13 de jan. de 2009

Sucesos en Ourense entre 1865-68 (e III)

Transcorridos dous anos e algúns meses, Eduardo Gómez Sequelo, o fillo maior do falecido avogado Federico Gómez, que daquela contaba doce, descubriu casualmente algúns dos obxectos roubados na oficina de empeños da chantadina Carla de Sanxurxo. Avisada a policía pola súa nai, foi o brigada Rafael Alvear, o Charro, quen se encargou de investigar o rastro.
Abondáronlle dúas semanas para dar co vendedor dos obxectos, un cazador de vida escura que naquel tempo paraba na casa duns parentes de Sober, Lugo. O policía puxo homes a vixialo á distancia, e non pasaría moito máis tempo antes de que os conducise ao paradoiro secreto do grupo, unha choupana disimulada nun rochedo nunha aba esgrevia do Alto do Rodicio, na serra de Cabeza de Meda. Alí estaba Herminio Davila e tres dos seus homes, ao parecer preparando os detalles dun novo golpe. O brigada caeu sobre eles cunha dotación de gardas e detivéronos sen apenas resistencia.
Herminio Davila pediulle ao policía falar con el nun aparte. Fíxolle saber que tiñan coñecemento da súa amizade adúltera coa muller do empresario Feliciano Román e ameazouno con desvelar o segredo diante do xuíz se non os deixaba en liberdade. O Charro, tras segundos de dúbida, aceptou a chantaxe. Deu ordes aos gardas de que os soltasen e se espallasen pola contorna porque aínda faltaban por chegar membros da cuadrilla e íalles preparar unha emboscada. El ficaría preto da casopa para dar a voz de asalto cando aparecesen. Ao pouco, en canto estiveron ben afastados, fixo uso da súa espada e, repartindo golpes como hábil esgrimista que era, acabou coas vidas dos catro bandidos. Acudiron os seus homes decontado; o brigada explicoulles que tivera que matalos en defensa da súa vida.
O que non sabía o xefe dos policías era que Brais de Canido acababa de chegar por unha corredoira oculta entre a vexetación e observara todo o sucedido. Ao non poder facer nada por evitar a matanza, o mozo chorou de rabia pola perda dos seus compañeiros. Esa mesma tarde, acudiu onda o fabricante de chocolates Feliciano Román e explicoulle ao detalle todo canto descubriran aquela noite dous anos atrás desde os soportais da praza do Anxomao, ocultando só que o motivo da vixilancia era desvalixar a súa casa.
O comerciante, ao principio, non deu creto ás súas palabras; mais ao pouco tempo, sumido en punxentes dúbidas, preparou unha celada. Ordenou unha viaxe que o levaría a permanecer tres días fóra e apostouse pola noite baixo os soportais diante da casa, embozado e armado cun revólver Lefoucheux de cinco tiros. Apenas a campá da catedral deu as doce badaladas, puido contemplar, tal como llo describira o rapaz, a cerimonia do candil que se apagaba e se acendía, e como un descoñecido entraba na súa casa coa chave que baixaba desde a fiestra do seu cuarto. Agardou unha miga e logo entrou tamén coa arma montada. O seco ruído dun disparo seguido doutros dous espertaron o vecindario, acudindo axiña os gardas da rolda para veren, con caras de abraio, o seu brigada Rafael Alvear tirado no chan no medio dunha mancha de sangue e tremendo cos estertores da morte.
O autor do disparo, o propio dono da casa, confesou que tivera que volver apresuradamente dunha viaxe e, para a súa sorpresa, sorprendera aquel home rexistrando o seu mobiliario na escuridade e aínda a sabendas de que a súa boa esposa durmía na cama. O xuíz creu nas súas palabras e absolveuno de todos os cargos; mais, non desexando as autoridades civís darlle publicidade a un asunto que poñía baixo sospeita o recén creado Corpo de Orde Pública, fíxose correr por todo Ourense o rumor de que, en realidade, o Charro entrara na mansión do chocolateiro porque mantiña amores adúlteros coa súa esposa.
Brais de Canido fuxiu da rexión en dirección ao sur e chegou a Cádiz en setembro de 1868, cando se estaban a vivir os sucesos revolucionarios que seguiron ao pronunciamento contra Isabel II. Decidido a emprender unha nova vida afastada dos avatares da delincuencia, volveu ao seu antigo traballo de xastre e chegou a abrir taller propio na rúa Campo del Sur. Casou, tivo fillos e morreu de vello, respectado e querido polos veciños.
Eduardo Gómez Sequelo, na súa mente de rapaz sentiuse satisfeito con que os causantes da morte do pai recibisen o seu merecido, aínda que o asasino directo nunca chegou a ser localizado, e coa recuperación da maioría dos bens roubados na casa aquela tráxica noite. Congratulouse especialmente da devolución dun antigo e estraño libro herdado dos avós que sempre chamara a súa atención. Tratábase dun manuscrito en pel, de poucas páxinas, composto nun alfabeto descoñecido e adornado con raros debuxos.
Andando o tempo, foi ese mesmo libro o que decidiu o futuro de Eduardo, pois, suxestionado pola existencia de alfabetos distintos ao latino, sentiu espertar unha paixón temperá polas linguas que o levou a cursar estudos de lingüística na universidade compostelá centrándose no campo da Filoloxía Comparada, na que se converteu en pouco tempo nun consumado experto.
Eduardo Gómez casou con Deolinda Monteiro Barxas, aplaudida cantante de ópera que utilizou o sobrenome de Linda de Deus. A prometedora carreira profesoral do filólogo tocou fin cando aínda non chegara á trintena, pois morreu atropelado por unha carruaxe á carreira cando saía de oír misa un domingo pola mañá.
Este feito tráxico foi presenciado polo seu fillo Pablo Agustín Gómez Monteiro cando só contaba nove anos. Sumado ao relato da morte cruenta do seu avó Federico Gómez, asasinado tempo atrás pola gavela de Herminio Davila, entre ambos fixeron que o cativo dexergase o seu futuro inzado de fantasías escuras e tristes designios.
(Máis sobre esta historia en
O Xardín das Pedras Flotantes)