18 de mar. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (V)

Comezaron por lle dicir que os sacos de ouro e prata proviñan das colonias de América. Eran unha parte do tesouro desembarcado en Rande no ano 1702, días antes do ataque da escuadra anglo-holandesa. Aquel cargamento de riquezas era tan enorme que se requisaran ata dous milleiros de carros entre Santiago, Pontevedra e Vigo para o seu envío á capital de España. O transporte realizouse pola estrada Vigo-Santiago, rodeado dunha enorme vixilancia. Pero o inmediato ataque dos inimigos fixo que se cometesen erros e que abrollase algún arrouto de cobiza entre os que conducían a prezada carga. Un destes intentos de roubo deuse ao seu paso polo lugar de Vilaboa. Dous carros foron desviados da ruta e conducidos a través de camiños interiores. Supuxeron os seus condutores que, entre tanta cantidade de vehículos e o fragor da batalla, non se ían botar en falta. Non foi así, e axiña saíron soldados na busca das taleigas que non chegaran ao destino. O certo é que os carros e o ouro nunca foron atopados, nin tampouco os carreteiros, que conseguiron escapulirse por completo.
Pasou o tempo, a guerra rematou e en España quedou asentada definitivamente a dinastía dos Borbóns. Entre os cambios que se derivaron dos novos aires traídos pola monarquía francesa, apareceron os receos contra a Compañía de Xesús, e esta ameaza foi a máis conforme medraba a influencia de certos círculos eruditos que se facían chamar a si mesmos "ilustrados". A Compañía de Xesús, absolutamente fiel ao mandato papal, como se demostrara na loita sen cuartel contra a Reforma, necesitaba facer valer o seu legado histórico como baluarte da cristiandade perante calquera herexía. Daquela, ía precisar dun sustento económico para se enfrontar á campaña de difamación e intrigas que se preparaba contra ela. Por outro lado, dábase a circunstancia de que o ancián Papa Benedicto XIII se achaba enfermo, e contábase con que o seu mandato non duraría moito. Os xesuítas desexaban influír no nomeamento do novo Vigairo, e tamén para iso lles sería útil un "milagre" que inflase as súas castigadas arcas.
A orde de recadar fondos chegou á delegación do Colexio en Compostela, e os seus responsábeis asociárona axiña á lenda nunca comprobada da desaparición dos dous carros cargados de ouro e prata procedentes do desembarco de Rande. A partir de aí, as sempre eficaces redes de información da Compañía abriron unha pescuda na que conseguiron localizar un dos encargados do seu transporte. Tratábase dun home que sobrevivía en Portugal como tratante de gando baixo o nome falso de Paulo de Freitas. Nun primeiro momento, cruzara a fronteira á espera de que a xustiza se esquecese del para logo volver ao rescate da fortuna. Pero as ameazas non remitían e o home, temoroso do castigo que lle agardaba se o pillaban, decidira continuar a súa vida lonxe do país e definitivamente esquecido da existencia do tesouro, como supuña que igual lles pasaría aos demais que participaran no roubo. Os xesuítas utilizaron toda clase de mañas, incluídas ameazas sobre a súa muller e os seus fillos, e arrincáronlle a confesión de que as taleigas foran arroxadas ao fondo da ría de Vigo no lugar das Salinas de Vilaboa.
O resto da historia xa era coñecida por Eliseo. A casualidade histórica fixera que os xesuítas fosen usuarios dos terreos que acubillaban o enorme tesouro que lles era tan necesario e que, porén, non lles pertencía por ser propiedade da Casa Real. Daquela, o que cumpría era un traballo secreto de busca e extracción e, posteriormente, o seu transporte en dirección a Valladolid e de alí a Roma sen que ninguén se apercibise do que ocorría.
Tras a detallada confesión que deixaba á vista o delito capital da comunidade relixiosa, a Eliseo non lle quedou a menor dúbida de que os frades non mentían cando lle anunciaban que non o podían deixar con vida. Sería inútil que lles xurase o seu silencio eterno perante o sagrado cáliz, pois estaban en xogo intereses que rebordaban todo trazo de humanidade e de piedade. Íano matar, e logo seguramente farían desaparecer o seu corpo nos escuros fondos da enseada; a mesma auga que custodiara durante case trinta anos o incríbel tesouro sería a que gardaría o segredo do seu asasinato.
Desde ese momento, ao mozo non lle quedaba máis opción que a de intentar fuxir.

13 de mar. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (IV)

