27 de jan. de 2009

Velaí os xardíns

O Campás, coma sempre, era quen me daba as respostas máis intelixíbeis.
–O tempo é algo que está e non está. Agora xa non é agora. Antes foi agora, mais xa non o é, agora é antes. Entendes? O que vai vir será agora, mais aínda non o é; agora tamén é despois. O tempo é un ir e non vir, sen parar.
–Ti cantos anos tes?
–Non che vou mentir: teño bastantes máis ca ti, pero moitos menos ca o monte Limoso. De todas as formas, non te podes fiar diso. O tempo engana. Porque é relativo.
–Que é relativo?
–O que che dixen. Que está e non está. Que se ve e non se ve. Coma se fose abstracto.
–É coma iso que emite o radar?
–Xustamente. Así é o tempo, collíchelo.

O Xardín (páx. 90)


Velaí os xardíns, os templos e a xustificación dos templos,
A recta música e as rectas palabras,
Os sesenta e catro hexagramas,
Os ritos que son a única sabedoría
Que outorga o Firmamento aos homes,
O decoro daquel emperador
Cuxa serenidade foi reflectida polo mundo, o seu espello,
De xeito que os campos daban os seus froitos
E os ríos respectaban as súas marxes,
O alicorno ferido que regresa para marcar a fin,
As secretas leis eternas,
O concerto do orbe;
Esas cousas ou a súa memoria están nos libros
Que custodio na torre.

Os tártaros viñeron do Norte
En crinados poldros pequenos;
Aniquilaron os exércitos
Que o Fillo do Ceo mandou para castigar a súa impiedade,
Erixiron pirámides de lume e cortaron gorxas,
Mataron ao perverso e ao xusto,
Mataron o escravo encadeado que vixía a porta,
Usaron e esqueceron as mulleres
E seguiron ao Sur,
Inocentes coma animais de presa,
Crueis coma coitelos.
Na alba dubidosa
O pai do meu pai salvou os libros.
Aquí os están na torre onde xazo,
Lembrando os días que foron doutros,
Os alleos e antigos.

Nos meus ollos non hai días. Os andeis
Están moi altos e non os alcanzan os meus anos.
Leguas de po e soño cercan a torre.
A que enganarme?
A verdade é que nunca souben ler,
Mais consólome pensando
Que o imaxinado e o pasado xa son o mesmo
Para un home que foi
E que contempla o que foi a cidade
E agora volve ser o deserto.
Que me impide soñar que algunha vez
Descifrei a sabedoría
E debuxei con aplicada man os símbolos?
O meu nome é Hsiang. Son o que custodia os libros,
Que acaso son os derradeiros,
Porque nada sabemos do Imperio
E do Fillo do Ceo.
Aí os están nos altos andeis,
Próximos e distantes a un tempo,
Secretos e visíbeis coma os astros,
Velaí os xardíns, os templos.

Jorge Luis Borges. Eloxio da sombra.

20 de jan. de 2009

O Necronomicón

– O libro! Resistiu ao lume, fixádevos. Apenas un pouco chamuscado polos cantos. Non é a primeira vez que o intentan queimar, sabiades? E esnaquizar e bendicir e esquecer no fondo dun lago. Pero segue aí, porque non está feito de pel nin de plástico nin de ningún material que estea na natureza. É indestrutíbel. Eterno.
O Xardín (páx. 463)

