24 de out. de 2010

E despois... (VII)





[…]
–Volver? Dis que quere volver?
–Volver á miña vida. Coido que Anabel intenta establecer fíos para que nos comuniquemos.
–Establecer fíos.
–Si. Nótoo. Dalgunha maneira, seino.
–…
–A ver, non se trata de que mire a súa sombra vagar polas paredes, nin lle vou contar que recibo cartas dela no meu correo electrónico, sabe? Non é iso. É outra cousa.
–Sigue falando.



–Permita que lle describa certo lugar... Hai unha casa en ruínas nalgunha parte dun bosque próximo á beiramar. A casa está practicamente sen teito, coas paredes de pedra medio derrubadas, comidas polas hedras e o carrizo. Parece que en tempos foi unha casa nobre, polo tamaño, os grosos muros de perpiaño ben tallado, a gran lareira que aínda se conserva en pé, a escaleira señorial, as portas con arcos. Mais a vegetación está a devorala, en poucos anos desaparecerá baixo o manto verde. Como lle digo, a construción áchase no medio dun bosque de árbores antigas, un bosque mesto, polo que custa traballo andar, aínda que para chegar á casa hai un carreiro de xabre. Debo dicir que ese lugar existe verdadeiramente, ou iso creo. Nunha ocasión, paseando polo lindeiro norte da xunqueira, xa a certa distancia de Pontevedra, Anabel e eu demos cun carreiro medio disimulado entre a vegetación e decidimos seguilo. Era un fermoso carreiro cheo de misterio, un deses camiños que parecen non levar a ningures que tanto nos engaiolaban. Ao pouco, descubrimos a casa en ruínas. Lembro que ambos ficamos prendados do seu encanto, era como entrar nun mundo diferente, fóra de todas as leis e todas as convencións, un mundo onde o tempo se detivera, onde a vida palpitaba cun ritmo diferente. A luz do sol coándose entre as pólas, os insectos flotando no aire, os cantos dos paxaros, un regato ao lonxe, aqueles recendos... Era como estar fóra do mundo. Podo lembralo perfectamente. Dentro da casa, rodeados daquel ambiente máxico, sentámonos nun cañoto, ela apoiou a cabeza no meu ombro, e permanecemos longo tempo en silencio. Non había nada que dicir, a paisaxe dicíao todo. Foi moi fermoso, un dos momentos máis emotivos dos nosos anos de noivado. Despois quixemos volver outras veces, mais non puido ser.


–Por que non puido ser?
–Nunca encontramos o camiño. Indagamos, e ata preguntamos aos paisanos, e non houbo maneira, ninguén sabía daquela casa ruinosa no medio do arboredo. Anabel rendeuse axiña, dicía que era un deses lugares que hoxe están aquí e mañá están alá, así era ela. Mais eu teimei e seguín buscando; fixen un plan sistemático para percorrer o bosque en todas as direccións seguindo todos os camiños, e tiven que renderme tamén. Ese lugar non existía. Pode entendelo?
–Pódoche dicir que, aínda que non é normal, iso pode ter varias explicacións. Desde un soño compartido ata a autosuxestión colectiva na vixilia. Tal vez o lestes; a lectura en común dunha pasaxe dun libro pode levar a iso. Sen descartar que a casa exista realmente.
–Existe. Agora volvo con frecuencia a ela.
–Nos teus soños.
–Non. Descubrín de novo o camiño. Recentemente, tantos anos despois. Un día, tras unha visita aos meus pais, saín a pasear pola xunqueira. E descubrín o carreiro entre a maleza. Ao momento souben que era o mesmo. Seguino, e alí estaba a casa. Máis ruinosa, se cabe, pero a mesma. Desde entón, fun alí varias veces.
–Por que vas a esa casa?
–…
–Que esperas encontrar?
–…
–Simón?
–Quero vela. Quero recuperala. E sei que será alí.
[…]

