18 de nov de 2009

Ex Libris (e V)


Munich, hotel Schwarzer Berg, xuño do ano 1993.
No salón nobre Goethe celebrábase a festa que clausuraba o encontro de varios centos de vendedores de peletaría de distintos países. Fora organizado pola casa Adonais&Co., de matriz americana, transformadora e comercializadora de peles de alta gama, que desexaba expandir por Europa as recentemente creadas liñas de fabricación de pezas de vestir, zapatos e complementos. Tras compartiren unha selecta cea, os participantes foron convidados a unha degustación de licores ao tempo que escoitaban a actuación dun grupo de novas músicas. O ambiente animábase conforme avanzaba a noite entre bailes, conversas e risas compartidas.

Apoiados nunha das terrazas que voaban sobre a rúa, fermosamente iluminada a aquela hora, unha muller madura que falaba inglés con claro acento español deixábase seducir entre grolos de champaña por un mozo bastante máis novo que falaba inglés con acento belga.
Aproveitando a cita máis coñecida de Shakespeare, que ela deixara no aire ao tempo de tomar da bandexa dun camareiro a sexta copa da noite, “To be or not to be”, o home comezara a falar de literatura; amosábase un apaixonado da poesía contemporánea e gran admirador da poesía española da chamada xeración do 27.
–Federico García Lorca foi un poeta extraordinario. As súas metáforas son luminosas e evocadoras, os seus versos son terríbeis e á vez inocentes; ninguén coma el soubo plasmar a alma xitana, non cres?
A muller confesoulle que odiaba a literatura en xeral e, en particular, a poesía. E todo por causa dunha mala experiencia amorosa que non desexaba lembrar naquela noite chea de burbullas e maxia.
–Con todo –engadiu–, precisamente onte pola noite merquei un libro antigo nunha poxa aquí en Munich. Vin o catálogo no escaparate e animeime a entrar. Tiven que competir con cinco alemáns, un sueco e dúas matronas italianas, non vaias pensar que foi fácil. Paguei moito diñeiro por el. E iso que ao vendedor debeulle saír ben barato, pois mercoullo a un trotamundos que o atopou tirado nun campo na fronteira rusa. É un libro moi raro, seguro que vale unha fortuna, aínda que eu non entendo diso.
–Logo, para que o mercaches?
–Para un agasallo. Lévollo a un bo amigo que si é afeccionado aos libros.
A muller ría con expresión que parecía malévola mentres falaba, e iso facía que o home bebese máis e aceptase que a poesía era un tema menor cando había de por medio toda unha noite chea de prometedoras sorpresas.
Os primeiros bicos non tardaron en chegar. Xurdiron na privacidade dunha pequena sala que servía de almacén de mesas e cadeiras; fóranse refuxiar alí porque a muller amosara interese por que non os viran xuntos demasiado tempo.
–Comprendo. Estás casada.
–Non o estou, non se trata diso... Pero non te preocupes; esta noite durmiremos xuntos.
–De veras?
–Claro... Oh, perdoa, non cho preguntei. Ti estás casado?
–O certo é que si.
–Entón...
–Pero non te preocupes: esta noite durmiremos xuntos.
Os risos mesturáronse cos bicos unha e outra vez. Nalgún momento, ela dixo:
–Faremos o seguinte. Agora volveremos á festa por separado, e falaremos cos nosos amigos durante unha media hora. Logo despedirémonos e sairemos, de novo cada un polo seu lado, para atopármonos na parte de atrás do hotel, onde pillaremos un taxi e...
–E a noite será nosa. Un plan perfecto, case poético.
–Ehmm, parecerache unha impertinencia a estas alturas –dixo ela–, pero esquecín por completo o teu nome.
–Bernard. Bernard Roules.
–Dime, Bernard Roules, sabes o que é o polbo de aneis azuis?
–Non teño nin a menor idea.
–Non importa, mellor así. Eu son...
–Isabel, seino. Isabel Padilla. Española, de Cataluña. Coma Salvador Dalí.
–Outro poeta?
–...
–É broma, é broma.

Cando de novo se atoparon na rúa coa intención de dirixirse ao hotel da muller, en tanto se volvían bicar baixo as farolas que se reflectían nas augas do Isar, esta propúxolle levar a festa máis alá dunha vulgar noite de sexo efémero. Bernard quedou á espera de que se concretase o pensamento que roldaba pola súa mente. Aínda que animada pola champaña, Isabel amosábase segura de si mesma, e a el non lle importaba deixarlle que tomase a iniciativa da sedución.
–Propóñoche que recollamos unha prostituta.
–Unha prostituta?
–Si. A cidade está chea delas; buscaremos a máis fermosa e perversa á vez e levarémola ao hotel.
–Estás segura?
Ela, na súa experiencia no mundo da empresa, chegara á conclusión de que o peor tres sempre era mellor ca o mellor dous. Non lle resultou fácil explicalo no seu inglés máis ben torpe, pero a el tampouco parecía que lle interesase profundizar na argumentación. Gustáralle a idea desde o primeiro momento, líase nos seus ollos demasiado sinceros. Quizais non o vería igual se a proposta fose facer o trío con outro home, mais tampouco a ela lle tentaba a idea de perderse nun tedioso debate.
Aos poucos minutos, recolleunos un taxi e levounos cara ao distrito Grünwald. Non era a céntrica rúa Sandlingerstrasse que aconsellaba o condutor no seu dificultoso inglés de Baviera, onde se sucedían os clubs de alterne de tipo medio, nin a Rotes Haus, que presumía de ser un dos centros de diversión máis cotizados da cidade. Moi ao seu pesar, e seguindo as ordes da muller, levounos a unha zona do extrarradio onde ían atopar, díxolles, o peor en materia de prostitución: mulleres sen fogar, inmigrantes de países pobres, drogaditas, delincuentes, todo un mostrario da marxinación máis atroz.
Tras daren dúas voltas por ruelas que eran moito peor do que lles anunciara o taxista, na porta dun garito miserábel viron saír unha muller de pel escura e abundante melena negra que lucía un corpo fermosamente proporcionado baixo os tristes farrapos característicos do oficio. O coche parou. Isabel asomou á ventaíña e ofreceulle o que podía gañar nunha semana se os acompañaba a un hotel. A muller chuchou con forza o chicle que levaba na boca, observounos un momento e dixo en perfecto inglés con acento brasileiro:
–Non me quereredes para celebrar algún rito macabro...
–Como o sabes? –preguntou Isabel co seu sorriso máis ambiguo.
–Porque hai anos que te estou a esperar, cariño.
A muller cuspiu o chicle e subiu.
–Estupendo. Tes un nome?
–Podes chamarme Áurea Mendes.