Eliseo, desexoso de ver a moza e de restablecer as súas citas na Regaduxa tras o tempo de encerro, volveuse internar polas bancas en canto o traballo na ferraría llo permitiu. Outra volta apareceron os vixiantes, con máis violencia ca nunca. Esta vez, tras breve e desigual pelexa, o rapaz conseguiu zafarse e foise agachar nas pólas dun tupido castiñeiro. Os gardas dérono por fuxido e deixaron de buscalo. Eliseo mantívose unha miga á espera e, cando ía continuar a marcha, volveuse agachar porque chegou aos seus oídos unha conversa entre dous frades que paseaban polas inmediacións e que tiñan aspecto de autoridades, a xulgar polos adobíos. O asunto ao que se referían, segundo colixiu, era o paso por Vilaboa dos convois que, case trinta anos antes, transportaran o inxente cargamento de ouro e prata traído de América pola flota de Indias e desembarcado con apuro no estreito de Rande ante a ameaza do ataque dos ingleses. Cando máis interesado estaba o rapaz na conversa, incorporouse un novo frade que avisaba da inminente chegada dun emisario da xudicatura provincial con ordes de facer unha inspección xeral ás Salinas a propósito do proceso que se seguía contra eles. Axiña acordaron adoptar medidas para disimular os traballos que se realizaban e, como primeira decisión, ordenaron suprimir os postos de vixilancia para aparentar a maior normalidade. Eliseo, entón, comprendeu que a orde de afastamento non estaba ditada pola autoridade competente, senón polo capricho inxusto e abusivo dos propios xesuítas.
En canto regresou a Paredes tras a súa visita a Acuña, o mozo esforzouse en reunir familiares e veciños para lles explicar o que sabía; porén, non conseguiu convencelos de que podían facer uso dos seus dereitos cívicos sobre as Salinas. Só el, pola súa conta, decidiu roubarlle horas ao traballo da fragua para ir axexar a actividade dos frades desde o arboredo que rodeaba as bancas.
Nos primeiros días, non obtivo máis froitos que algunha que outra conversa ou comentario sen demasiado interese. Mais por fin, a finais de xaneiro, o seu esforzo se viu recompensado cun achado que o deixou abraiado. Nas últimas semanas, a actividade de exploración concentrárase nun punto preciso situado a medio camiño entre as dúas comportas da banca sur polo seu lado exterior. Os frades andaban alborotados e a vixilancia extremárase para asegurar que ninguén se ía achegar ás proximidades. Eliseo, situado nun alto que lle permitía seguir a escena ao detalle, dexergou como algúns frades foráneos substituían os hábitos por cinxidos traxes feitos de coiro e calzado provisto de pesas de metal e se guindaban ao mar atados con cordas ás gamelas. Tras deles botouse, en vertical, unha especie de campá de metal semellante a outras que el vira debuxadas nun libro que falaba da arte do mergullo e que se utilizaban para respirar debaixo da auga. Os homes tamén levaban consigo cordas e ganchos de metal. Volveron emerxer ao cabo dun tempo e as cordas foron levadas ata a banca. Acto seguido, coa forza conxunta de moitos brazos, comezou a extracción de algo que había no fondo e que debía ser o centro absoluto do seu interese, dada a expectación e nerviosismo con que actuaban. O pasmo de Eliseo foi en aumento. O que saíu da auga, atado coas cordas e ganchos, foron unha serie de fardos de coiro cubertos de algas, lama e cunchas mariñas.
Os homes fixeron tres inmersións máis e en total sacaron vinte e catro vultos. Antes de transportalos á terra firme, os frades racharon con coitelos un dos sacos sobre unha manta facendo que se esparexese un indescritíbel tesouro formado sobre todo por pedras de ouro e de prata, moedas, e tamén pedrarías e diversos obxectos metálicos que relucían baixo o frío sol de xaneiro. Inmediatamente, a un sinal dado, un home que agardaba na ribeira montou a cabalo e arrincou a toda velocidade en dirección a Pontevedra.
Todos os fardos foron transportados, coa axuda de carros e bois, ás vivendas dos xesuítas. En canto desapareceron os últimos, Eliseo púxose a cruzar a banca para achegarse e continuar a pescuda, pero esta vez foi descuberto e apreixado. Os frades amosáronse moi contrariados pola súa presenza. Aínda que el lles xuraba que non vira nin escoitara nada e que só cruzaba a banca para dirixirse a Acuña, onde tiña moza, eles estaban seguros de que o rapaz presenciara o rescate do tesouro. Convertérase nunha testemuña absolutamente perigosa; e como nada se podía interpoñer diante da misión que debían cumprir, que estaba por encima de calquera vida humana particular, non ían ter máis remedio que matalo. Iso foi o que lle dixeron, con beatífica calma ante a consternación de Eliseo. E para que comprendese aínda mellor o alcance do erro a onde o conducira a súa curiosidade, e asemade para que aceptase a necesidade irremediábel do sacrificio, ao tempo que gardaban o tesouro en taleigas novas que eran coidadosamente pechadas e arrombadas, concedéronlle a graza de coñecer punto por punto todo o que estaba sucedendo.

8 de mar. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (III)

Se ben a representación do concello de Vilaboa nos litixios coa Compañía de Xesús estaba a cargo do alcalde pedáneo Maximino Hortas de Abade e dunha delegación de cada núcleo veciñal, porén, naquel tempo adquiriu especial protagonismo un mozo de Paredes chamado Eliseo da Reigosa, de vinte e un anos de idade e aprendiz do oficio de ferreiro no obradoiro do seu pai. Ademais de explorar os misterios da fundición dos metais e a forxa, Eliseo era coñecido como persoa moi curiosa por todo tipo de saberes; fora capaz de aprender a ler grazas aos esforzos dun fidalgo ao que servira de cativo, e desde entón lía cantos libros e escritos podía conseguir, que non podían ser moitos, e era apreciado polos seus coñecementos sobre a natureza e sobre historia. Tamén tiña sona de gran inventor de contos con múltiples recursos.
Eliseo tiña, daquela, moza no lugar veciño de Acuña, unha rapaza de dezanove anos chamada Celia López de Teixeiro. Os seus pais, emparentados co señorío local, eran donos dunha notábel facenda en terras, casas e gando, e sendo a rapaza, ademais, fermosa e desenvolvida, non lle faltaban pretendentes desexosos de lle facer as beiras. Pero Celia xa elixira e, aínda que non lle comunicara a ninguén a noticia do seu noivado, estaba convencida de que o home da súa vida era Eliseo do mesmo xeito que ela era a amada do seu corazón.
O motivo de que a súa relación non fose coñecida era que entre as familias de ambos existía un pasado de liortas por asuntos herdados dos devanceiros, asuntos que tiñan que ver con estremeiras, regadíos e camiños de paso en veigas e devesas que nin sequera eran propias. Nesa altura, os problemas xa non existían, pois arranxáranse dentro da lóxica evolución dos tempos, mais mantíñase a inimizade como un mandado antigo que non se debía escusar.