15 de out. de 2010

E despois... (VI)


[…]
–De acordo. Un deles é iso que chaman un soño recorrente. Trátase dun lugar xeográfico concreto, un lugar que tal vez exista, nunha ría galega que podería ser calquera. Eu vou en coche, saio da estrada xeral e intérnome por unha desviación que coñezo perfectamente, e axiña chego aos cantís. Conforme me aproximo, a inmensa beleza do rochedo sobre o mar, co sol reflectindose na limpidez da paisaxe, conmóveme no máis profundo. É unha emoción que me fai vibrar, un deses intres de éxtase que valen por toda unha vida, sabe o que quero dicir?... De súpeto, estou una auga, camiñando. A praia esténdese baixo o mar ata moi longa distancia, cunha area moi fina que forma ondas, como levísimas dunas. A auga aí ten pouca altura, non me chega aos cadrís. É cálida, deliciosamente cálida; eu non son dado a bañarme no noso mar, a frialdade faime dano. Mais aquí é un gusto, coma se fosen augas tropicais. Logo estou arrástrandome por esa auga valéndome das mans, coma se reptase. É unha sensación moi gorentosa. Trátase dun soño que me fai feliz. Ata que me decato de que na auga tamén hai peixes. Primeiro vexo algúns, mais axiña son multude Son peixes que non son peixes, son animais estraños, como seres doutra era, con duras escamas, con courazas, con peles brillantes e esbaradizas. Quizais especies abisais, ou prehistóricas, ou extraterrestres. Algúns son tan grandes que poderían devorarme. Móvense lentamente ao meu redor, ou están parados. Algúns ata parecen mortos. Nalgún momento hai tantos que non podo desprazarme se non é polo medio deles. Teño que pisalos necesariamente; non lles fago dano, mais podo sentilos baixo os meus pés, latexantes, tamén atentos á miña presenza. O certo é que non me dan medo. Danme noxo, mais non medo, quizais porque sei que aquel é o seu sitio natural. Mais eu quero saír, e sinto que non podo. Entón séntome nunha pequena lomba de area e fico alí tempo e tempo, contemplando aquel rebulir de vidas alleas no corazón do paraíso, sentíndome case unha delas… Lembro vivencias semellantes de cando estaba enfermo. Lembro aquela paraxe tan fermosa que facía tremar de emoción o meu subconsciente. E lémbrome desprazándome na auga cálida sobre o areal. E esa fauna estraña ao meu redor. Doutora Fontoira, por que persisten na miña cabeza eses soños?



