15 de dez. de 2010

E despois... (X)




[…]
–Eu non morrín, Simón, sigo no mundo dos vivos.
–Doutor!... Ah, pensei que falaba con...
–Con quen?
–Xa non sei. Que facemos no medio deste descampado? Eu fun ao hospital a visitar a doutora Fontoira e, de repente, estou aquí, nun monte. E eses cabalos, a correr contra a xistra...
–Non son cabalos, son as sabas das camas penduradas a secar. Que che ocorre?
–Sei que chegamos aquí nun coche que viaxaba a través da noite, mais agora non lembro para que. Tamén estaba o Campás, falábame dos mortos.
–Que che dicía?
–Que os mortos tamén soñan. Soñan con aquilo que non foron ou non fixeron en vida. Viven o que non viviron. E mestúranse cos vivos, sen saber que soñan... Áurea, estás aí?
–Estou.
–Non me deixes agora, por favor.
–Nunca te deixei.
–Aquilo que se ve ao fondo é unha cova?
–Unha cova de area. Ti estás dentro, nun cadaleito de flores.
–Non pode ser, estou aquí.
–Tamén estás aquí.
–Estou co Campás.
–Estás comigo.
–E empezo a ver... Esas pedras no aire, arredor de min...



–Estás a ver as pedras flotantes? Creo que che falei delas noutra ocasión, aínda que non lembro o que che dixen. A memoria é unha cousa fráxil á miña idade. Mais non debes ter medo, as pedras é normal que floten, sobre todo cando o aire se volve pesado; está na súa vivencialidade.
–Son preciosas... Son... un xardín espléndido... Doutor, isto está pasando realmente?
–Si.
–Estou asustado...
–Non me parece raro, a min tamén me asustaría ver pedras que flotan; a lei da gravidade é moi estrita.
–Non me dan medo as pedras, dáme medo saber o que significan, e estar aquí no medio delas... Sabe?, ás veces penso... dáme por pensar... que fun eu quen morreu naquela cova. Vivo con esa idea, soño con ela. Asústame incluso dicilo. Mais logo esperto e volvo ser o mesmo. O que soña que morreu.
–O que soña que morreu.
–Doutor, que foi o que aconteceu naquela cova despois do meu casamento con Anabel?
–Creo que o contas ti mesmo no libro.
–O que conto, non; o que aconteceu realmente.
–Atrévete a sabelo. Mentres non o saibas, non terás nada, só preguntas.

–Áurea? Es ti? Apareces e desapareces... Non me deixes, por favor, agora non me deixes. Non me abandones no medio das pedras flotantes...
–Non son Áurea. Estásme confundindo con Áurea Mendes? Insinúas que me parezo a unha bruxa brasileira con poderes sobrenaturais?
–Non, doutor. Pero… Oh, non entendo que me ocorre…
–Pero queres entendelo.
–Necesito entendelo. Estou no seu despacho, levamos falando moito tempo, e agora é como se estivera a soñar outra vez. Pero non é un soño. Eu non estou durmido agora mesmo.
–Tampouco levamos tanto tempo, nin sequera pasou unha hora.
–De veras? Eu diría que levo días aquí metido...
–Na cova, o tempo non conta. Só hai area. E pedras ingrávidas.


