21 de jul de 2009

Organizando o vento

–Iso que dis é moi forte.
–Seino. Pero dígoo, aí queda. Valo seguir discutindo? Non me importa, discutiremos. Encántame discutir, sacar o peor que hai dentro para albiscarmos os verdadeiros rostros da paixón. Áurea tamén discutiría. Pero despois iríase no seu coche, veloz, soa, libre e misteriosa na noite.


O Xardín (páx. 236)


Cando unha muller adormece, o seu corpo é o mundo nun siléncio tranquilo que se contempla desde o chan ou desde un balcón nas nubes,
o Cazador non se lle achega porque ruxe nela a distáncia-volcán da vida. Hai que poñer fronteiras, apuntalar as casas, combater
e organizar o vento arredor dun simple corpo solitário e manso
carne de dor como un animal que foxe ao lume.

A ela podemos descer ou subir para ver na sua pel o matiz cinza da terra e venerar algun mistério non nacido,
o endurecido seo, o ponto mais escuro do círculo, o centro do círculo do círculo
porque un seo fecha en si o infinito coa sua illa no meio, centro da redondez do mar,
praia en anel onde as gueivotas estremecen a torre de carne habitada con apenas unha xanela para o soño dos outros,
os que lle nacen nas ortigas dun xardin que ve pasar brevemente.

Seducida no leito interior da torre fechada,
adormece a muller que agora desperta. Ouve-se un grito
de abismo á deriva, mudo de soedade, gritan os muros, cala a fronteira e a guerra, grita o seu grito que grita, fala en soños ainda
pero ecoa o temor de que as ondas repitan, salgadas de séculos, o afundimento ritual que a devolva ao siléncio.

Luísa Villalta. Ruídos.

14 de jul de 2009

Ao fío da Maxia

Un encontro inesperado e afortunado na casa dun coleccionista de fetiches permitiume escoitar, durante algúns minutos, as palabras de Sir James George Frazer, o máis grande antropólogo. segundo din, do mundo enteiro. A miña paixón, talvez atávica, pola vida dos salvaxes fíxome percorrer hai pouco tempo o famoso Golden Bough, e puiden así seguir mellor as palabras do ilustre paleontólogo da alma humana.
A conversa arredor da mesa do té recaeu, por inocente astucia do meu coleccionista, na Maxia, e Sir Frazer non puido menos de tomar parte. Aínda que sexa vello e levase toda a vida traballando sen descanso, conserva aínda un aspecto orgullosamente xuvenil e nos seus ollos brilla o lume dunha dunha intelixencia sempre atenta: ollos de xuíz revestidos de simpatía.