O título orixinal era Al-Azif. "Azif" era o vocábulo utilizado polos árabes para designar o ruído nocturno (producido polos insectos) que, supoñíase, era o murmurio dos demos. Foi escrito por Abdul Al-Hazred, un poeta louco fuxido de Sanaa Al-Iemen na época dos califas Omeias, contra o ano 700. Visitou as ruínas de Babilonia e os subterráneos secretos de Menfis e pasou dez anos na soidade do grande deserto que se estende ao sur de Arabia, o Roba El-Khaliyeh ou Espazo Vital dos antigos, e o Dahna, ou Deserto Escarlata dos árabes modernos. Dise que este deserto está habitado por espíritos malignos e monstros tebrosos. Todos aqueles que aseguran ter penetrado nas súas rexións contan cousas estrañas e sobrenaturais. Durante os derradeiros anos da súa vida, Al-Hazred viviu en Damasco, onde escribiu o Necronomicón (Al-Azif) e por onde circulan terríbeis e contraditorios rumores sobre a súa morte ou desaparición, no 738. O seu biógrafo do século XII, Ibn-Khallikan, conta que foi asasinado por un monstro invisíbel en pleno día e devorado horribelmente en presenza dun grande número de aterrorizadas testemuñas. Cóntanse, ademais, moitas cousas sobre a súa tolemia. Pretendía ter visto a famosa Ilrem, a Cidade dos Piares, e ter atopado, baixo as ruínas dunha inencontrábel cidade do deserto, os anais secretos dunha raza máis antiga ca a humanidade. Non participaba da fe musulmá, adoraba unhas descoñecidas entidades ás que chamaba Yog-Sothoth e Cthulhu.
No ano 950, El-Azif, que circulara en segredo entre os filósofos da época, foi traducido ocultamente ao grego por Theodorus Philetas de Constantinopla, baixo o título de Necronomicón. Durante un século, e debido á súa influencia, tiveron lugar certos feitos horríbeis, polo que o libro foi prohibido e queimado polo patriarca Michael. Desde aquela, non temos máis que vagas referencias do mesmo; pero en 1228, Olaus Wormius achou unha tradución ao latín que foi impresa dúas veces, unha no século XV, en letras negras (con toda seguridade en Alemaña), e outra no século XVII (probabelmente en España). Ningunha das dúas edicións leva ningún tipo de aclaración, de xeito que é só pola súa tipografía que se supón a data e o lugar de impresión. A obra, tanto na súa versión grega coma na latina, foi prohibida polo Papa Gregorio IX en 1232, pouco despois de que a súa tradución ao latín fose un poderoso foco de atención. A edición árabe orixinal perdeuse nos tempos de Wormius, tal e como se dixo no prefacio (hai vagas alusións á existencia dunha copia secreta atopada en San Francisco a comezos de século, a cal desaparecería no grande incendio). Non hai ningún rastro da versión grega, impresa en Italia entre 1500 e 1550, despois do incendio que tivo lugar na biblioteca de certo personaxe de Salem, en 1692. Igualmente, existía unha tradución do doutor Dee, xamais impresa, baseada no manuscrito orixinal. Dos textos latinos que aínda subsisten (ambos do século XV), un está gardado no Museo Británico e o outro áchase na Biblioteca Nacional de París. Unha edición do século XVII atópase na Biblioteca de Wiedener, de Harvard, e outra na biblioteca da Universidade de Miskatonic, en Arkham; e aínda existe unha máis na biblioteca da Universidade de Bos Aires. Probabelmente existían máis copias secretas, e rumoreábase insistentemente que unha copia do século XV fora parar á colección dun célebre millonario norteamericano. Circula outro rumor que asegura que unha copia do texto grego do século XVI é propiedade da familia Pickman, de Salem; pero é case seguro que esta copia desapareceu, ao mesmo tempo que o artista R.U. Pickman, en 1926. A obra está severamente prohibida polas autoridades e por todas as organizacións legais inglesas. A súa lectura pode traer consecuencias nefastas.
H.P.Lovecraft. "Historia do Necronomicón"

Se ben O Necronomicón é o máis coñecido dos libros que seguramente nunca foron escritos e os autores modernos máis inmediatamente identificábeis con este xénero de creación son Stanislav Lem e Jorge Luis Borges, porén, a lista arrinca desde épocas remotas e chega a nós coma unha ramaxe sutil, escura e vizosa, como se amosa en diversos estudos arredor dos libros ficticios, en moitos casos asociados ao mundo máxico e o esoterismo, e das bibliotecas que xamais existiron.
Na actualidade, a paixón pola fabulación editorial segue xerando
títulos, reseñas e ata capas de obras que están por escribir, ensaios eruditos e mesmo métodos de crítica de libros que ninguén lerá, ademais de considerábeis esforzos por catalogar o que, de por si, é incatalogábel.
De feito, nada nos asegura que calquera libro que abramos para ler non sexa un libro imaxinario.

