do mar,
un vento soprase de súpeto dunha nube, xeando
a miña fermosa Annabel Lee.
Daquela, os seus parentes de alta liñaxe viñeron
e levárona lonxe de min,
para encerrala nun sartego
neste reino á beira do mar.

Os anxos, que non eran nin sequera medio felices no ceo,

seguiron tendo envexa de nós.
Si: esa foi a razón (como todos os homes saben
neste reino á beira do mar)
de que o vento soprase da nube unha noite
xeando e matando a miña Annabel Lee.

Pero o noso amor era moito máis forte ca o amor
daqueles que eran maiores ca nós

e moito máis sabios ca nós,
e nin os anxos alá enriba no ceo
nin os demos abaixo no fondo do mar
poderán xamais separar a miña alma da alma
da fermosa Annabel Lee.

Pois a lúa xamais brilla sen me traer soños

da fermosa Annabel Lee;
e as estrelas non saen sen que eu sinta os ollos luminosos
da fermosa Annabel Lee.
E así, durante toda a marea da noite, xazo ao lado
da miña querida -miña querida- miña vida e miña prometida,
nese sartego á beira do mar,
na súa tumba á beira do ruidoso mar.

Annabel Lee, un sentido poema de profundidades insondábeis, traducido a un gran número de idiomas, citado e recitado milleiros de veces, que foi capaz de estimular a imaxinación das persoas para producir creacións tan diversas como a fermosa canción de Radio Futura con texto de Santiago Auserón, así mesmo evocadora e xerme de múltiples versións.
En Youtube pódense atopar estas e outras moitas obras construídas arredor do poema de Poe, desde interpretacións musicais de fasquía clásica (
dúos, coros, bandas sinfónicas, incluso instrumentacións con aires góticos) ata pezas populares (baladas, algunhas con sabor a country, tamén en linguas diferentes do inglés, versións roqueiras, con sons punkys e heavy metal...).
Así mesmo, no eido da videocreación, Annabel Lee inspirou versións con
ilustracións, curtametraxes de animación con distintas estéticas, montaxes de secuencias cinematográficas, de escenas do universo Disney e tamén do manga, e mesmo incursións no mundo dos videoxogos.
Traballos profesionais algúns, moitos de afeccionados, varios
exercicios escolares de por medio, que veñen ser, en conxunto, xerme de novas ideas nunha rede sen fin e que amosan ata que punto Annabel Lee é unha inspiración poética desas que levan o carimbo de máxica, única e, por iso mesmo, universal.