21 de out. de 2009

Ex Libris (IV)

7 maio 1983.
Pietr Dimitrov, axente secreto do KGB en Alemaña Federal, baixou do avión comercial que o trasladou ao aeroporto de Obninsk (Rusia) e dirixiuse en taxi ao cuartel xeral da organización nesa cidade. Os seus superiores, que o esperaban reunidos desde había unha media hora, examinaron con atención os exemplares da revista Stern que sacara do portafolios e, nunha primeira opinión, estiveron de acordo en que os fragmentos dos diarios de Hitler que se publicaban nas súas páxinas centrais non podían ser auténticos. Con todo, fiaron a conclusión final a unha análise posterior máis pormenorizada. A continuación, o comandante Vassili Orsam fixo entrar a Dimitrov no seu despacho co pretexto de comentaren os últimos movementos políticos do outro lado do muro. O axente, daquela, entregoulle o pequeno e vello libro manuscrito sobre pel que portaba nun compartimento oculto do seu maletín. Narroulle como o obtivera a través doutro axente destacado en Francia, na rexión de Lyon, e como este tivera que botar man de importantes contactos para conseguir sacalo da mesma sede da Gerdarmerie. A curiosidade puido con Dimitrov e preguntoulle ao comandante polo motivo que facía tan importante aquel documento que, en aparencia, non contiña informacións militares nin estratéxicas nin nada que puidese parecer relevante para o servizo de espionaxe ruso e que, porén, unha vez que a prensa local de Lyon publicou o seu achado nas mans dunha rapaza que morrera vítima dun desafortunado accidente, puxéranse en movemento persoas e recursos coa orde conseguilo a toda costa. Orsam sorriu, púxolle a man no ombro en sinal de felicitación e pasou a interesarse polos rumores de que o presidente norteamericano, Ronald Reagan, se negaría a debater sobre o seu proxecto do Sistema Estratéxico de Defensa, ese despregue armamentístico que bautizaran familiarmente como Star Wars en alusión á famosa película; ao comandante parecíalle pouco serio que un ex-actor metido a presidente dun país tan poderoso se empeñase en levar á vida real as fantasías cinematográficas, e tal vez fose conveniente preparar unha resposta adecuada a semellante provocación.
Tras a reunión, Vassili Orsam abandonou as dependencias do KGB levando consigo o manuscrito nun sobre. Deulle orde ao chófer de que tomase a estrada de circunvalación. Polo camiño usou o teléfono do auto para poñerse en contacto cunha muller á que chamaba “madame” e anuncioulle a súa chegada en aproximadamente media hora.


A muller recibiuno nunha casa unifamiliar situada nun barrio residencial na periferia de Obninsk. Á calor dun viño francés e música de jazz, ambos examinaron con atención o libro antigo e despois encerráronse nun cuarto. Dúas horas máis tarde, Orsam volveu ao automóbil, esta vez para dirixirse ao aeroporto onde o esperaba unha avioneta do exército. Desde alí voou a Moscú e un taxi trasladouno a un despacho privado da rúa Yáblaka, onde o esperaba o seu superior, o coronel Lev Borya, acompañado de dous altos cargos do ministerio de Asuntos Exteriores.
Dous meses despois destes encontros, o comandante volveu chamar ao axente Dimitrov para lle explicar que a súa seguinte misión transcorrería nos Estados Unidos. O obxectivo era un avión das liñas aéreas coreanas. Dimitrov debía coordinar un equipo encargado de lle subministrar un plan de voo manipulado, a fin de que voase un breve tempo sobre territorio soviético. A operación realizaríase a finais de agosto, e o obxectivo último era provocar un conflito internacional.
O día 1 de setembro, en canto entrou no ceo ruso, o avión 747 da Korean Air foi derrubado por jets interceptores morrendo no acto 269 persoas, entre elas o congresista demócrata por Georgia Larry McDonald. De contado, a OTAN puxo en marcha o protocolo de exercicios militares previstos no Plan de Defensa Global.
A finais do mesmo mes de setembro, no búnker Serpujov-15, o centro de mando da intelixencia militar soviética desde onde se coordinaba a defensa aeroespacial, as computadoras recibiron dos satélites o aviso de que un pequeno número de mísiles balísticos intercontinentais con carga nuclear foran lanzados desde Malmstrom (Montana, EEUU) en dirección á Unión Soviética. Pero a persoa encargada do servizo de vixilancia nese momento, o tenente coronel Stanislav Petrov, considerou que o sinal era un erro do sistema de alarma e non transmitiu o aviso. Efectivamente, os mísiles nunca chegaron a impactar porque nunca foran disparados. O oficial Petrov foi condecorado por evitar un incidente de consecuencias imprevisíbeis e, ao mesmo tempo, noutras dependencias, o comandante Vassili Orsam foi degradado a capitán como castigo pola súa incompetencia e trasladado a Voronezh para ocuparse de cometidos menores.



No ano 1989, nos mesmos días en que o muro de Berlin caía baixo a acción popular e as piquetas, a “madame” e o capitán Orsam foron coincidir en Moscú, esta vez no curso dun acto institucional de carácter festivo. O ex-xefe local do KGB sorprendeuse da súa desaparición repentina de Obninsk despois do fracasado incidente internacional e acusouna de traizón; ela amosouse máis sorprendida aínda, e díxolle que non houbera ningún fallo e que a influencia do libro no decurso da historia era un asunto escuro que non dependía das accións dos humanos, como el fora advertido previamente e como non tardaría en comprobar por si mesmo. Antes de se despediren, a muller peguntoulle se aínda conservaba o libro no seu poder; ante a súa resposta afirmativa, díxolle que no prazo de catro anos llo debería entregar a certa persoa, un mozo con aspecto de vagabundo, que se lle achegaría para recollelo. El negouse, aducindo que o libro, despois de todo, pertencía ao goberno ruso, e que este llo debía a el para resarcir a humillación que lle fixera pasar. A “madame” marchou solitaria pola rúa cun sorriso engaiolante e o capitán nunca máis a volveu ver.
A comezos de marzo de 1993, achándose Vassili Orsam recentemente retirado da vida militar activa, recibiu unha chamada telefónica dun antigo compañeiro na que o advertía de que o KGB optara pola eliminación física de todas as persoas que coñecían a implicación do ministerio de Asuntos Exteriores na organización do atentado contra o avión da Korean Air. Orsam colleu o seu automóbil e fuxiu de Voronezh en dirección á fronteira de Ukraína seguindo estradas secundarias. Mais nalgún cruzamento perdeu o rumbo e, nun descampado, parou a preguntarlles a dous viandantes. Estes agarrárono, arrastrárono detrás dun canaveiral e degolárono; acto seguido, rexistraron o vehículo e marcharon apuradamente con todo canto puideron levar de valor. Na súa fuxida, aos poucos metros caeulles o libro antigo de coiro, o cal foi recollido horas máis tarde por un camiñante que pasaba polo lugar cunha mochila ao lombo, e que marchou de alí sen se percatar da presenza do cadáver tras o canaveiral.