14 de nov. de 2008

O avó escravo de Afonso Sueiro Campanha (I)

Na vila de Luanda (Angola), a mediados do ano 1837, a súbdita portuguesa Brunilda da Silva Oliveira, esposa do fidalgo e á vez rico mercador Ricardo José Coelho Campanha, pariu o seu terceiro fillo na súa mansión anexa á fortaleza de San Miguel, residencia do gobernador Valeriano Costa de Antunes. Cadrou o feliz aconte-cemento co regreso do marido despois de ordenar a partida do mercante Dona Graça cun cargamento de 288 escravos, na súa maioría das etnias hutu e lingala, con destino ás plantacións de azucre das Antillas. Mais a felicidade da familia polo feliz suceso tornouse en traxedia cando se patentizou que o nacido era de cor negra, en tanto que nai e pai eran de raza branca, dun branco case níveo, e que en ningunha rama da familia existían antecedentes de membros dotados de pel distinta da branca. Afogada a preguntas, a nai acabou por confesar a relación mantida durante meses cun musculoso nativo de nome Mdabi Kindume, de ascendencia bantú e empregado na fortaleza como coidador de cabalos. Sen mediar máis explicacións, o mozo foi castrado con brutalidade e inmediatamente aforcado na praza de armas para escarmento contra quen ousase poñer as súas mans sobre as sagradas damas dos colonos.
Asemade, o fillo foi afastado da nai por un furioso Ricardo Campanha para ser entregado a unha familia de pescadores xunto cunha presada de moedas e a encomenda de que nunca lle fose revelada a súa orixe. No intre da separación, o cativo deu en chorar con berros tan desaforados que a piques estivo de conmover o corazón do burlado fidalgo. De seguido, ordenouse a marcha da muller para Porto, de onde eran naturais, ficando el a facer os preparativos para liquidar os seus negocios e seguila no menor tempo posíbel. Para tales mesteres, contratou criados novos e despediu os vellos, a fin de deixar atrás todo canto podía dar noticia en Portugal do que consideraba unha aldraxe ao seu apelido.
O rapaz boi bautizado na fe cristiá, que abrazara a familia adoptiva, co nome de Restituto, na honra do santo que se veneraba o día do seu nacemento. Cando tivo idade, o pai, como fixera cos outros irmáns, axudouno a construír o seu propio caico para pescar pola súa conta e animouno a que buscase unha esposa, advertíndoo, cun sorriso triste, que non debía poñer os ollos nunca nunha muller de raza branca.