A pesar destas circunstancias, os mozos aproveitaban todas as ocasións das que dispoñían para estaren xuntos. Cada vez que tiñan previsto verse, o de Paredes percorría os dous quilómetros escasos que separan ambas as localidades, e facíao polo itinerario máis breve, para o que debía cruzar as bancas das Salinas. O lugar de cita adoitaba ser unha fonte vella e escondida que había onde comezaba a fraga da Regaduxa.
Ía xa máis dun ano que se vían desta maneira e a parella, que se quería con amor verdadeiro, tomara nesta altura a decisión de llelo comunicar ás correspondentes familias para que arranxasen as súas relacións e deixasen a un lado os problemas. Pola parte de Eliseo, a comprensión na casa fora fácil e había disposición ao entendemento, mais non así pola de Celia, que foi ameazada con pechala nun convento se persistía en verse co aprendiz de ferreiro de Paredes. Daquela, aínda que finxiron unha ruptura dolorosa, continuaron a verse en segredo na fonte da Regaduxa, á espera de que mellorasen os ánimos e o tempo amolecese os sentimentos.
Co ánimo aflixido polo curso que levaba a súa relación amorosa, non estaba Eliseo en disposición de atender a normas que nin entendía nin lle parecían aceptábeis; daquela, malia a prohibición de que os veciños se achegasen ao recinto das Salinas, el continuou usando o paso das bancas cando facía o camiño de Acuña, algunhas veces agachado, outras a corpo descuberto. Sentíase protexido non só polo convencemento de ter o dereito natural e ancestral a aquel paso, senón tamén porque sempre levaba consigo, oculto baixo as calzas, un rexo puñal de aceiro feito por el mesmo e gardado na súa funda de coiro atada á perna; aínda que non estaba seguro de ser capaz de usala contra ningún ser humano, a arma dáballe ánimo e confianza.
Nunha destas, xa nos primeiros días de 1728, cando facía o seu camiño coa cabeza posta nos claros ollos de Celia, foi detido polos gardas. Os funcionarios relixiosos que dirixían o concienciudo exame das augas da Salina de Porto de Muíños advertírono de que non podía volver por alí so pena de ser denunciado diante das autoridades civís e encarcerado e seguramente obrigado a pagar unha forte multa. Mais Eliseo, rufo e firme nos seus dereitos, teimou no empeño de seguir pasando polas bancas cando lle petase. Daquela, non pasaría moito tempo sen que o prendesen de novo. Como medida de escarmento, mantivérono retido durante dous días na choupana na que moraban os gardas encargados de custodiar a explotación.
O pai do mozo, Álvaro da Reigosa, recibiu a noticia da detención a través do cura párroco de Vilaboa. Foi protestar decontado diante dos rexedores do Concello e, ao non obter pronta resposta, dirixiuse directamente aos relixiosos. Estes entregáronlle o fillo, mais co aviso de que quedaba nas súas mans, como autoridade paterna, impedir que volvese quebrantar a orde de afastamento.

1 de mar. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (II)

