19 de nov. de 2008

O avó escravo de Afonso Sueiro Campanha (II)

Un día, cando Restituto contaba 17 anos, volvía coa patela do peixe por un canellón, cando foi asaltado por tres homes que o amordazaron e o arrastraron ata os calabozos da fortaleza. Antes de que tomase conciencia do sucedido, achouse no medio de decenas de negros de diversas razas atados con grillóns e axiña se decatou de cal sería o seu destino. Corría polas aldeas fieis aos dominadores portugueses o rumor de que estes, cando non contaban cun número suficiente de escravos capturados ou mercados no interior da selva, non dubidaban en incluír nos lotes os propios aliados. Agora tocáralle a el, e Restituto estaba triste sobre todo porque non se puidera despedir dos seus pais e irmáns e o caico ficaría abandonado no areal e nunca máis sairía a pescar. Como os seus secuestradores o advertiran de que lle cortarían a lingua e o nariz como se lle ocorrese falar en portugués, o mozo decidiu non falar máis, nin en portugués nin en ningunha outra lingua.
En poucos días, tras a chegada doutros continxentes, procedeuse á carga do barco, a corveta Serra da Fraguiza, baixo o mando do maior de navío António Frederico de Sousa Pombal. Un total de 254 escravos, entre homes e mulleres, foron deitados nos sotos e apertados de xeito que ocupasen o menor espazo. Finalizado o labor, a nave partiu con rumbo ao Brasil.

Tras unha infernal viaxe de arredor de dous meses, inmobilizados naquela posición, maltratados, apenas alimentados con sopas noxentas e tendo que convivir cos seus propios desperdicios, o cargamento ficou reducido ás tres cuartas partes por quedaren no océano os corpos dos que foron falecendo. Os que chegaron vivos, foron poxados na costa de Bahía en lotes ao mellor ofertante. Restituto, enfraquecido, coa ollada extraviada e, ao parecer, mudo, foi rexeitado polos facendados do azucre. Finalmente, licitado en solitario no último momento a un baixo prezo, foi mercado por unha familia burguesa, os Lobeira do Campo, para a atención do fogar.
Paulo do Campo era arquitecto e a súa esposa, Benigna Lobeira, era dona de minas pola parte da Serra do Espinhaço. Naquela mansión de clase alta ilustrada, relativamente ben tratado e afastado dos terrores pasados, Restituto foi recuperando pouco a pouco as ganas de vivir. Como froito dunha cariñosa entrega, gañou a confianza total dos catro fillos pequenos do matrimonio, para os que se converteu en mestre de xogos, compañeiro insubstituíbel de paseos e confidente secreto.
Os seus amos, que estaban convencidos de que era mudo, sorprendérono nunha ocasión falando portugués cos pequenos. Interesados pola súa historia, chamoulles a atención unha marca que o mozo tiña nas costas, a cal, de maneira incomprensíbel, semellaba un escudo de armas.