–Os homes modernos –dixo– tratan con demasiado desprezo a Maxia, e os espíritos científicos e prácticos ollan con piedade retranqueira os vellos bruxos e ata aqueles que hoxe os estudan. Son ingratos. Fáltanlle ao respecto á nai.
»Toda a civilización moderna -e por moderna entendo a que comeza coa Grecia de Sócrates e, logo dunha interrupción de séculos, frutificou desde o Renacemento ata nós- é filla lexítima da Maxia.
»Todas as nosas artes, as nosas leis, as nosas tradicións políticas, as nosas ciencias, saíron directamente da Maxia dos primitivos. A Maxia foi a ponte única e necesaria entre a animalidade e a cultura. Todos aqueles que se mofan da Maxia son fillos e sobriños dos antigos meigos e curmáns dos feiticeiros que aínda operan entre os salvaxes.
»Xa fixen notar estas verdades en distintas partes dos meus libros, pero ninguén as recoñeceu nin considerou. Comecemos polas artes. No que se refire á música, a demostración xa está feita, e dun modo persuasivo, por un musicólogo francés: Combarieu. A música, nos tempos máis remotos, non era máis ca unha faceta da arte dos encantamentos. O teatro, como saben todos, non é senón a derivación das primitivas cerimonias litúrxicas, isto é, fundamentalmente máxicas, e a danza, como demostrou Hirn, ten a mesma orixe. Da poesía pódese dicir o mesmo: os máis antigos fragmentos, tanto nos Vedas coma na literatura arcaica latina, son fórmulas máxicas, palabras potentes que, axudadas do ritmo, debían evitar os males ou atraer cara a nós os favores dos deuses. As pinturas primitivas que atopamos nas cavernas son obras de meigos que se servían desas imaxes para facer que fose proveitosa a caza dos homes paleolíticos, fundándose sobre un dos principios esenciais da Maxia simpática. Crear unha imaxe significa, para o meigo, conquistar o poder sobre o obxecto representado. Á mesma razón débese a orixe da escultura; vostedes saben que ata na Idade Media, para matar con seguridade un inimigo, facíase modelar en cera ou en barro unha estatuíña que se lle parecese, e logo rompíase ou expoñíase ás lapas do lume. O que se lle facía á estatua era sentido polo modelo. A escultura exipcia, tan realista, era un expediente máxico para conservar, alén da morte, a integridade corporal para a esperada resurrección. As formas máis arcaicas da arquitectura, coma os dolmens e os crómlechs, servían, como sabemos, para misteriosos ritos que tiñan máis de máxico ca de relixioso. Se queren unha demostración máis ampla poden ler un estudo do meu amigo Salomón Reinach, aparecido na Anthropologie do ano 1903.
»No que se refire á moral e á lexislación, xa demostrei, amplamente nun dos meus libros, The Psyche's Task, como os principios éticos elementais que gobernan aínda a nosa vida e informan os nosos códigos, foron establecidos e consagrados polo que nós chamamos "superstición", e que se reduce case sempre á Maxia. As prohibicións fundadas no tabú áchanse nas orixes da nosa moral. Críase, por exemplo, que as relacións ilícitas entre un home e unha muller prexudicaban o éxito da casa ou a fecundidade dos campos, e por iso eran severamente prohibidas. Creouse así nos homes o horror ao adulterio, que perdura aínda, algo atenuado, nos nosos costumes. Hoxe condénase por outras razóns, pero sen dúbida non se chegaría a condenar sen o traballo preparatorio da Maxia.
»Os primeiros reis das primeiras tribos foron feiticeiros, e se máis tarde foron guerreiros, estes acháronse tamén baixo a dominación dos que posuían a potencia oculta. A primeira teocracia foi máxica e o poder dos meigos sobre os guerreiros foi o poder do espírito sobre a forza. Nos antigos reis atópanse sempre as pegadas do carácter sagrado e máxico, e ata hai poucos séculos atribuíase aínda aos monarcas de Francia e de Inglaterra a milagrosa virtude de curar certas enfermidades co simple contacto da man. O rei meigo primitivo debía ofrecer a súa vida en holocausto se caía algunha desgraza sobre o seu pobo, e un resto deste costume áchase entre os modernos soberanos que consideran un deber acudir aos lugares onde ocorreu unha desgraza, ata con perigo da súa vida.
»E finalmente, a ciencia, a orgullosa ciencia do noso tempo, como demostrou xa Lenormand. áchase estreitamente unida á Maxia. A Maxia, en efecto, supón que a certos fenómenos seguiranlles infalibelmente outros fenómenos sen a intervención dunha vontade estraña. Fúndase, como a ciencia, sobre o determinismo, é dicir, sobre a crenza implícita nunha realidade ordenada e homoxénea. O meigo non pretendía violentar os feitos, mais si, coñecendo as secretas afinidades e a orde en que se sucedían, contentábase con imitar aquel fenómeno que era o antecedente constante do fenómeno desexado. Os seus erros e os seus fracasos procedían de non observar ben aquela cohesión fixa de sucesións e fundarse en relacións aparentes máis que substanciais, pero o principio do que partía era o mesmo sobre o que se acha edificada a ciencia moderna. Ata os raparigos saben que a química deriva da alquimia, a astronomía da astroloxía e a medicina científica da menciña.
»Non falo xa das relixións, cuxas relaciones coa Maxia son evidentes para todos os que coñecen a antigüidade. Ademais, aínda hoxe, en moitos lugares non se distinguen das máis torpes feiticerías. Abonda con pensar no predicamento do que gozan, en certos países cultos, as doutrinas teosóficas e as escolas ocultistas, para decatarse de que a Maxia, aínda nos nosos días, satisfai as necesidades espirituais de millóns de persoas.
»Toda a nosa civilización descende, pois, das crenzas e das prácticas da Maxia, e un pesimista podería soster, cun lixeiro esforzo sofístico, que a cultura contemporánea non rebordou aínda a zona máxica. Os pobos teñen fame de milagres e pídenllelos a todos: aos demagogos, aos somnámbulos, aos electricistas, aos médiums, ás profetisas privadas, aos profesores de física e de quiromancia. Os salvaxes son, indubidabelmente, os nosos pais e talvez os nosos irmáns, e a Maxia é a matriz vizosa da que saíron, como dicía ao comezo, as nosas artes, as nosas morais e as nosas ciencias. Todos os intelectuais non son máis que meigos que evolucionaron, máis cautos e máis claros.
Sir James George Frazer calou e ninguén soubo que contestarlle. Poucos minutos despois, o xenial antropólogo foise. Eu lembreime de que a miña nai era maorí, e a grande estima que sinto cara a min mesmo aumentou moito desde hai algunhas horas.