Foi precisamente daquela, a finais do ano 1727, coincidindo cun repentino e inexplicábel empeño dos frades en monopolizar ao seu antollo o uso de augas e terras, cando os veciños apreciaron unha notábel intensificación dos traballos na zona coa chegada de numerosos homes, tanto relixiosos como laicos, para os que se improvisaron tendas de acampar, e a presenza frecuente de autoridades eclesiásticas vidas de fóra. A finais de decembro, o conflito subiu de graos cando se difundiu pola comarca unha orde que prohibía que os veciños se achegasen aos terreos das Salinas baixo ningún pretexto nunha distancia de trescentos pasos en toda a contorna, nin para labores agrarias nin pesqueiras de ningunha índole, nin sequera para o tránsito dos viaxeiros. Para un maior control do cumprimento da orde, os relixiosos chegaron a apostar sentinelas con armas en puntos de vixilancia estratéxicos. A proverbial paciencia dos labregos, acostumados a usar libremente aquel paso entre a parte leste e a parte oeste da ría incluso despois da cesión da explotación, estaba a piques de se esgotar, se ben preferiron seguir conducindo as súas reclamacións polos condutos oficiais, sempre lentos e desacougantes.
A orde de afastamento non impedía, porén, que os aldeáns dexergasen de lonxe o minucioso labor de múltiples persoas que examinaban con atención as augas, sobre todo pola parte exterior da banca sur. Movíanse a un lado e outro sobre os perpiaños de granito e traballaban tamén desde pequenas gamelas que se desprazaban lentas pola superficie normalmente calma. Por veces facían uso de aparellos que parecían deseñados para examinar o interior da auga, e incluso chegaban a mergullarse, malia as baixas temperaturas do inverno, homes experimentados que permanecían moito tempo no fondo. Para todos parecía evidente que a Compañía estaba decidida a elevar ao máximo a produción de sal promovendo a construción dunha nova salina no fondo da ría; outro obxecto non podían ter aqueles estudos científicos da enseada. Con todo, houbo quen negou esta explicación e relacionou a esixencia da exclusividade absoluta do lugar con asuntos de política, xa que se falaba da construción de fortalezas en distintos puntos das rías que servirían tanto para impedir as incursións dos piratas coma para se defenderen do inimigo inglés, non de todo satisfeito tras o tratado asinado en Utrecht como remate da guerra de Sucesión. Tamén se chegou a pensar no establecemento dun centro para o desembarco clandestino de escravos dentro dun comercio no que Inglaterra gozaba dunha substanciosa concesión monopolística. Os rumores sobre as actividades que se desenvolvían nas Salinas estendéronse ao terreo da medicina, ao se dicir que o interese daquelas augas tiña, en realidade, un carácter terapéutico, despois de que se descubrisen propiedades que podían ser aplicadas a enfermidades como a que padecía o monarca Felipe V, o cal, tras a recente perda do seu fillo Luís, vira recruar a súa tendencia á postergación e a melancolía.

26 de fev. de 2009

O segredo das Salinas do Ulló (I)

Morría o ano 1727 cando o preito que mantiña a dirección do Colexio de Xesuítas de Pontevedra cos veciños do concello de San Martiño de Vilaboa a propósito das Salinas do Ulló acadou o seu punto máximo de tensión. Estrañaba entre a poboación a repentina virulencia coa que os frades esixían a total exclusividade no dominio e uso das parcelas acoutadas ao mar así como dos terreos lindeiros, cando este non era o primeiro nin o único proceso que se seguía entre eles polo mesmo asunto e ata ese momento, malia as diferenzas, o que prevalecera fora a disposición ao entendemento.
Os problemas entre os veciños e o Colexio da Compañía viñan desde que se fixera efectiva a entrega da enseada do Ulló a través da concesión outorgada en Valladolid en setembro de 1693 por Melchor Mosquera e Pimentel, administrador xeral de Salinas do Reino de Galicia e Principado de Asturias, a Antonio Caraveo, provincial da Compañía. Este déralle poder e licenza ao P. Antonio Quindos, reitor do Colexio en Pontevedra, para aceptar a cesión da explotación salífera, poñela en funcionamento e organizar o seu comercio segundo o procedemento de estanco previsto nas Cédulas Reais. Nos anos seguintes, construíranse as enormes bancas de perpiaños que, a través de sólidas comportas, controlaban os movementos de auga no curso das mareas para obter o prezado mineral polo sistema de desecamento por evaporación. Complementariamente, edificáranse unhas cativas vivendas para os frades no lado oeste da explotación e habilitáranse camiños para o paso dos carros e as persoas.
Nun principio, as queixas dos veciños reducíanse a que o estacionamento das augas nas bancas producía o anegamento das veigas e pastos de sementar situados na contorna. A Compañía contraatacaba argüíndo que aqueles non mantiñan o debido coidado de camiños, gabias e correntes de auga, o que provocaba que o Ulló e demais regueiros que vertían na enseada chegasen cargados de maleza e entupisen as saídas. Con posterioridade, os veciños protestaron porque os frades se habituaran á práctica de vender o toxo, o xunco e a herba que se producían nos seus terreos, o cal non se correspondía co obxecto da concesión; polo contrario, estes produtos considerábanse propiedade comunal, como tamén a leña, piñas, batume e toda clase de aproveitamentos que daquela resultaban necesarios para a economía dos campesiños de Vilaboa, en particular os do lugar de Paredes, en cuxa demarcación se situaba a explotación.
O comercio de sal da enseada do Ulló resultou desde o principio cativo debido ao baixo rendemento dunhas augas que se amosaron cun escaso grao de salinidade e que, por riba, era difícil de optimizar pola forza do movemento das mareas. De resultas, dúas das tres salinas foron abandonadas ao pouco tempo de construídas. A dotación de relixiosos dedicados á recolleita do mineral reducírase ao mínimo. Incluso a única salina que quedaba en funcionamento, a chamada de Porto de Muíños, non producía o necesario como para merecer a atención escrupulosa dos xesuítas. O que ocorría no Ulló non era un caso único; polo contrario, era un vello mal que se repetía ao longo da costa galega: ao tempo que medraba a actividade pesqueira, a produción propia de sal, indispensábel para a conservación do peixe, seguía a ser manifestamente escasa, tendo que importar o prezado mineral de Portugal e da Bretaña francesa con gran dispendio económico. Tendo en conta isto, nun posterior chanzo da contenda xurídica, reclamaron os veciños a devolución dos terreos das Salinas ou, cando menos, o permiso para o aproveitamento integral de todo canto resultase útil para as súas facendas.