13 de jan. de 2009

Sucesos en Ourense entre 1865-68 (e III)

Transcorridos dous anos e algúns meses, Eduardo Gómez Sequelo, o fillo maior do falecido avogado Federico Gómez, que daquela contaba doce, descubriu casualmente algúns dos obxectos roubados na oficina de empeños da chantadina Carla de Sanxurxo. Avisada a policía pola súa nai, foi o brigada Rafael Alvear, o Charro, quen se encargou de investigar o rastro.
Abondáronlle dúas semanas para dar co vendedor dos obxectos, un cazador de vida escura que naquel tempo paraba na casa duns parentes de Sober, Lugo. O policía puxo homes a vixialo á distancia, e non pasaría moito máis tempo antes de que os conducise ao paradoiro secreto do grupo, unha choupana disimulada nun rochedo nunha aba esgrevia do Alto do Rodicio, na serra de Cabeza de Meda. Alí estaba Herminio Davila e tres dos seus homes, ao parecer preparando os detalles dun novo golpe. O brigada caeu sobre eles cunha dotación de gardas e detivéronos sen apenas resistencia.
Herminio Davila pediulle ao policía falar con el nun aparte. Fíxolle saber que tiñan coñecemento da súa amizade adúltera coa muller do empresario Feliciano Román e ameazouno con desvelar o segredo diante do xuíz se non os deixaba en liberdade. O Charro, tras segundos de dúbida, aceptou a chantaxe. Deu ordes aos gardas de que os soltasen e se espallasen pola contorna porque aínda faltaban por chegar membros da cuadrilla e íalles preparar unha emboscada. El ficaría preto da casopa para dar a voz de asalto cando aparecesen. Ao pouco, en canto estiveron ben afastados, fixo uso da súa espada e, repartindo golpes como hábil esgrimista que era, acabou coas vidas dos catro bandidos. Acudiron os seus homes decontado; o brigada explicoulles que tivera que matalos en defensa da súa vida.
O que non sabía o xefe dos policías era que Brais de Canido acababa de chegar por unha corredoira oculta entre a vexetación e observara todo o sucedido. Ao non poder facer nada por evitar a matanza, o mozo chorou de rabia pola perda dos seus compañeiros. Esa mesma tarde, acudiu onda o fabricante de chocolates Feliciano Román e explicoulle ao detalle todo canto descubriran aquela noite dous anos atrás desde os soportais da praza do Anxomao, ocultando só que o motivo da vixilancia era desvalixar a súa casa.
O comerciante, ao principio, non deu creto ás súas palabras; mais ao pouco tempo, sumido en punxentes dúbidas, preparou unha celada. Ordenou unha viaxe que o levaría a permanecer tres días fóra e apostouse pola noite baixo os soportais diante da casa, embozado e armado cun revólver Lefoucheux de cinco tiros. Apenas a campá da catedral deu as doce badaladas, puido contemplar, tal como llo describira o rapaz, a cerimonia do candil que se apagaba e se acendía, e como un descoñecido entraba na súa casa coa chave que baixaba desde a fiestra do seu cuarto. Agardou unha miga e logo entrou tamén coa arma montada. O seco ruído dun disparo seguido doutros dous espertaron o vecindario, acudindo axiña os gardas da rolda para veren, con caras de abraio, o seu brigada Rafael Alvear tirado no chan no medio dunha mancha de sangue e tremendo cos estertores da morte.