–Quizais non sexan soños, Simón.
–Realidades tampouco parecen.
–Non é tan simple. Non son dous mundos separados. Non podemos asegurar que soñamos só cando durmimos e que vivimos no mundo real cando estamos espertos. Existen fendas entre ambos os mundos, e podemos caer nelas en calquera momento sen nos decatar. Mesmo pola acción de certas substancias. Quizais os medicamentos que che recomendei. Estalos a tomar, non? Os teus pais dixéronme que te estabas portando ben.
–Tomo os meus medicamentos, aínda que non sinto que cambie nada. Só eses soños que volven unha e outra vez. Son provocados pola medicina?
–Podería ser.
–E por que me fai tomar medicinas?
–Xa falamos diso, Simón. Son necesarias para a túa estabilidade. Fanche ben.
–En todo caso, o que vivo son imaxinacións.
–…
–Tampouco?
–Dime algo máis. Cóntame outros soños.
–Outras veces soño co desfiladeiro. Aquel desfiladeiro no que caín durante o xuízo que se me fixo tras a morte de Anabel. Volvo sentirme no val bretemoso, rodeado de neve moura, de montañas venteadas, de cabalos con grandes crinas. Estou outra vez sentado sobre o seu cadaleito de mármore á espera do barco que me levará onda ela. Son soños breves, como fragmentarios, máis tan intensos como o eran daquela. Por veces sinto coma se aínda estivese alí. Coma se nunca espertase do meu sono no hospital Marcelino Agulla.
–É moi interesante iso que dis.
–Por que?
–Unha idea moi potente para a imaxinación, verdade? Vivir sempe nun soño, sen sabelo, pensando que estás esperto. Unha idea de moito rendemento literario, creo.
–Pero non falamos de literatura.
–Non importa, podemos divagar. As divagacións achégannos á verdade. Tamén podería darse o caso de que nin sequera chegases a estar soñando, que ese estado de coma no que te atopaches nunca se producise; que nunca saíses do meu despacho a primeira vez que entraches e que acabases de espertar agora mesmo, nesta conversa, coa túa memoria cargada de lembranzas de feitos que nunca viviches. Pódesme crer, non tiña por que ser unha ficción; nos andeis secretos das boticas existen substancias capaces de provocar esas vivencias. Soño, realidade, esa fronteira tan débil… Desculpa, coido que divago demasiado. Ultimamente leo moito, sabes? Aínda que non o pareza, eu tamén teño debilidade polos territorios da creación.
–Pero eu necesito saber a verdade, doutora Fontoira, para iso vin. Necesito saber.
–Para iso viñeches? Cres que eu teño a resposta?
–Vostede pódeme axudar a descubrila. Dígame o que pensa.
–O que eu pense non importa demasiado, Simón, importa máis o que pensas ti.
–Vaia, bonito recurso da psicología evasiva. Cando o profesional non sabe analizar un caso, déixalle ao paciente a responsabilidade. Para iso queremos psicólogos?
–Por favor, controla a túa linguaxe.
–Se non ten nada que dicirme, por que me mandou vir? Teño máis cousas que facer, e os meus pais teñen mellor en que gastar os cartos.
–Por que me falas así? Pensei que superaras esa faceta orgullosa, Simón.
–Que?
–Creo que perdiches a compostura. Que che ocorre?
–Oh, por favor, perdoe. Pensei que estaba a falar con outra persoa…
–Outra persoa?
–Si, unha persoa do meu pasado. Por un momento pensei…
–Pois son eu, o doutor Díaz Laredo.
–Por suposto. Que estraño… Esa persoa dicía unhas cousas que… tampouco eran propias dela. Non entendo o que me pasou. En fin, desculpas de novo, non quixen…
–De acordo, enténdoo. Sígueme contando os teus soños. Aínda que… Verás, estoute escoitando e dáme a impresión de que non me dis o que me queres dicir. Como se quixeras irte aproximando a algo, mais só estás dando voltas ao seu redor. Creo que, en realidade, non viñeches contarme os teus soños, nin as túas dúbidas metafísicas.
–Ten razón. Verá, doutor, isto que lle vou dicir é algo máis… algo máis que estraño e inesperado. E non sei como afrontalo.
–Fala; temos tempo. Esta vez, sen dar rodeos.
–…
–Fala.
–Coido que ela quere volver.
[…]

23 de set. de 2010

E despois... (V)