21 de fev. de 2009

O refuxio
Cada vez que comezaban os berros, Anabel íase refuxiar no dormitorio ou no sobrado. No sobrado dominaba o po, as táboas renxedoras, as tellas inseguras e numerosas especies de invertebrados e talvez de vertebrados; a nai negábase a entrar nel por cuestións hixiénicas e o pai, coas súas propias cismas na cabeza, non amosaba o menor interese. Daquela, convertérase para Anabel no territorio máis privado dentro da mansión. Alí descubrira tesouros sorprendentes e misterios innominados, que procuraba manter en segredo para a súa preservación ante a ocasional curiosidade dos maiores. Rodeada daqueles obxectos antigos, abandonados e esquecidos, sentíase tranquila, tamén esquecida, e feliz, e alí era capaz de pasar horas e horas.
O Xardín (páx. 397)

Non sei onde me tomou Monelle da man. Mais coido que foi unha noite de outono, cando a chuvia xa era fría.
–Ven xogar connosco –díxome.
Levaba no seu mantelo vellas bonecas, volantes de plumas murchas e fitas deslucidas.
O seu rostro estaba esbrancuxado e os seus ollos rían:
–Ven xogar –díxome–. Nós non traballamos nunca; xogamos.
Había vento e lama. Os empedrados brillaban. Ao longo dos tellados pingaba a auga incesantemente. No limiar dos comercios había nenas que aterecían. As lámpadas acesas parecían vermellas.
Monelle sacou do seu peto un dedal de chumbo, un pequeno sabre de lata e unha pelota de goma.
–Todo isto é para eles –dixo–. Son eu quen se encarga de mercar as provisións.
–E que casa tendes vós? Que traballo, que diñeiro, pequena...?
–... Monelle –completou a cativa, dándome un apertón de mans–. Chámanme Monelle. A nosa casa é unha casa onde se xoga: desterramos o traballo e as moedas que aínda nos quedaban; dérannolas para mercar doces. Todos os días saio a buscar nenos pola rúa; fálolles da nosa casa e lévoos. Agachámonos ben para que non nos atopen. As persoas grandes obrigaríannos a volver e quitaríannos todo o que temos. E nós queremos estar xuntos e xogar.
–E a que xogades, pequena Monelle?
–Xogamos a todo. Os máis grandes fabrican fusís e pistolas; os outros xogan coa raqueta, saltan á corda, botan a pelota. Algúns danzan roldas e cóllense da man; outros debuxan sobre os vidros as fermosas imaxes que nunca se ven e fan pompas de xabrón; outros visten as súas bonecas e lévanas a pasear, e os máis grandes contamos nos dedos dos pequenos para facelos rir.

A casa á que me conduciu Monelle parecía ter as fiestras tapiadas. Estaba afastada do camiño e toda a súa luz proviña dun profundo xardín. Xa alí, escoitei voces xubilosas.
Tres nenos viñeron saltando arredor de nós.
–Monelle! Monelle! –berraron–. Monelle volveu!
Ao verme, besbellaron:
–Que grande é! Saberá xogar, Monelle?
E a nena respondeulles:
–Axiña virán connosco as persoas grandes. Buscarán os nenos pequenos. Aprenderán a xogar. Darémoslles clase, e na nosa clase non se traballará xamais. Tendes fame?
Algunhas voces berraron:
–Si! Si! Hai que preparar o xantar.
Entón trouxéronse mesiñas redondas, panos coma follas de lilas, vasos tan profundos coma dedais e pratos resistentes coma cascas de noz. A comida consistía en chocolate e azucre esmiuzados; e o viño non podía correr nos vasos porque os frasquiños brancos, do tamaño do dedo meimiño, tiñan o colo demasiado delgado.
A sala era vella e alta. Por todas as partes ardían velas verdes e rosas nos minúsculos candeeiros de estaño. Sobre os muros, os espelliños redondos semellaban moedas transformadas. Non se distinguía as bonecas dos nenos, a non ser pola súa inmobilidade. Pois aquelas permanecían sentadas nos seus sofás ou, cos brazos en alto, arranxaban o cabelo ante pequenos toucadores, ou ben estaban xa deitadas, coa saba subida ata o queixo, nas súas camiñas de cobre. E o chan achábase inzado dese fino brión verde que se adoita poñer nos valados de madeira.
A casa parecía un cárcere ou un hospital: pero un cárcere no que se encerraba inocentes para impedirlles sufrir, ou un hospital onde a xente acudía para curarse do traballo da vida. E Monelle era a carcereira e a enfermeira.
A pequena Monelle miraba xogar os nenos. Pero estaba moi pálida. Quizais tivese fame.
–De que vivides, Monelle? –pregunteille de socate.
E respondeume simplemente:
–Vivimos de nada. Non o sabemos.
E botouse a rir. Mais achábase moi feble.
Foise sentar ao pé do leito dun rapaz que estaba enfermo. Despois de achegarlle unha das botelliñas brancas, permaneceu longo tempo inclinada, cos beizos entreabertos.
Algúns nenos danzaban unha rolda e cantaban con voz clara. Monelle ergueu un pouco a man e díxolles:
–Silencio!
Despois falou mainamente, coa súa doce voz:
–Coido que estou mala. Non vos marchedes. Xogade ao meu redor. Mañá, será outra persoa quen vaia buscar fermosos xoguetes. Eu ficarei convosco. Divertirémonos sen facer ruído. Shhh! Máis adiante xogaremos nas rúas e nos campos, e darannos de comer en todos os comercios. Agora obrigaríannos a vivir coma os demais. Hai que esperar. Teremos que esperar bastante.
Logo, Monelle engadiu:
–Querédeme ben. Eu quérovos a todos.
Pareceu que adurmiñaba onda o neno enfermo.
Os demais rapaces observábana, estricando a cabeza.
Unha vociña tremente dixo: "Monelle está morta". E fíxose un grande silencio.
Os nenos levaron onda o leito as pequenas velas acesas. E, pensando que talvez durmía, colocaron fronte a ela, como se fose unha boneca, arboriñas de cor verde claro talladas en punta e dispuxéronas entre os carneiros de madeira branca, coa ollada dirixida cara a ela. Despois sentáronse para observala. Pouco tempo despois, o neno enfermo, ao sentir que se arrefriaba a meixela de Monelle, púxose a chorar.

