10 de abr. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (e VIII)

Desde aqueles días, nas aldeas que conforman a parroquia de San Martiño de Vilaboa mantívose durante xeracións a dúbida nunca esclarecida sobre se os feitos contados por Eliseo da Reigosa e repetidos durante toda a súa vida foran certos ou se só foran unha meticulosa invención súa dirixida, por un lado, a que os frades que invadían a propiedade comunal quedasen baixo o ollo atento da xustiza, e, por outro, a que se arranxasen os problemas familiares para poder casar coa moza que quería. Sábese que a Real Audiencia de Galicia, por recomendación expresa da Casa Real, dispuxo e mantivo durante lustros unha vixilancia discreta nos camiños que saían das Salinas, a fin de evitar que ese ouro e esa prata, no caso de existiren, saísen de alí; mais, que se coñeza, non obtiveron ningún resultado. Tampouco se sabe se os xesuítas o poderían sacar do escondedoiro e enviar ao destino previsto. Constatouse, iso si, que nos meses seguintes, talvez grazas aos traballos de limpeza ordenados polos doutores composteláns, medrou notabelmente a produción de sal; ou polo menos iso parecía, pois nos carros ían máis sacos e estes ían máis cheos.
En calquera caso, a poboación da contorna seguiu a litigar durante anos coa Compañía de Xesús na defensa dos seus intereses. A Pragmática Sanción dada por Carlos III en 1767, que decretaba a expulsión da orde fóra do país, puxo fin a esta contenda legal, se ben seguiu sen se resolver o problema da propiedade e explotación da enseada do Ulló.

Case un século despois, os terreos das Salinas foron postos en poxa pública dentro do proceso redencionista e privatizador das sucesivas leis de desamortización. Por un raro capricho do destino, foron mercados por un bisneto do matrimonio Da Reigosa-López, de nome Abundio Reigosa Fernández, o cal fixera fortuna no ámbito da pesca e as empresas conserveiras.
A figura de Abundio Reigosa sempre constituíra un misterio para os seus contemporáneos, por canto pasou de posuír unha mísera embarcación para a pesca de baixura no lugar de Acuña a se converter, nun prazo mínimo de tempo, en potente armador con flotas de barcos en Cangas, Marín e Bueu, e, inmediatamente, a mercar unha fábrica de conservas que fora posta en marcha no seu día por fomentadores cataláns e que el modernizou e converteu nun puxante emporio industrial. Como daquela aínda se mantiña viva a lenda do tesouro escondido das Salinas, houbo quen relacionou o seu despegue económico coa descuberta do mesmo; mais isto nunca se puido comprobar nin o novo ricohome deu nunca unha explicación ao respecto, agás quizais o xesto de mercar os terreos da enseada e reedificar a vella casa dos frades, seguindo os gustos da fidalguía agraria, para vivenda de recreo.
Unha das súas fillas, María Guadalupe Reigosa Caamaño, aínda había ampliar a preeminencia social da familia ao casar, en novembro de 1846, con Abelardo Gunderiz Rivas, décimo terceiro marqués de Gunderiz e vizconde de Oleiros de Sol.

(Máis sobre esta historia en O Xardín das Pedras Flotantes)