[…]
–Dime: como foi a túa vida estes últimos anos?
–Tan simple todo, tan previsíbel, que non merece demasiada atención. Nalgún momento, Laura e eu, cando estivemos seguros de que a nosa relación ía en serio, probamos a construír algo máis sólido, xa sabe, un fogar. Ela aceptou vivir en Forzáns en tanto non remataba a miña carreira, despois trasladariámonos de novo a Casais… Parece que todo conduce a que finalmente acabe vivindo na casa de pedra que plantei sendo rapaz, verdade? En Forzáns arranxamos a casa da avoa Cruz, que morreu aos poucos meses de eu me curar, e alí vivimos. Eu viaxo a Vigo por seguir as miñas clases e ela vai por veces a Agolada, onde deixou unha persoa para atender o seu negocio de roupa. Vén tamén por Pontevedra, aproveita para explorar a posibilidade de abrir unha segunda tenda na capital. O seu son os negocios, e ten moitas aptitudes para iso.
–A relación é boa, non hai lagoas.
–A relación é excelente. Ambos somos persoas adultas, formadas, cunha sensibilidade e uns gustos moi próximos. Fisicamente atraémonos cada día máis… É unha unión que se forxou nos máis intensos momentos da infancia, ese territorio que, como dixo alguén e repetiron tantos, é a verdadeira patria dos humanos, e que se prolonga no desexo de compartirmos tamén o que veña no futuro. É todo tan perfecto que ata parece cursi, verdade? Ese fío sutil entre o sublime e o patético; aí é onde estamos nós.
–Iso está ben, non tes por que atormentarte.
–Aínda que tamén temos momentos de tensión, afortunadamente. Pero en cousas nimias, xa sabe, a cor das cortinas, o punto de relación con amigos comúns, os nomes dos fillos que imos ter… Iso tamén forma parte da felicidade.
–Que tal a túa saúde? Saír dun coma de varios anos, ou o que fose que padeciches, debe deixar algunha marca, non desaparece como se non pasase nada.
–Pois así debeu ser. A miña saúde, segundo os que saben diso, é a normal e non hai nada que remita a aquel suceso. Quizais…
–Si?
–Só é un quizais… A veces teño soños. Soños que me transportan a aquel momento no que non estaba consciente. Son tan reais que me fan sentir que estou de novo alí. Pero só son soños, todos os temos, non significan nada. Porque non significan nada, verdade, doutora?
–Iso depende. Cóntame algún.
[…]

23 de ago. de 2010

E despois... (IV)






[…]
–Non sei se tes máis razón agora ou antes, pero tomar opcións sempre é positivo. Evita que vivamos a mercede do vento. Despois de todo, estamos vivos, non?
–A publicación do libro axudoume moito.
–En que sentido?
–No sentido de relativizar a miña historia. Eu non tiña experiencia nisto da literatura, pero comprendín que era unha maneira de sacar fóra as pantasmas máis pertinaces. Como dixo alguén, unha loita por obxectivizar a subxectividade. Ten algo de maxia exorcizadora, e moito de sufrimento, e tamén de gozo.
–Gustouche a experiencia de escribir.
–Gustou. Non me gustou tanto o que veu despois, desde que a obra saíu das miñas mans.
–A que te refires?
–A varios asuntos que teñen que ver con iso que chaman o “mundiño literario”… Mais non paga a pena afondar neles, simplemente forman parte dos pequenos desencantos con que nos sorprende a realidade de cada día. Pódese vivir perfectamente sen lle dar importancia.


–Tamén abriches un blog. Durante un tempo, seguino.
–Xa non o segue?
–Hai meses que non o visito.
–Non lle pareceu interesante.
–Pareceumo ao principio, despois menos. Preguntábame onde querías chegar, que sentido tiña. Por un lado, sabía que buscabas deixar a un lado o pasado, mais por outro vía que continuabas a reconstruír os seus fragmentos, os fíos que conducían a aquela cova de area na ría de Pontevedra. Non o entendía. E despois, eses textos doutros escritores que traías para acompañar citas do libro… Nalgún momento acheino pretencioso, como se te quixeras poñer á altura dos grandes mestres.
–Naturalmente, non quixen facer nada diso. Só buscaba lugares comúns, ver como os mesmos sentimentos se expresaban desde distintas sensibilidades. E tamén quixen dar lectura a libros que lía Anabel, autores que veneraba desde a súa perspectiva inocente e máxica. Foi unha maneira de manter viva a súa alma. O feito de que desexe deixar o pasado atrás non significa que o queira esquecer.



