23 de set. de 2010

E despois... (V)

[…]
–Dime: como foi a túa vida estes últimos anos?
–Tan simple todo, tan previsíbel, que non merece demasiada atención. Nalgún momento, Laura e eu, cando estivemos seguros de que a nosa relación ía en serio, probamos a construír algo máis sólido, xa sabe, un fogar. Ela aceptou vivir en Forzáns en tanto non remataba a miña carreira, despois trasladariámonos de novo a Casais… Parece que todo conduce a que finalmente acabe vivindo na casa de pedra que plantei sendo rapaz, verdade? En Forzáns arranxamos a casa da avoa Cruz, que morreu aos poucos meses de eu me curar, e alí vivimos. Eu viaxo a Vigo por seguir as miñas clases e ela vai por veces a Agolada, onde deixou unha persoa para atender o seu negocio de roupa. Vén tamén por Pontevedra, aproveita para explorar a posibilidade de abrir unha segunda tenda na capital. O seu son os negocios, e ten moitas aptitudes para iso.
–A relación é boa, non hai lagoas.
–A relación é excelente. Ambos somos persoas adultas, formadas, cunha sensibilidade e uns gustos moi próximos. Fisicamente atraémonos cada día máis… É unha unión que se forxou nos máis intensos momentos da infancia, ese territorio que, como dixo alguén e repetiron tantos, é a verdadeira patria dos humanos, e que se prolonga no desexo de compartirmos tamén o que veña no futuro. É todo tan perfecto que ata parece cursi, verdade? Ese fío sutil entre o sublime e o patético; aí é onde estamos nós.
–Iso está ben, non tes por que atormentarte.
–Aínda que tamén temos momentos de tensión, afortunadamente. Pero en cousas nimias, xa sabe, a cor das cortinas, o punto de relación con amigos comúns, os nomes dos fillos que imos ter… Iso tamén forma parte da felicidade.
–Que tal a túa saúde? Saír dun coma de varios anos, ou o que fose que padeciches, debe deixar algunha marca, non desaparece como se non pasase nada.
–Pois así debeu ser. A miña saúde, segundo os que saben diso, é a normal e non hai nada que remita a aquel suceso. Quizais…
–Si?
–Só é un quizais… A veces teño soños. Soños que me transportan a aquel momento no que non estaba consciente. Son tan reais que me fan sentir que estou de novo alí. Pero só son soños, todos os temos, non significan nada. Porque non significan nada, verdade, doutora?
–Iso depende. Cóntame algún.
[…]

23 de ago. de 2010

E despois... (IV)






[…]
–Non sei se tes máis razón agora ou antes, pero tomar opcións sempre é positivo. Evita que vivamos a mercede do vento. Despois de todo, estamos vivos, non?
–A publicación do libro axudoume moito.
–En que sentido?
–No sentido de relativizar a miña historia. Eu non tiña experiencia nisto da literatura, pero comprendín que era unha maneira de sacar fóra as pantasmas máis pertinaces. Como dixo alguén, unha loita por obxectivizar a subxectividade. Ten algo de maxia exorcizadora, e moito de sufrimento, e tamén de gozo.
–Gustouche a experiencia de escribir.
–Gustou. Non me gustou tanto o que veu despois, desde que a obra saíu das miñas mans.
–A que te refires?
–A varios asuntos que teñen que ver con iso que chaman o “mundiño literario”… Mais non paga a pena afondar neles, simplemente forman parte dos pequenos desencantos con que nos sorprende a realidade de cada día. Pódese vivir perfectamente sen lle dar importancia.


–Tamén abriches un blog. Durante un tempo, seguino.
–Xa non o segue?
–Hai meses que non o visito.
–Non lle pareceu interesante.
–Pareceumo ao principio, despois menos. Preguntábame onde querías chegar, que sentido tiña. Por un lado, sabía que buscabas deixar a un lado o pasado, mais por outro vía que continuabas a reconstruír os seus fragmentos, os fíos que conducían a aquela cova de area na ría de Pontevedra. Non o entendía. E despois, eses textos doutros escritores que traías para acompañar citas do libro… Nalgún momento acheino pretencioso, como se te quixeras poñer á altura dos grandes mestres.
–Naturalmente, non quixen facer nada diso. Só buscaba lugares comúns, ver como os mesmos sentimentos se expresaban desde distintas sensibilidades. E tamén quixen dar lectura a libros que lía Anabel, autores que veneraba desde a súa perspectiva inocente e máxica. Foi unha maneira de manter viva a súa alma. O feito de que desexe deixar o pasado atrás non significa que o queira esquecer.



