8 de jan. de 2009

Sucesos en Ourense entre 1865-68 (II)


Mais aqueles homes, e Herminio Davila o primeiro, traían esa noite ansia de saquear os bens alleos, e non se resignaban a se retirar sen máis á morada que compartían nun punto oculto da serra de Cabeza de Meda. Daquela, bastou a proposta do impulsivo Brais de Canido para que decidisen darlle unha alternativa aos seus pulos transgresores. O novo obxectivo sería a vivenda do coñecido avogado Federico Gómez de Argensola, unha casa con xardín situada bo barrio das Hortas, nos arrabaldes da cidade. O avogado tiña fama de home suspicaz, o que o levaba a gardar consigo o seu capital en vez de llelo confiar aos bancos. Vivía coa súa esposa, Casilda Sequelo, proveniente dunha familia fidalga, tres fillos, dous deles de curta idade, unha institutriz noviña e un criado maior e medio xordo. A defensa da propiedade era, polo tanto, feble, e o botín, sen saberen a ciencia certa o que podían atopar, semellaba apetecíbel. Mentres marchaban nas súas cabalgaduras en dirección ao barrio das Hortas, Herminio repartía as instrucións necesarias e insistía na recorrente recomendación de que non se fixese uso das armas a menos que resultase inevitábel.
Chegaron á mansión cando a noite xa ía avanzada. Tras examinaren a contorna para se asegurar de que esta vez nada turbaría o seu plan, forzaron unha fiestra coas pancas. Unha vez dentro, coas taleigas ao lombo e senllas candeas acesas nas mans, separáronse para rexistrar as estancias.
Pero o sixilo non foi respectado por todos. O voluminoso Xan o Estadullo descubriu na cociña unha pota con recendente cordeiro asado e non puido resistir a tentación de enviar uns bocados. Nun descoido, caeulle o testo sobre a cociña de ferro e logo ao chan. O balbordo dos sucesivos choques fixo que espertase xente na casa.
As voces dando a alarma soaron dunha peza a outra, e ao pouco achábanse no salón Federico Gómez, a súa muller e o fillo maior fronte a fronte cos salteadores. No cuarto contiguo, a institutriz termaba dos pequenos, que choraban sen cesar. Os bandidos esgrimiron as longas navallas para ameazárenos, entón o avogado correu a coller no caixón do escritorio unha pistola. Mais non lle deu tempo a encaralos; Brais de Canido saltou sobre el e fíxoo rodar polo chan afastando a arma. Os berros conseguiron que espertase incluso o criado medio xordo, que apareceu por sorpresa na sala a tempo de golpear cun bastón na cabeza a Brais facéndoo sangrar. O vello recibiu unha coitelada no brazo por parte d'O Estadullo que o obrigou a soltar o bastón. Este foi parar ás mans do avogado, quen tirou do puño e sacou do interior unha folla de espadín coa que feriu no peito ao propio Herminio Davila. Esta vez, o aprendiz de xastre non se reprimiu máis e coa súa faca toledana coseuno a navalladas ata que deixou de respirar.

Os berros das mulleres e dos nenos non foron acalados coa ameaza das armas e, para evitaren máis desgrazas, os homes optaron por meter rapidamente nas taleigas os obxectos que lles pareceron de máis valor e fuxiron de contado nas bestas campo a través, a tempo de veren como se acendían luces e saían ás fiestras algunhas persoas nas casas veciñas.
A gavela fixo un alto ao amparo dunha telleira preto do Miño, a fin de dexergaren se eran seguidos. Máis tranquilos, continuaron o rumbo polo camiño de Castela en dirección a Cabeza de Meda.