Giovanni Papini. Gog.


Acostumado a compartir as súas fantasías sobre maldicións, artes divinatorias, estatus de nobreza, viaxes astrais e outros prodixios, eu quería crer que non falaba de corazón e que esa suposta meiga só era unha das súas invencións. De feito, unhas veces tomaba cariz benéfico, outras, maléfico; unhas veces existía na realidade, outras, nos soños; unhas veces o que lle interesaba era un libro, outras, o sexo, outras, causar mal. Fose como fose, chamábame a atención a fascinación que, por riba do medo que lle provocaba, dicía sentir por ela.


O Xardín (páx. 234)

5 de jul de 2009

Noticias da luz e da sombra

Eu non entendía nada. Levabamos dúas semanas exterminando formigas a base de xofre, vinagre, auga fervendo e insecticidas, incluso tripándoas cos zapatos, e iso era natural e necesario; porén, a miña ocorrencia de lles dar unha oportunidade de sobrevivir na abundancia se renunciaban á súa tendencia natural a encordiar, iso era un acto de crueldade. Quen o entendía?

O Xardín (páx. 160)

Ao atardecer, o venerábel Pedro Argüés, sexto prior dos dominicos de Segovia, terceiro Gran Inquisidor de España, seguido por un frade redentor (encargado do tormento) e precedido por dous familiares do Santo Oficio provistos de lanternas, descendeu ao calabozo. A fechadura dunha porta maciza renxeu; o inquisidor penetrou nun oco mefítico, onde un triste lampo do día, caendo desde o alto, deixaba percibir, entre dúas argolas fixadas nos muros, un cabalete ensanguentado, unha fornela, un cántaro. Sobre un leito de palla suxeito por grilos, cunha argola de ferro no pescozo, estaba sentado, ríspeto, un home farrapento de idade indescifrábel.
Este prisioneiro era o rabino Abarbanel, xudeu aragonés, que - inculpado polos seus préstamos usureiros e polo seu desdén cos pobres- fora sometido diariamente a tortura durante un ano. O seu fanatismo, "duro coma a pel", rexeitara a abxuración.
Orgulloso dunha filiación milenaria -porque todos os xudeus dignos dese nome son celosos do seu sangue-, descendía talmudicamente da esposa do derradeiro xuíz de Israel, feito que mantivera a súa enteireza no máis duro dos incesantes suplicios.
Cos ollos chorosos, coidando que a tenacidade desta alma facía imposíbel a salvación, o venerábel Pedro Argüés, achegándose ao tremente rabino, pronunciou estas palabras:
--Meu fillo, alédate. Os teus traballos van ter fin. Se en presenza de tanta obstinación me resignei a permitir o emprego de tantos rigores, a miña tarefa fraternal de corrección ten límites. Es a figueira remisa que pola súa teimuda esterilidade está condenada a se secar... Pero só a Deus lle toca determinar o que lle ha de suceder á túa alma. Talvez a infinita clemencia lucirá para ti no supremo instante! Debemos esperalo. Casos se deron... Repousa, pois, esta noite en paz. Mañá participarás no auto de fe: serás levado ao queimadoiro, cuxas brasas premonitorias do lume eternal non queiman, xa o sabes, máis que de lonxe, fillo. A morte tarda, polo menos, dúas horas -a miúdo tres- en vir, por mor dos panos mollados e xeados cos que preservamos a fronte e o corazón dos holocaustos. Seredes corenta e dous soamente. Considera que, colocado na última fila, terás o tempo preciso para invocar a Deus, para lle ofrecer este bautismo de lume, que é o do Espírito Santo. Confía, pois, na Luz e durme.
Ditas estas palabras, o Inquisidor ordenou que desencadeasen o infeliz e abrazouno tenramente. Abrazouno logo o frade redentor e, moi baixo, pregoulle que lle perdoase os tormentos. Despois abrazárono os familiares, cuxo bico, afogado polos hábitos, foi silencioso. Rematada a cerimonia, o prisioneiro ficou só, nas tebras.









