5 de jan. de 2009

Sucesos en Ourense entre 1865-68 (I)

O 29 de novembro de 1865, catro homes armados comandados polo aventureiro Herminio Davila axexaban con paciencia baixo os soportais da praza do Anxomao, en Ourense, a casa do fabricante de chocolate á pedra Feliciano Román, á espera de que se apagasen as luces dos candís que permanecían acesas desde o final da tarde. Entretiñan a espera cunha conversa maliciosa arredor das fazañas de cada un no prostíbulo de Doloritas a Roxa, destacando como máis atrevidas as achegas do benxamín do grupo, Brais de Canido, un mociño de dezanove anos que antes fora aprendiz de xastre e xa matara dous homes.
O paso da rolda dos gardas inquietounos, se ben souberon disimular a súa presenza entre as sombras dun rueiro contiguo. Regresaron á vixilancia e, ao tempo que se foron apagando as primeiras luces na casa, repasaron con detalle o asalto que planearan durante as dúas últimas semanas. A través de informacións obtidas por diversas vías, coñecían o lugar preciso onde gardaba Feliciano a recadación de cada xornada, recadación que se facía máis abundante no final de mes polo seu costume de acumular os diñeiros para lles pagar aos traballadores; así mesmo, sabían o número de persoas que vivían na casa, os dormitorios de cadaquén e os seus costumes rutineiros. Finalmente, foran avisados de que esa noite, como facía noutras ocasións, o dono da casa ía estar ausente da cidade por asuntos de negocios, e esa conxunción de elementos fora o argumento que decidira o momento do asalto. Os truáns viñan provistos de pancas para forzar portas sen demasiado balbordo e de navallas por se cumpría silenciar eternamente a quen se lles puxese por diante. Todo parecía en orde e os ánimos e a determinación estaban dispostos. O único que fallaba era o imprevisto dun quinqué, precisamente o do cuarto do matrimonio, que non se apagaba cando xa a campá da catedral dera a media noite e a rolda podía volver con distinta sorte para eles. Os distintos membros da gavela matinaban nos moitos delitos polos que eran buscados desde había lustros, roubos, crimes, secuestros, estafas, agresións, contrabando, e caeren nas mans da xustiza era o que menos podían desexar naquela hora.
Por fin, viron con ledicia que a lapa se esvaía. Olláronse cun algo de ansia nos rostros. Ao cabo duns quince minutos, as expresións tensáronse e dispuxéronse a entrar na vivenda. Mais, xusto nese intre, a luz acendeuse de novo. Tornaron atrás con rabia contida. Volveuse apagar ao pouco e volveuse acender, e esta operación repetiuse outras dúas veces. O desconcerto dos malandríns subía graos cada vez, pero cesou cando albiscaron o motivo da estraña secuencia luminosa. Unha sombra discreta saíu dun rueiro próximo, cruzou a praza pétrea e mesturouse coas sombras da mansión. Fixo un breve pero agudo ruído petando cun coio contra o cano de ferro do desaugadoiro e agardou ollando para a fiestra, de novo escura. En segundos, unha chave foi baixando atada dun fío. A sombra recolleuna, abriu con ela a porta principal sen facer ruído e entrou. No momento en que se volvía para pechar, un fugaz raio de luz permitiulles aos abraiados homes de Herminio Davila recoñecer no intruso o rostro do seu ben coñecido brigada do Corpo de Orde Pública Rafael Alvear, máis coñecido como O Charro pola súa afección a beber tequila e cantar mariachis nas tabernas. A situación clarificouse axiña e, malia o anoxo pola frustración do asalto, a descuberta da infidelidade da esposa do chocolateiro co propio xefe dos policías fíxoos rir a todos coas mans nas bocas unha boa miga.
Pasada a sorpresa, debateuse que facer. Había quen porfiaba en entrar na casa de todos os xeitos; con seguridade, o brigada, espido, desarmado e en situación comprometida, non se atrevería a actuar nin a denunciar o roubo polo risco de que se publicase a súa relación coa esposa dun home prominente que podía conseguir a súa defenestración automática e a expulsión do Corpo. Mais o plan ofrecía unha alta dose de risco que os facía dubidar. Finalmente, tomaron a decisión de pospoñer o roubo; días habería nos que Feliciano Román se ausentase da vila deixando as arcas cheas de diñeiros para eles. Con todo, non pararon de lle dar voltas á cabeza matinando no proveito que se lle podía sacar ao accidental descubrimento.