O autor do disparo, o propio dono da casa, confesou que tivera que volver apresuradamente dunha viaxe e, para a súa sorpresa, sorprendera aquel home rexistrando o seu mobiliario na escuridade e aínda a sabendas de que a súa boa esposa durmía na cama. O xuíz creu nas súas palabras e absolveuno de todos os cargos; mais, non desexando as autoridades civís darlle publicidade a un asunto que poñía baixo sospeita o recén creado Corpo de Orde Pública, fíxose correr por todo Ourense o rumor de que, en realidade, o Charro entrara na mansión do chocolateiro porque mantiña amores adúlteros coa súa esposa.
Brais de Canido fuxiu da rexión en dirección ao sur e chegou a Cádiz en setembro de 1868, cando se estaban a vivir os sucesos revolucionarios que seguiron ao pronunciamento contra Isabel II. Decidido a emprender unha nova vida afastada dos avatares da delincuencia, volveu ao seu antigo traballo de xastre e chegou a abrir taller propio na rúa Campo del Sur. Casou, tivo fillos e morreu de vello, respectado e querido polos veciños.
Eduardo Gómez Sequelo, na súa mente de rapaz sentiuse satisfeito con que os causantes da morte do pai recibisen o seu merecido, aínda que o asasino directo nunca chegou a ser localizado, e coa recuperación da maioría dos bens roubados na casa aquela tráxica noite. Congratulouse especialmente da devolución dun antigo e estraño libro herdado dos avós que sempre chamara a súa atención. Tratábase dun manuscrito en pel, de poucas páxinas, composto nun alfabeto descoñecido e adornado con raros debuxos.
Andando o tempo, foi ese mesmo libro o que decidiu o futuro de Eduardo, pois, suxestionado pola existencia de alfabetos distintos ao latino, sentiu espertar unha paixón temperá polas linguas que o levou a cursar estudos de lingüística na universidade compostelá centrándose no campo da Filoloxía Comparada, na que se converteu en pouco tempo nun consumado experto.
Eduardo Gómez casou con Deolinda Monteiro Barxas, aplaudida cantante de ópera que utilizou o sobrenome de Linda de Deus. A prometedora carreira profesoral do filólogo tocou fin cando aínda non chegara á trintena, pois morreu atropelado por unha carruaxe á carreira cando saía de oír misa un domingo pola mañá.
Este feito tráxico foi presenciado polo seu fillo Pablo Agustín Gómez Monteiro cando só contaba nove anos. Sumado ao relato da morte cruenta do seu avó Federico Gómez, asasinado tempo atrás pola gavela de Herminio Davila, entre ambos fixeron que o cativo dexergase o seu futuro inzado de fantasías escuras e tristes designios.
(Máis sobre esta historia en
O Xardín das Pedras Flotantes)
(Sobre os "Sucesos en Ourense entre 1865-68")