Marcel Schwob. O libro de Monelle.

14 de fev. de 2009

A vida dos ríos

– Os ríos, cando nacen, son pequenos. Igual ca os cans. Nacen no cumio da montaña, dentro das pedras, como a fonte da Pastoriza, que nace un regato nela. Xúntase a auga de moitas pedras e xa é un río. Logo vai caendo cara ao mar, coma o Dazo, velo? Non camiña porque non ten patas, niso é parecido a unha cóbrega. O mar é o lugar onde van dar todos os ríos. En Pontevedra hai un. Pero o mar, como pesa moito, esmágase por debaixo e vaise convertendo outra vez en pedras, moitas pedras, que se amorean nas ribeiras ata faceren unha montaña. E todo volve comezar. –Aí facía unha pausa–. Pero entón, o río corre cara ao outro lado, entendes? Cara a alá.

O Xardín (páx. 88)

6 de fev. de 2009

Bar La Italiana

Os clientes entraban no local escorrentando o frío con xestos de arrepío ao tempo que penduraban os abrigos dos colgadoiros. O ambiente amosábase cálido grazas á media ducia de estufas de gas distribuídas estratexicamente.
–Pero a calor humana é a que máis conforta. Estase ben porque o bar está cheo.
–Queixádesvos de vicio –dicía un serio Urbano Lugrís botando contra atrás na cadeira o seu corpo inmenso e esguío–. Frío de verdade, pero de verdade, o que se vivía no Estrela do Barbanza cando perseguiamos baleas no mar de Barents.
–Ti nunca perseguiches baleas, ou como é iso?
–Que non? Que cho conte Alvarito, el tamén estaba.
Cunqueiro, non menos enorme aínda que máis ancho, sorría coa vista perdida en dirección ao piano que soaba lánguido por entre as voces e os risos da clientela. Desde a fundación de La Italiana a mediados do ano anterior, o piano non deixara de soar ningunha tarde sobre o pequeno escenario, ata o punto de que as súas notas, melancólicas ou festivas, formaban parte ineludíbel da paisaxe do establecemento.
–Vostedes fixeron a pesca no Ártico? Non é certo.
–Xa o creo que si –contestou un dos mozos máis novos–, oínllelo contar máis veces. Ás ordes do capitán Akab.
–Entendo. Falamos de baleas literarias, de pescas míticas.
–Esa balea que está a pintar vostede no mural é Moby Dick?