–A Laura parécelle ben que sigas con este blog? Que manteñas viva a… alma de Anabel?
–Foi ela mesma quen me animou a facelo, e quen o creou, ela manéxase mellor nesas cousas da informatica. Tamén me deixou un aviso clariño: “Aproveita ben o tempo que lle dediques ao blog, será o único que teñas para serme infiel.” E fágolle caso. De todos os xeitos, a verdade é que xa non escribo nel, estouno deixando morrer.
–Por que?
–Perdeu sentido, se é que algunha vez o tivo. É como escribir no vento; simplemente escribes, pensas en voz alta, e iso morre no baleiro; non vai a ningures, non é nada. Coma a propia vida, supoño, que tampouco ten moito sentido. Non sei… En todo caso, volvinme preguiceiro. Ando noutras cousas... Doutor, de veras lle parecín pedante?
–Perdoa, non pretendía criticarte. Só quero ser sincero e espontáneo.
–E eu agradézollo. Sobre todo porque… creo que necesito o seu consello. Hai cousas que non van ben.
–Ti dirás.
–… A verdade, doutor, é que sigo perdido.
–Segues perdido. Por iso estás aquí.
–Si.
[…]

16 de jul. de 2010

E despois... (III)






–Simón, meu amigo… Canto tempo!
–Ola doutor. Si, pasou tempo.
–Preto de dous anos, non?… Vaia, tes bo aspecto. Pero entra, non quedes na porta.
–Non quixera molestalo. Só me acheguei por se dispoñía duns minutos.
–Estou á espera dun paciente que nunca vén. Non creo que hoxe faga unha excepción, así que...
–Como é iso?
–El nunca vén, pero eu espéroo igual. É parte do meu traballo.
–Entendo.
–Toma asento. Teus pais están ben?
–Moi ben. Ela segue de mestra no Illas Ons. Hoxe é o seu aniversario, por iso estou en Pontevedra. El, entregado coma sempre ás tarefas de xardineiro. Nunca pensei que a paixón puidese medrar coa idade, estaba equivocado; converteuse nun verdadeiro alquimista da flora. Sabe que estivo valorando matricularse comigo na carreira de Bioloxía?
–De veras?
–Só o desanimaron as probas de entrada para adultos. Como non rematou o Bacharelato, deulle medo non ser quen de superalo. Finalmente, acordamos que seguiría a carreira comigo, eu sería o seu profesor.
–E que tal? Funciona?
–Non crea, non é un bo alumno. Fáltalle método científico. Séguese guiando máis do seu instinto ca das sesudas explicacións dos académicos. Faime máis caso a pequena Zhadía, ela si que é unha alumna aplicada.
–Tes unha familia estupenda. Dime, Simón, por que non volviches polo meu despacho? Desde o día en que viñeches deixarme unha copia do libro, non te volvín ver. Podo saber por que?


–… Ten que desculpar, con vostede só podo ter agradecementos e quizais non fun correcto…
–Saltemos o protocolo.
–Verá, quería afastarme o máis que puidese do meu pasado. Non renunciar a el, pero si gardar unha prudente distancia. Que me permitise velo con claridade e sentirme alleo ao ocorrido, coma se non tivese que ver comigo.
–Eu non formo parte do teu pasado. Non tes por que excluírme.
–Forma parte, na medida en que me axudou a reconstruílo. É unha especie de ponte entre a persoa que fun e a que son.
–Entendo. Daquela, queres deixar o pasado atrás.
–Só se trata de poñelo no seu sitio, de facer que non se convirta en protagonista do presente. O que sucedeu sucedeu, non pode ser cambiado; pero pódese xestionar a súa influencia. Guiar as súas consecuencias nalgunha dirección. Vostede sabe que eu, antes, consideraba que nada podía ser evitado, que o mundo e a vida xiraban ao compás de cadeas de feitos que se gobernaban por si mesmos. Agora non o penso, e esa convición axúdame a tomar decisións valentes. Son fillo do pasado de todos, pero son amo do meu presente. E elixo ser quen son agora mesmo.
[…]


6 de jul. de 2010

E despois... (II)