–A Laura parécelle ben que sigas con este blog? Que manteñas viva a… alma de Anabel?
–Foi ela mesma quen me animou a facelo, e quen o creou, ela manéxase mellor nesas cousas da informatica. Tamén me deixou un aviso clariño: “Aproveita ben o tempo que lle dediques ao blog, será o único que teñas para serme infiel.” E fágolle caso. De todos os xeitos, a verdade é que xa non escribo nel, estouno deixando morrer.
–Por que?
–Perdeu sentido, se é que algunha vez o tivo. É como escribir no vento; simplemente escribes, pensas en voz alta, e iso morre no baleiro; non vai a ningures, non é nada. Coma a propia vida, supoño, que tampouco ten moito sentido. Non sei… En todo caso, volvinme preguiceiro. Ando noutras cousas... Doutor, de veras lle parecín pedante?
–Perdoa, non pretendía criticarte. Só quero ser sincero e espontáneo.
–E eu agradézollo. Sobre todo porque… creo que necesito o seu consello. Hai cousas que non van ben.
–Ti dirás.
–… A verdade, doutor, é que sigo perdido.
–Segues perdido. Por iso estás aquí.
–Si.
[…]

16 de jul. de 2010

E despois... (III)






–Simón, meu amigo… Canto tempo!
–Ola doutor. Si, pasou tempo.
–Preto de dous anos, non?… Vaia, tes bo aspecto. Pero entra, non quedes na porta.
–Non quixera molestalo. Só me acheguei por se dispoñía duns minutos.
–Estou á espera dun paciente que nunca vén. Non creo que hoxe faga unha excepción, así que...
–Como é iso?
–El nunca vén, pero eu espéroo igual. É parte do meu traballo.
–Entendo.
–Toma asento. Teus pais están ben?
–Moi ben. Ela segue de mestra no Illas Ons. Hoxe é o seu aniversario, por iso estou en Pontevedra. El, entregado coma sempre ás tarefas de xardineiro. Nunca pensei que a paixón puidese medrar coa idade, estaba equivocado; converteuse nun verdadeiro alquimista da flora. Sabe que estivo valorando matricularse comigo na carreira de Bioloxía?
–De veras?
–Só o desanimaron as probas de entrada para adultos. Como non rematou o Bacharelato, deulle medo non ser quen de superalo. Finalmente, acordamos que seguiría a carreira comigo, eu sería o seu profesor.
–E que tal? Funciona?
–Non crea, non é un bo alumno. Fáltalle método científico. Séguese guiando máis do seu instinto ca das sesudas explicacións dos académicos. Faime máis caso a pequena Zhadía, ela si que é unha alumna aplicada.
–Tes unha familia estupenda. Dime, Simón, por que non volviches polo meu despacho? Desde o día en que viñeches deixarme unha copia do libro, non te volvín ver. Podo saber por que?


–… Ten que desculpar, con vostede só podo ter agradecementos e quizais non fun correcto…
–Saltemos o protocolo.
–Verá, quería afastarme o máis que puidese do meu pasado. Non renunciar a el, pero si gardar unha prudente distancia. Que me permitise velo con claridade e sentirme alleo ao ocorrido, coma se non tivese que ver comigo.
–Eu non formo parte do teu pasado. Non tes por que excluírme.
–Forma parte, na medida en que me axudou a reconstruílo. É unha especie de ponte entre a persoa que fun e a que son.
–Entendo. Daquela, queres deixar o pasado atrás.
–Só se trata de poñelo no seu sitio, de facer que non se convirta en protagonista do presente. O que sucedeu sucedeu, non pode ser cambiado; pero pódese xestionar a súa influencia. Guiar as súas consecuencias nalgunha dirección. Vostede sabe que eu, antes, consideraba que nada podía ser evitado, que o mundo e a vida xiraban ao compás de cadeas de feitos que se gobernaban por si mesmos. Agora non o penso, e esa convición axúdame a tomar decisións valentes. Son fillo do pasado de todos, pero son amo do meu presente. E elixo ser quen son agora mesmo.
[…]