–... Doutor, cando entrei na súa consulta díxome que me podía atender porque estaba esperando a un paciente que nunca viña.
–Así é.
–...
–Adiante, pregunta.
–... Ese paciente son eu, verdade?
–Si.
–...
–Pregunta.
–Entón... non foi Anabel quen morreu realmente naquela cova de area...
–...
–Anabel só existía na miña cabeza, era un ser da miña imaxinación, é así? Aquela intuición terríbel que tiven un día e loitei por desbotar... Dígamo, por favor.
–As respostas están todas na túa mente, podes elixir a que queiras.
–Daquela, todo canto aconteceu despois, a miña estancia no hospital, a recuperación, o regreso a Casais, Laura, o libro, esta visita... Doutor, isto está pasando?
–É difícil de dicir, xa sabes, soño, realidade...
–Non, iso non me vale.
–Ti que percibes?
–Escuridade, confusión. Moitas dúbidas, e necesidade de saber.
–E non se che ocorre pensar que ao mellor deberías deixar de intentar entendelo?... Ah, Simón, estás tan necesitado de lóxica, de razóns, de encaixalo todo nos teus esquemas fáciles... Por que non te atreves a non pensar, a deixarte levar polos acontecementos, pola doce leviandade do baleiro? Como esas pedras…
–Pero... Pero eu vivín unha vida desde que espertei do coma, sígoa vivindo, teño unha familia, e unha noiva que me ama, estudo unha carreira, teño proxectos para o futuro.
–Iso cres? Entón, será verdade.
–E non ten sentido que estea morto. Ningún sentido.
–De acordo. Daquela, acepta o que tes e víveo. Non pidas outra cousa. Só o que a túa razón che dite. Serás moi feliz se o consegues.
–...
–...
–...
–En realidade, Simón, quen vive? Quen pode asegurar cabalmente que está vivo? Ninguén dos que te rodean cada día e cada minuto da túa vida poden saber que son nin se están ou non están. Ti, teus pais, Laura, o doutor Laredo, o Campás, a doutora Fontoira, Áurea... só somos sabas a secar, cabalos contra a xistra...
–...
–Síntoo. Pedíchesme axuda, por iso cho digo.
–E Anabel?
–Tamén Anabel.
–... Entón... é aí onde podo vela?... No xardín?...
–Aí é onde podes vela. Só tes que avanzar por el sabendo que estás nel, como ela o sabe desde hai tempo.
–...
–Vas ir?
–Só quero vela, saber que segue aí, na miña vida... Na súa vida, pero tamén na miña... Arestora está na casa en ruínas no medio do bosque, verdade?
–Non é moi lonxe de aquí.
–Porque as paredes desa casa forman parte do xardín. E non teño que seguir buscando, estou no xardín, sempre estiven no xardín...
–É hora de deixar de pensar. Déixate ir, fúndete co xardín, sé un con el. É a hora do encontro.
–Si.



–Pero non te fundas demasiado, ou podería perderte. E non quero perderte, necesítote perto de min. Necesito as túas caricias, a túa voz nos meus oídos.
–… a túa voz nos meus oídos...
–E tamén os teus músculos varonís para que me protexas, a ver que faría unha pobre dama soa neste monte. Necesito que vaias de caza e consigas comida, e que arranxes a casa que destruíu o temporal. E non te queixes, ninguén dixo que a vida de casado fose fácil. Cando regreses pola noite bicarei os teus pés cansos e lereiche os meus poetas preferidos á beira do lume...
–… á beira do lume...
–Oh, mira canto tardaches en vir, non me podes deixar soa tanto tempo, sabes? Unha ten necesidades. Non quero ser egoísta, pero non me debes descoidar. Onde estiveches todos estes anos? Xa o imaxino, viaxando, coñecendo outros países, outras xentes, vivindo experiencias; o mesmo que dicides todos. Seguro que pasaches penalidades, e que sentiches alegrías como nunca sentiras, non? Seguro que estiveches con fermosas mulleres, ao mellor incluso fundaches unha familia, e terás fillos, unha profesión, recordos... Ulises, meu navegante... Como é ela? É intelixente, sensíbel, nobre? Parécese a min?... Sentes amor por ela?... Pódesmo dicir, sabes que non me importa. Eu tamén teño outros noivos; xa cho dixen, un por cada día da semana. Aínda que ti es o que prefiro. Mais non debes deixarme tanto tempo soa, de acordo?
–… de acordo. Anabel...
–Necesitámonos ambos. Eu sen ti non son nada, non existo. E ti necesítasme tamén porque, ademais de amor, necesitas sentir a morte. E porque sabes que eu desexo ser a túa amante. Serei a que enche os ocos que ninguén máis podería encher, a que aluma os camiños que ningunha luz pode alumar; serei a auga que regue o teu xardín, auga de lúa para os teus ollos, para as túas mans, para o teu corazón necesitado de eternidade. Ven onda min.
–Anabel, Anabel...