Ao día seguinte, cando eran as 17.30 horas, un taxi paraba ás portas do aeroporto Franz Josef Strauβ. Del baixou Isabel Padilla, elegantemente vestida, e dirixiuse á oficina da Lufthansa para facturar a súa equipaxe con destino a Barcelona. En tanto non abrían a porta de embarque, foise sentar nunha cafetaría e pediu un café ben cargado. Dispoñíase a abrir o xornal da tarde cando se lle acercou por detrás unha persoa. Volveuse. Era a prostituta que contrataran ela e o seu amigo para pasar a noite.
–Vaia, decidícheste. Cheguei a pensar que non virías –dixo Isabel, esta vez sen se molestar en falar inglés.
–Vin os informativos na televisión –Áurea tamén lle falaba en correcto castelán.
–Eu estaba a punto de ler o xornal. Algo interesante?
–O home morreu.
–De veras? Iso confirma que o veleno do polbo de aneis azuis é letal. Unha boa noticia.
–Tamén demostra que es unha asasina. Non necesitas contratarme a min.
–Iso a que vén? Non son unha asasina, e necesítote a ti.
–Entón por que tiveches que matar ese pobre home?
–E ti sentes compaixón? Crin que eras unha profesional.
–Iso non quere dicir que mate por gusto. Fágoo por diñeiro, non por diversión.
–Ese home enganaba á súa muller sen a menor consideración.
–Merecía morrer por iso?
–Non te preocupes, non penso matar todos os homes infieis do mundo, non hai apócema suficiente para iso. Só quería asegurarme de que o veleno funcionaba. A iso vin a esta cidade co pretexto dunha reunión comercial. De paso, tiven ocasión de mercar un libro antigo que me servirá de cebo para tentar a vítima, e tamén de contratar a persoa que lanzará o anzol. Unha viaxe proveitosa.
–E se me nego a facelo?
–Ofrecinche moito diñeiro, e xa che paguei unha parte cando te contratei. Ademais, estás aquí. Non me vas fallar.
–Podo ir á policía e contárllelo todo. Ti envelenaches o champán do home na festa.
–A policía tardará moito tempo en saber de que morreu; entretanto, buscarante a ti, cando saiban que fuches a derradeira persoa en ver a Bernard con vida. Demos o teu nome e mais o del no mísero hotel onde pasamos a noite, lembras? O recepcionista nin se lembrará de min, así que eu non figuro para nada, non existo nesta historia.
–Tampouco existo eu.
–Non existes? Cado vin que lle amosabas a túa documentación ao recepcionista con toda a inocencia comecei a desconfiar que non eras a persoa adecuada para o meu plan. Unha verdadeira profesional non faría iso. Despois vin como te comportabas coa maior naturalidade con el, aínda sabendo que ía morrer; iso tranquilizoume. Espero que fagas ben o teu papel.
–Es unha muller perversa. Planificáchelo todo con frialdade.
–Non creas, antes de vir para aquí só tiña o veleno e unha vaga idea do que quería facer. Despois atopeite a ti, logo o libro, e finalmente coñecín ao pobre Bernard. Todo foi sucedendo por si mesmo. Eu só axudei a que as pezas encaixasen coas miñas necesidades.
–Ao mellor, as cousas non son como ti pensas.
–Que queres dicir?
–Que non sucede todo como un calcula. Non sempre somos quen de dirixir os nosos destinos, canto máis os dos demais.
–Moi profundo iso que dis, pero nós imos seguir adiante co noso trato. Agora, déixame a documentación para coller o teu billete… Como? Outra vez me dás a tarxeta de identidade verdadeira? A policía pode seguir esta pista e buscarte en España.
–Non me atoparán, xa che dixen que non existo. Farei o meu traballo.
–Iso espero, saíchesme bastante cara. Pídoche un café?
–Grazas, non tomo café.
–Ha, ha, ha... Non cho envelenarei, non te preocupes. Por certo, unha curiosidade. Por que dixeches onte que había anos que me estabas a esperar?
–Eu dixen iso?
–Dixeches. “Hai anos que te estou a esperar, cariño”.
–Non o lembro.