23 de nov. de 2008

O avó escravo de Afonso Sueiro Campanha (e III)

O matrimonio Lobeira do Campo adscribiuse aos primeiros movementos a favor da liberación dos escravos no Brasil e, no ano 1872, concedéronlle a liberdade de maneira oficial a Restituto, que entón contaba trinta e cinco anos. No entanto, xa había uns doce que este vivía en liberdade real ao ser considerado como un familiar máis e manter unha relación de parella con outra muller do servizo, Maria da Conceipçao Gestoso, de quen tivera un fillo. Pero foi nese ano cando Restituto, desexoso de coñecer o significado da marca que levaba gravada nas cosas, tras casar coa súa compañeira Maria da Conceipçao, quixo regresar a Luanda co orgullo da liberdade recuperada e, lembrando as recomendacións do seu pai adoptivo, a ousadía de ter unha esposa de pel branca.
Chegados a Luanda, foron recibidos pola pobre familia de pescadores con alborozo e incredulidade. O pai, que se achaba en transo de morte pola avanzada idade, non quixo deixar o mundo sen lle confesar a verdade sobre o seu nacemento, con grande sorpresa por parte de Restituto.
Non había pasar tempo sen que o feito de conviviren un home negro e unha muller branca espertase as suspicacias do gobernador da fortaleza, Valeriano Costa de Antunes, quen fixo que os levasen á súa presenza. Restituto non só fixo valer os documentos de liberdade e de matrimonio, senón que, ademais, narroulle ao gobernador a súa completa historia, amosando como proba o escudo de armas gravado na súa pel, que pertencía ao fidalgo portugués Ricardo José Coelho Campanha, esposo da súa verdadeira nai, Brunilda da Silva Oliveira. Fora esta mesma quen, no momento en que os separaron pola forza, lle fixera aquela marca co seu anel quentado no lume.
Realizadas as pertinentes pescudas, Restituto e a súa familia foron reclamados en Porto por Brunilda da Silva co consentimento dun marido moi arrepentido das pasadas brutalidades nun tempo no se declarara a emancipación e o recoñecemento dos dereitos civís da poboación negra. Restituto obtivo os seus apelidos Da Silva Campanha xunto cos dereitos familiares, así como o recoñecemento da nacionalidade portuguesa, e dedicou o que lle quedou de vida, aproveitando o coñecemento adquirido de ambas as culturas, á importación de produtos como algodón, caucho, marfil e café nos que era pródigo Angola e que tanto cobizaban os europeos.
O seu fillo, Emérito Gestoso Campanha, continuou o comercio do pai e aínda o ampliou ao amparo das sucesivas campañas militares ordenadas polo goberno de Lisboa, e o mesmo fixo o seu propio fillo, Afonso Sueiro Campanha, poñéndolle este remate á saga no ano 1906 tras coñecer a que logo sería a súa esposa, María Aureliana Torres Quintillán.

(Máis sobre esta historia en
O Xardín das Pedras Flotantes)