BATUME, REFUGALLO QUE ABANDONA A MAREA NA OURELA DO TEMPO E QUE É XERME DE VIDA NOVA CANDO SE DEITA N'OXARDÍN DAS PEDRAS FLOTANTES.
En O Xardín das Pedras Flotantes suxírense múltiples historias que nin empezan nin acaban, simplemente discorren, e que dan pé a que sexan completadas ou continuadas ou dalgunha maneira imaxinadas por calquera persoa.
Nestas páxinas efémeras atoparedes algunhas desas historias, mais pequenos textos, imaxes e outros materiais, propios e alleos, que poderían estar no Xardín, pois forman parte del, pero que viñeron dar aquí por algún deses azares que tecen o noso diario navegar. Vós tamén podedes aportar as vosas creacións, pois son para o Xardín onde todos acabaremos por vivir. Se inventades algunha historia relacionada coas historias do Xardín e queredes que figure entre estas que se amosan, xa sabedes o mecanismo: escribir e enviar. Esta é a praia aberta a onde chega o batume.
As IMAXES que ilustran os textos deste blog, tanto fotografías como creacións plásticas, están tiradas, na súa maioría, doutros recantos da rede tras minuciosa busca. En xeral, non se fai constar a procedencia nin a autoría, e isto débese tanto ao descoñecemento como a que en moitos casos proveñen de apropiacións previas. Tamén ten algo que ver o desleixo do responsábel. Outro tanto cabe dicir das fontes e das traducións dos TEXTOS procedentes doutras linguas, se ben neste caso si se fai constar a autoría.
Daquela, unha petición de desculpas para o que haxa de culpabilidade, un agradecemento anónimo e universal, e a disposición a corresponder na mesma medida a cantos queiran tomar algo do que aquí hai.