3 de dez. de 2008

Historia da pulseira (e IV)

No ano 1921, ingresou no Sacramento como criada unha moza de dezaseis anos chamada Juana Paz, a cal vivira desde cativa en pecado de latrocinio e fora castigada polo xuíz a permanecer alí durante cinco anos para que se arrepentise e endereitase a súa vida.
Tras pasar por duras probas, Juana Paz acabou por achar o equilibrio no ambiente monacal e corrixiuse ata tal punto que decidiu tomar os hábitos.
Mais un día, xa no cabo dos cinco anos, as irmás descubriron con abraio que a noviza estaba preñada. Ela nunca quixo desvelar quen era o pai nin a maneira como tivera acceso ao contacto con homes nun ríxido convento de clausura. De contado, foi expulsada do mosteiro con deshonra e vilipendio. Mais antes de marchar, furiosa polo que consideraba un acto de inxustiza tras cinco anos de sacrificio e oración, Juana Paz decidiu volver á vida de ladroa, e entendeu que a mellor maneira de comezar era levar algunha lembranza do propio mosteiro. Parecéndolle axeitada a pulseira que lucía no pulso da virxe do Camiño, arrebatoulla sen contemplacións e marchou.
Casada con posterioridade cun home de ben chamado Marcelino Monzón, cuxo oficio era, precisamente, a xoiaría, este recoñeceu o valor e a antigüidade da alfaia e convenceu a Juana de que debía devolvela ao convento. Esta, reticente aínda, pediulle que lle fixese unha réplica a fin de que lle quedase de recordo. Cando a tivo, volveu ao mosteiro e confesoulle o roubo á abadesa, pedindo ser ela mesma quen lla devolvese ao pulso da virxe para solicitar ao tempo o seu perdón polo pecado.
Anos despois, cando Juana albiscou que lle chegaba o tempo de morrer, chamou onda si o fillo xestado durante a súa estancia no convento e entregoulle a pulseira, explicándolle que era a verdadeira e que a a Virxe, como era santa, non había achar diferenza entre a verdadeira e a falsa, de igual xeito que, no seu momento, non achara diferenza entre o seu comportamento cristiá e piadoso e a ignominia que lle atribuíran de maneira tan inxusta. Despois, antes de pechar definitivamente os ollos, desveloulle o segredo que gardara toda a vida: o nome do seu pai.

(Máis sobre "Historia da pulseira" en
O Xardín das Pedras Flotantes)