–Dígallo, don Urbano, é Moby Dick?
–Que o diga Alvarito. Hoxe está moi calado, parece que só lle atende á música. Ei, mestre, cóntalles o da raza de baleas que falan en sete idiomas.
–Sete, o número máxico. E dominan os sete por igual?
–As que nós vimos –contestou o propio Lugrís– usaban o portugués en asuntos de meteoroloxía, nas que son moi sabidas as baleas. En francés, só versificaban. Falaban en ruso sobre temas de xerarquía e organización social, en alemán sobre filosofía, e comentaban en chinés mandarín as cousas do amor e o sexo. E aínda besbellaban dous idiomas que nós descoñecemos, un parecía que para a intendencia cotiá e o outro para os pormenores da navegación.
–E como ían pescar baleas ao mar de Barents? Os baleeiros de Cangas e Bueu péscanas a menos de sete millas da costa. Míranse pasar desde o monte Facho, non cómpre ir tan lonxe.
–Seguro que capitaneaba o barco Ulises Fingal.
–Non nesta ocasión. Nós viaxabamos ás ordes do capitán Augusto Sabarís, de Baiona. En realidade, andabamos á captura do bacallau. Eran tempos difíciles, Alvarito e eu vímonos obrigados a ausentarnos do país por uns asuntos de faldras. Era a comezos de marzo.
–Asuntos de faldras? Non pode detallar máis?
–Eu sei de que faldras fala –aclarou Francisco del Riego–. Non eran de moza nin de vella, nin de condesa nin de criada. Eran faldras longas e negras, con rebereteados en púrpura vaticana. Unha certa "Epístola de Santiago Apóstolo aos salmóns do río Ulla", que publicou o amigo Cunqueiro con ilustración de Urbano no Sábado Gráfico, parece que anoxou a certo crego puritano e amigo dos militares.
–Daquela –continuou Lugrís–, optamos por embarcar. Un día, cando nos dirixiamos con rumbo ás illas Svalbard, detivémonos a contemplar un arquipélago de lombos vermellos e dourados que viaxaba maxestosamente en dirección leste sur leste. Era un espectáculo nunca visto, tal cantidade de baleas xuntas e dunha raza descoñecida. Entón escoitámolas falar entre si. Mudaban de lingua conforme mudaban de tema. Como no noso barco ían mariñeiros de distintas nacións, acabamos por entender case todo. Cóntalles, Alvarito, cóntalles como recitaban a Rimbaud ou como retrucaban a Hegel. Eh, compañeira, serviríasme outro tinto mencía, por favor?
–Carmiña, hoxe non canta a Italiana?
–Vaia, por fin te escoitamos.
–Hoxe non poderá ser, don Álvaro. Está un pouco sentida da gorxa, non lle prestan estas humidades. Ademais, está don Xosé Manuel tocando o piano, a todos nos gusta escoitalo.
–Se non canta a Italiana, é un día perdido. Nada hai máis triste que non oír cantar unha serea.
–Daquela, Carmiña, sírvenos unha boa fonte de chocos para toda a concorrencia, convido eu. Con patacas de Xinzo, como lle gustan a Alvarito, e que estean ben entintadas. E unha rolda xeral de mencía para aliviar a melancolía. Paréceche ben, mestre?
–Paréceme perfecto. Como dicía o sabio, "comamos e bebamos, que mañá morreremos".
–En realidade, prefeririamos unha boa fonte de sereas, pero...
–Un comentario moi impropio do teu cranio privilexiado, querido Paco –dixo María Xosé Queizán, que acababa de achegarse desde unha mesa próxima xunto con Xohana Torres e Bautista Álvarez–. Non deberiamos compartir mesa convosco por actitudes deste tipo.
–Mais como en París e en Madrid non saben de mencías nin de chocos nin de patacas de Xinzo, en canto volvedes pola terra pódevos a nostalxia, non si?
–Aí loces mellor a túa intelixencia.
–Eu, o peor que lles vexo ás sereas –engadiu Torres– é que nin son de todo peixes nin de todo mulleres. No fondo, teñen que ser seres desgraciados. Talvez por iso cantan, por desesperación. Vós, que sabedes tanto de sereas, poderiádesme sacar dunha dúbida? Polo lado do peixe, que clase de peixe son? Pescada? Solla? Congro? Porque segundo sexan un ou outro, terán distinto comportamento e distinta vida.
–Hainas de moitas razas, coma entre nós –explicou Cunqueiro con voz pausada–. E non só son variadas na parte píscea, tamén na humana. Eu escribín sobre a serea con barba e pequenos corniños de coral que coñeceu o príncipe viquingo Jon Einarson cando regresaba ao seu país desde Viveiro en dorna para negociar a devolución do castrón de ouro, un dos tres que se gardaban no tesouro da catedral de Lugo, que os seus homes roubaran dez anos antes. Era serea barbada e cornuda, e mais era muller de corpo ben formado e voz engaiolante, coma as gregas. –Vostede escoitou cantar algunha vez unha serea?
–Parvadas. Don Álvaro só ten orellas para escoitar a Italiana. E ollos. E se puidese, mans. Ha, ha, ha...
–Xa estamos.
–Querido amigo, como podes dicir iso? Nós xa non temos anos para nos namorar, lembra o que deixou escrito Castelao. Para iso, estes mociños, que andan a velas vir. Mira o Darío Xohán, como abre os ollos.
–Non fagas arrubiar o rapaz, que me está a axudar na editorial e necesita todas as enerxías... –Xosé María Álvarez Blázquez, que acababa de chegar, pousou sobre a mesa unha decena de libros en cuxa portada figuraba o título Retorno a Tagen Ata–. Velaí a tendes; con permiso de todos os presentes, a novela de máis vigor e contido que se escribiu nos últimos tempos. Acaba de saír do prelo e honra a nosa literatura e a todos nós.
Os libros circularon de man en man dando lugar a comentarios diversos.
–Seguro? –preguntou Bautista Álvarez–. Non será outra ladaíña nihilista? Estamos fartos de nihilistas e de andrómenas decadentes, o que necesitamos son obras que ilusionen, que dean resposta ás reclamacións das masas.
–Tagen Ata? Rotbaf Luden? De onde saca estes nomes? Ulm Roan... Parecen querer dicir algo.
–Ferrín vive xa cun pé no futuro. El viu o libro?
–Quizais veña logo por aquí. Sabes algo, María Xosé?
–Estará a piques de chegar. Leva semanas ás voltas con papelorios e leas xudiciais. Non nos deixan en paz.
–Malditos fascistas...
O pianista rematou a interpretación xusto cando a recendente fonte de chocos se achegaba á mesa.
–Fáganme un sitio, por favor. Aproveitemos unha vez máis a xenerosidade do amigo Lugrís, que sempre acerta a conciliar a maxia coas necesidades mundanas.
–Beiras, como andan as cousas por Santiago?
–Revoltas, como en todos os sitios. Como en Vigo. A Universidade ferve, en calquera momento estoupará. Tamén en Ferrol se vive un grande movemento nas fábricas, como nunca antes se viu.
–Agora, desde a secretaría xeral do partido, terás unha visión clara da situación. Cres que imos polo camiño adecuado? Canto vai durar isto?
–Durará o que nós queiramos que dure. Está nas nosas mans.
–E esa tese que preparas? Disque significará un punto e aparte na política e na economía galega.
–Coido que poderá saír o ano que vén. Titulareino O atraso económico de Galiza. É un traballo rigoroso, espero que sexa tamén útil.
Nese momento, entrou no bar Méndez Ferrín. Pendurou o abrigo, saudou e colleu o libro que lle achegaba o editor.
–O teu Retorno a Tagen Ata. Parabéns, amigo.
–Grazas.
–Como estás? Tratáronte ben na Audiencia?
–Na Audiencia non tratan ben a ninguén. Non están para iso.
–Carmiña, dáme un deses vasos para lle servir viño.
–Pero aquí estamos a gusto, estamos a salvo do frío. E da Terra Ancha.
–Tes razón. Garda o libro agora e aproveita os chocos que quedan. Os moi voraces deron conta da fonte en menos do que leva dicilo.
–Propoño un brinde –dixo Beiras erguendo a copa–. Polo irmán Pablo Neruda e o seu ben merecido Nóbel.
–E outro polo irmán Jim Morrison, que acaba de emprender a derradeira viaxe –engadiu Ferrín.
–Ese quen é? Outro nihilista?
Cunqueiro chamou a dúas cativas que acababan de entrar no establecemento e pasaban á súa beira.
–Matilde, que tal vai todo?
–Moi ben, don Álvaro. Veño do colexio.
–E esta amiga?
–Chámase Cuquis. Empezou este ano a estudar nas xesuitinas. Quedará comigo ata que a veña buscar a nai.
–Moi ben. Tendes que estudar moito, para serdes persoas de proveito algún día.
–Si, don Álvaro. Eu xa sabe que quero ser mestra.
–Mestra, iso está moi ben. Ensinarás outras persoas a vivir e a coñecer o mundo. Matilde, cres que poderás convencer a túa nai para que cante algunha cousa?
–Non o creo, está mala da gorxa. Pero direillo. Adeus.
–Velaí a xuventude. Que será deles no mundo que lles deixamos?
–Se estudan nas xesuitinas, acabarán de monxas, seguro.
–Non o creo. A maioría de nós estudamos entre curas, e xa vedes.
–Ao mellor, acaban de sereas.
–Ou serán mulleres e homes libres e conscientes nun mundo novo. Os medos que nós pasamos teñen que servir para algo.
–E que dirán de nós no futuro? Nese momento, entre o caloroso aplauso dos seareiros que a aquela hora enchían completamente o local, apareceu Adelina Patrizia Vilas, a Italiana, e subiu ao escenario. O dono do bar, Pablo Dosil, anunciou que a súa esposa ía cantar en agradecemento aos seus fieis amigos, mais que lle debían desculpar que non fosen máis de dúas ou tres cancións por non ferir a súa delicada gorxa. O piano volveu soar e coas súas notas mesturouse a voz sensual e cadenciosa e estendeuse por todo o aire da sala.