O rabí Abarbanel, enxoita a boca, atordado o rostro polo sufrimento, ollou sen atención precisa a porta fechada. "Fechada?..." Esta palabra espertou no máis íntimo dos seus confusos pensamentos un soño. Dexergara un intre o resplandor das lanternas pola regaña entre o muro e a porta. Unha esperanza mórbida axitouno. Suavemente, deslizando o dedo con toda a precaución, tirou da porta contra el. Por un azar extraordinario, o familiar que a pechou déralle a volta á chave un pouco antes de chegar ao tope contra os montantes de pedra. O pasador, enferruxado, non entrara no sitio e a porta quedara aberta.
O rabino arriscou unha ollada ao exterior.
A favor dunha lívida escuridade, viu un semicírculo de muros terrosos nos que había labrada unha escaleira; e no alto, despois de cinco ou seis chanzos, unha especie de pórtico negro que daba a un vasto corredor do que non lle era posíbel entrever, desde abaixo, máis ca os primeiros arcos.
Arrastrouse ata o nivel do limiar. Era realmente un corredor, mais case infinito. Unha luz pálida, con resplandores de soño, o iluminaba. Lámpadas suspendidas das bóvedas azulaban a treitos a cor esvaída do aire; o fondo estaba en sombras. Nin unha soa porta nesa extensión. Por un lado, á esquerda, troneiras con reixas, troneiras que pola espesura do muro deixaban pasar un crepúsculo que debía ser o do día, porque se proxectaba en cuadrículas vermellas sobre o lousado. Quizais alá lonxe, no profundo das brétemas, unha saída podía dar a liberdade. A vacilante esperanza do xudeu era teimuda, porque era a derradeira.
Aventurouse polo corredor sorteando as troneiras, tratando de se confundir coa bretemosa penumbra de longas murallas. Arrastrábase con lentitude, contendo os berros que pugnaban por brotar cando o martirizaba unha chaga.
De súpeto, un ruído de sandalias que se achegaba alcanzouno no eco desta senda de pedra. Tremeu, a ansiedade afogábao, anubráronselle os ollos. Aconchegouse nun recanto e, medio morto, agardou.
Era un familiar que se apresuraba. Pasou rapidamente cuns tenaces na man, a sotana baixa, terríbel, e desapareceu. O rabino, case suspendidas as funcións vitais, estivo preto dunha hora sen poder iniciar un movemento. O temor dunha nova serie de tormentos, se o apreixaban, fíxolle matinar en volver á súa cela. Mais a vella esperanza murmuráballe na alma ese divino "talvez" que reconforta nas peores circunstancias. Un milagre o favorecería. Como dubidar? Seguiu, pois, arrastrándose cara á evasión posíbel. Extenuado de dores e de fame, tremendo de angustia, avanzaba. O corredor parecía alongarse misteriosamente. El non sentía que se desprazase; ollaba sempre a sombra distante, onde "debía" existir unha saída salvadora.
De novo resoaron uns pasos, esta vez máis vagarosos e máis sombrizos. As figuras brancas e negras e os longos chapeus de bordes redondos de dous inquisidores emerxeron de lonxe na escuridade. Falaban en voz baixa e parecían discutir algo moi importante, porque as mans acenaban con viveza.
Xa preto, os dous inquisidores detivéronse baixo a lámpada, sen dúbida por un azar da discusión. Un deles, escoitando o seu interlocutor, púxose a mirar o rabino. Baixo esta incomprensíbel mirada, o xudeu coidou que os tenaces trababan aínda a súa propia carne; axiña volvería ser unha chaga e un berro.
Desfalecido, sen poder respirar, as pupilas trementes, arrepiaba baixo o roce espiñento da roupa. Pero, cousa estraña e natural, os ollos do inquisidor eran os dun home profundamente preocupado do que ía responder, enviso nas palabras que escoitaba; estaban fixos e ollaban o xudeu, sen velo.
Ao cabo duns minutos, os dous sinistros conversadores continuaron a súa rolda a pasos lentos, sempre falando en voz baixa, cara á encrucillada de onde viña o rabino. Non o viran. Unha idea atravesou o seu cerebro: "Non me ven porque estou morto?" Sobre os xeonllos, sobre as mans, sobre o ventre, proseguiu a súa dolorosa fuga, e acabou por entrar na parte escura do espantoso corredor.
De súpeto, sentiu frío sobre as mans que apoiaba no lousado. O frío viña dunha fenda baixo unha porta en cuxo marco converxían os dous muros. Sentiu en todo o seu ser como unha vertixe de esperanza. Examinou a porta de arriba a abaixo, sen poder distinguila ben a causa da escuridade que a rodeaba. Atoutiñou. Nada de ferrollos nin pechaduras. Un picaporte! Ergueuse. O picaporte cedeu baixo a súa man e a silenciosa porta xirou.