6 de jul. de 2010

E despois... (II)





































29 de jun. de 2010

E despois... (I)





18 de fev. de 2010

Outra volta o mar



Porque, a pesar da escuridade daquelas horas e da rapidez coa que saíu e da miña turbación, puiden ver con total certeza que no auto ían dúas persoas. E dunha delas, a que ía ao lado da condutora, recoñecín o perfil do rostro que se volvía para mirarme, sorrinte, e recoñecín o suavísimo voar dos seus cabelos lisos e negros e o brillo dunha cadea de ouro, e recoñecín a sombra borrosa do seu xesto dicíndome adeus.

O Xardín (páx. 509)


Do océano rodante da multitude unha pinga chegou ata min suavemente
E díxome ao oído: "Ámote, axiña morrerei.
Percorrín unha longa distancia unicamente para te mirar e para te agarimar,
Porque non podía morrer sen te contemplar unha vez máis,
Porque temía perderte."
Coñecémonos xa, mirámonos, estamos seguros,
Regresa en paz ao océano, meu amor.
Eu tamén son unha parte dese océano, meu amor, non estamos moi lonxe un do outro.
Contempla a vasta redondez, a cohesión de todas as cousas, que perfectas son!
Mais en canto a min, en canto a ti, o mar irresistíbel vainos separar.
Esta hora lévanos xuntos, mais non poderá levarnos xuntos eternamente;
Non te impacientes –agarda un momento–, debes saber que eu saúdo ao aire, ao océano e á terra,
Todos os días no solpor, por ti, meu amor.

Walt Whitman. Follas de herba.

7 de fev. de 2010

Tránsito

Mañá
vestiranme con cinzas no abrente,
encheranme a boca de flores.

Aprenderei a durmir
na memoria dun muro,
na respiración dun animal que soña.

Alejandra Pizarnik. Textos de sombra e derradeiros poemas.




[…] E xa non había un río nin un barco nin estaba Anabel nin a música, sentíame só. Era o desfiladeiro, a innominada porta do alén, o útero astral.

O Xardín (páx. 324).

26 de jan. de 2010

Amencer na morte

.... mentres a luz da madrugada iluminaba o noso leito de amor, a nosa nudez primordial. Houbo berros, bágoas, maldicións, houbo imprecacións e lamentos, e eu non entendía nada. Negábame a entender. Negábame a aceptar, a crer, que Anabel estivese morta.

O Xardín (páx. 286)


Non sentín o teu leve paso
nas augas engurradas dos meus soños.
O amencer azul do río
mesturou os teus pés transparentes
coas follas douradas do outono.

Teríasme amado cegamente?
Lavarías os teus cabelos
no viño escuro dos meus beizos?
Xa só che podo ofrecer o vento do meu amor
e a branca canción dos meus ósos xeados.

Wang Bai-Yi. Poemas.

17 de jan. de 2010

A noite, o día, a noite

Esa noite bicámonos por primeira vez. Entón, coñecín o sabor dos seus beizos, máis fresco ca a auga da fonte, máis doce ca as uvas da infancia, máis embriagador ca calquera licor. Bicámonos unha vez, outra vez, beixos como lúas, como flores, como bolboretas ou augamares, beixos como cancións, como raios de luz na penumbra.

O Xardín (páx. 221)



A noite non quere vir
para que ti non veñas
nin eu poida ir.

Pero eu irei
aínda que un sol de alacráns me coman a sen.

Pero ti virás
coa lingua queimada pola chuvia de sal.

O día non quere vir
para que ti non veñas
nin eu poida ir.

Pero eu irei
entregándolles aos sapos o meu mordido caravel.

Pero ti virás
polos turbios sumidoiros da escuridade.

Nin a noite nin o día queren vir
para que por ti morra
e ti morras por min.

F. García Lorca. Diván do Tamarit.