(Máis sobre "Bar La Italiana" en O Xardín das Pedras Flotantes)

(Sobre o Bar La Italiana)

[...] Nunha das súas paredes, Urbano Lugrís pintou un magnífico cadro mariñeiro e surrealista como compensación polas infinitas consumicións que non pagara.
Pablo e Adelina Patricia non tiveron máis fillos que Matilde, e a ela dedicaron todo o seu cariño e desvelos. Rompendo a tradición familiar, Matilde desentendeuse do mundo da escena e cursou estudos de Maxisterio, diplomándose como mestra de Educación Xeral Básica.

O Xardín (páx. 56)

2 de fev. de 2009

Flor da xunqueira

–Podo remar?
–Claro, tes que aprender. Non está ben que reme eu e ti vaias aí estomballado. Non é propio dun heroe protector de damas.
Custoume esforzo ao principio manter a dirección, pero tras varios choques contra as beiras e outros tantos comentarios burlóns da miña amiga, acabei por conseguilo.
Se fermosa era de seu aquela rede irregular de canles que parcelaban a vasta masa herbácea do humidal, máis fermoso era flutuar paseniño entre o espello calmo da auga, a mesta selva de xuncos, salicornias e festucas, cebas e carrizos, e a luz neboenta da tarde invernal. Anabel, concentrada na maxia da paisaxe tanto como nos seus pasadizos interiores, deu en estender os seus recordos mariñeiros ás singraduras que, nun remoto pasado, a levaran máis dunha vez aos mares do profundo, ou declamaba versos de almirantes poetas famosos, ou regalaba treitos de silencio marcados polo enigma da súa beleza indefiníbel. Eu, esquecido do lixeiro frío, procuraba só manterme entregado a unha contemplación marabillada e reverente. A súa voz, a vexetación, os cínifes e libeliñas, a auga clara, a dourada area, os bancos de larvas e algún que outro cangrexo que asomaba baixo as pedras, os sons distantes da cidade, o aire, todo era fermoso, todo tiña un significado; a sensación era a dun soño. Non me sentía así desde que de neno cabalgaba pola montaña nos cabalos do Paderna, o panadeiro.
Despois dun longo tempo sen falar, pregunteille:
–Ti sabes cabalgar?
–Claro. E voar en vasoira.

O Xardín (páx. 230)