A porta abríase sobre xardíns baixo unha noite de estrelas. En plena primavera, a liberdade e a vida. Os xardíns daban ao campo, que se alongaba cara á serra, no horizonte. Aí estaba a salvación. Oh, fuxir! Correría toda a noite, baixo eses bosques de limoeiros cuxos recendos o reclamaban. Unha vez nas montañas, estaría a salvo. Respirou o aire sagrado, o vento reanimouno, os seus pulmóns resucitaban. E para bendicir outra vez o seus Deus, que lle entregaba esta misericordia, estendeu os brazos, elevando os ollos ao firmamento. Foi unha éxtase.
Entón, creu ver a sombra dos seus brazos retornando sobre el mesmo; creu sentir que eses brazos de sombra o rodeaban, o enleaban, e tenramente o oprimían contra o seu peito. Unha figura estaba, efectivamente, onda a súa. Confiado, baixou a mirada onda esa figura, e ficou arrepiado, entolecido, os ollos sombrizos, inchadas as meixelas e balbucindo de espanto. Achábase nos brazos do Gran Inquisidor, do venerábel Pedro Argüés, que o contemplaba, inzados os ollos de bágoas e co aire do pastor que atopa a ovella descarreirada.
Mentres o rabino, os ollos sombrizos baixo as pálpebras, tremelaba de angustia nos brazos do inquisidor e adiviñaba confusamente que todos os pasos da súa fuxida non foran máis ca un suplicio previsto, o da esperanza, o escuro sacerdote, cun acento de reproche conmovedor e a vista consternada, murmuráballe ao oído cunha voz debilitada polos xaxúns:
--Como! Meu fillo... En vésperas, talvez, da salvación, querías abandonarnos?

Villiers de L'Isle-Adam. Novos contos crueis.