BREVE HISTORIA DA
HISTORIA DE BATUME
O blog Batume foi aberto en
novembro de 2008 co obxectivo de servir de prolongación e acompañamento á miña novela
O xardín das pedras flotantes. Ao
longo de pouco máis de dous anos, publiquei nel unha serie de relatos que emanaban
dos relatos que aparecen na obra e reproducín textos e ilustracións de
numerosos creadores que dalgunha maneira se podían relacionar con ela. Foi un traballo
agradábel á vez que laborioso, que, porén, trouxo pouca compensación en canto á
receptividade de posíbeis lectores.
Un día de xaneiro de 2011,
considerando que o blog xa fixera o seu camiño e que non tiña sentido continuar
con el, decidín poñerlle o punto e final; un punto e final que era unha páxina
en branco, o Xardín. A continuación, retireino da vista e deixeino nunha gaveta
pechada da rede, só con acceso privado para o autor, a fin de que durmise para
sempre o sono dos xustos.
O tempo pasou e trouxo máis
tempo, con todos os aconteceres, os cambios, as permanencias, con máis libros e
máis historias, todo iso que chamamos vida.
Nese tempo, algunhas
persoas, poucas, pedíronme a chave para visitaren o blog, o cal me pareceu estimulante.
Por outro lado, eu tiña presente que Batume, á marxe dos gustos de cadaquén, era
unha obra en si mesma, que levou o seu tempo, traballo, creatividade e cariño,
e que dera un resultado estimábel, polo cal me daba mágoa telo agachado. Por último,
como parece ser que Internet, en contra do que eu pensaba, ten unha capacidade de
almacenamento inesgotábel, deducín que a ninguén lle estorbaría que ese sitio
estivese aí. Daquela, á vista destas consideracións, tomei a opción de devolver
Batume á luz pública. Eilo.
Non teño intención de
continuar publicando textos neste sitio. De feito, o presente só é unha
explicación que me dou a min mesmo, consciente de que case ninguén virá por aquí.
Pero o blog queda aí á vista, exposto a calquera raio de luz que queira
iluminalo. Máis ou menos, o mesmo que ocorreu coa novela que o motivou, O xardín das pedras flotantes, que, sendo
obxectivamente unha novela de mérito, e atrévome a dicilo eu mesmo, ficou definitivamente esquecida do salón literario no recanto escuro.
Saúde. E primavera.
MLG