29 de mar. de 2013


BREVE HISTORIA DA HISTORIA DE BATUME

O blog Batume foi aberto en novembro de 2008 co obxectivo de servir de prolongación e acompañamento á miña novela O xardín das pedras flotantes. Ao longo de pouco máis de dous anos, publiquei nel unha serie de relatos que emanaban dos relatos que aparecen na obra e reproducín textos e ilustracións de numerosos creadores que dalgunha maneira se podían relacionar con ela. Foi un traballo agradábel á vez que laborioso, que, porén, trouxo pouca compensación en canto á receptividade de posíbeis lectores.
Un día de xaneiro de 2011, considerando que o blog xa fixera o seu camiño e que non tiña sentido continuar con el, decidín poñerlle o punto e final; un punto e final que era unha páxina en branco, o Xardín. A continuación, retireino da vista e deixeino nunha gaveta pechada da rede, só con acceso privado para o autor, a fin de que durmise para sempre o sono dos xustos.
O tempo pasou e trouxo máis tempo, con todos os aconteceres, os cambios, as permanencias, con máis libros e máis historias, todo iso que chamamos vida.
Nese tempo, algunhas persoas, poucas, pedíronme a chave para visitaren o blog, o cal me pareceu estimulante. Por outro lado, eu tiña presente que Batume, á marxe dos gustos de cadaquén, era unha obra en si mesma, que levou o seu tempo, traballo, creatividade e cariño, e que dera un resultado estimábel, polo cal me daba mágoa telo agachado. Por último, como parece ser que Internet, en contra do que eu pensaba, ten unha capacidade de almacenamento inesgotábel, deducín que a ninguén lle estorbaría que ese sitio estivese aí. Daquela, á vista destas consideracións, tomei a opción de devolver Batume á luz pública. Eilo.
Non teño intención de continuar publicando textos neste sitio. De feito, o presente só é unha explicación que me dou a min mesmo, consciente de que case ninguén virá por aquí. Pero o blog queda aí á vista, exposto a calquera raio de luz que queira iluminalo. Máis ou menos, o mesmo que ocorreu coa novela que o motivou, O xardín das pedras flotantes, que, sendo obxectivamente unha novela de mérito, e atrévome a dicilo eu mesmo, ficou definitivamente esquecida do salón literario no recanto escuro.
Saúde. E primavera.

MLG