[...] Chegado á idade adulta, Pablo Agustín, afeccionado aos estudos xenealóxicos, fixo un percorrido pola historia da familia ata onde puido obter informacións, a finais do século XVII, e descubriu con abraio que un bo número dos seus devanceiros, a partir de Pablo de Argensola e comezando por el, morreran de forma violenta. Exceptuábase o seu bisavó Porfirio Gómez de Argensola, o cal faleceu placidamente no leito á idade de setenta e oito anos. Paralelamente, o bisavó foi o único membro da familia que non tivo no seu poder o libro en pre-rúnico, dado que, mentres viviu, pertenceu á biblioteca da universidade. [...]
O Xardín (Páx. 22)

8 de jan. de 2009

Sucesos en Ourense entre 1865-68 (II)


Mais aqueles homes, e Herminio Davila o primeiro, traían esa noite ansia de saquear os bens alleos, e non se resignaban a se retirar sen máis á morada que compartían nun punto oculto da serra de Cabeza de Meda. Daquela, bastou a proposta do impulsivo Brais de Canido para que decidisen darlle unha alternativa aos seus pulos transgresores. O novo obxectivo sería a vivenda do coñecido avogado Federico Gómez de Argensola, unha casa con xardín situada bo barrio das Hortas, nos arrabaldes da cidade. O avogado tiña fama de home suspicaz, o que o levaba a gardar consigo o seu capital en vez de llelo confiar aos bancos. Vivía coa súa esposa, Casilda Sequelo, proveniente dunha familia fidalga, tres fillos, dous deles de curta idade, unha institutriz noviña e un criado maior e medio xordo. A defensa da propiedade era, polo tanto, feble, e o botín, sen saberen a ciencia certa o que podían atopar, semellaba apetecíbel. Mentres marchaban nas súas cabalgaduras en dirección ao barrio das Hortas, Herminio repartía as instrucións necesarias e insistía na recorrente recomendación de que non se fixese uso das armas a menos que resultase inevitábel.
Chegaron á mansión cando a noite xa ía avanzada. Tras examinaren a contorna para se asegurar de que esta vez nada turbaría o seu plan, forzaron unha fiestra coas pancas. Unha vez dentro, coas taleigas ao lombo e senllas candeas acesas nas mans, separáronse para rexistrar as estancias.
Pero o sixilo non foi respectado por todos. O voluminoso Xan o Estadullo descubriu na cociña unha pota con recendente cordeiro asado e non puido resistir a tentación de enviar uns bocados. Nun descoido, caeulle o testo sobre a cociña de ferro e logo ao chan. O balbordo dos sucesivos choques fixo que espertase xente na casa.
As voces dando a alarma soaron dunha peza a outra, e ao pouco achábanse no salón Federico Gómez, a súa muller e o fillo maior fronte a fronte cos salteadores. No cuarto contiguo, a institutriz termaba dos pequenos, que choraban sen cesar. Os bandidos esgrimiron as longas navallas para ameazárenos, entón o avogado correu a coller no caixón do escritorio unha pistola. Mais non lle deu tempo a encaralos; Brais de Canido saltou sobre el e fíxoo rodar polo chan afastando a arma. Os berros conseguiron que espertase incluso o criado medio xordo, que apareceu por sorpresa na sala a tempo de golpear cun bastón na cabeza a Brais facéndoo sangrar. O vello recibiu unha coitelada no brazo por parte d'O Estadullo que o obrigou a soltar o bastón. Este foi parar ás mans do avogado, quen tirou do puño e sacou do interior unha folla de espadín coa que feriu no peito ao propio Herminio Davila. Esta vez, o aprendiz de xastre non se reprimiu máis e coa súa faca toledana coseuno a navalladas ata que deixou de respirar.

Os berros das mulleres e dos nenos non foron acalados coa ameaza das armas e, para evitaren máis desgrazas, os homes optaron por meter rapidamente nas taleigas os obxectos que lles pareceron de máis valor e fuxiron de contado nas bestas campo a través, a tempo de veren como se acendían luces e saían ás fiestras algunhas persoas nas casas veciñas.
A gavela fixo un alto ao amparo dunha telleira preto do Miño, a fin de dexergaren se eran seguidos. Máis tranquilos, continuaron o rumbo polo camiño de Castela en dirección a Cabeza de Meda.

5 de jan. de 2009

Sucesos en Ourense entre 1865-68 (I)

O 29 de novembro de 1865, catro homes armados comandados polo aventureiro Herminio Davila axexaban con paciencia baixo os soportais da praza do Anxomao, en Ourense, a casa do fabricante de chocolate á pedra Feliciano Román, á espera de que se apagasen as luces dos candís que permanecían acesas desde o final da tarde. Entretiñan a espera cunha conversa maliciosa arredor das fazañas de cada un no prostíbulo de Doloritas a Roxa, destacando como máis atrevidas as achegas do benxamín do grupo, Brais de Canido, un mociño de dezanove anos que antes fora aprendiz de xastre e xa matara dous homes.
O paso da rolda dos gardas inquietounos, se ben souberon disimular a súa presenza entre as sombras dun rueiro contiguo. Regresaron á vixilancia e, ao tempo que se foron apagando as primeiras luces na casa, repasaron con detalle o asalto que planearan durante as dúas últimas semanas. A través de informacións obtidas por diversas vías, coñecían o lugar preciso onde gardaba Feliciano a recadación de cada xornada, recadación que se facía máis abundante no final de mes polo seu costume de acumular os diñeiros para lles pagar aos traballadores; así mesmo, sabían o número de persoas que vivían na casa, os dormitorios de cadaquén e os seus costumes rutineiros. Finalmente, foran avisados de que esa noite, como facía noutras ocasións, o dono da casa ía estar ausente da cidade por asuntos de negocios, e esa conxunción de elementos fora o argumento que decidira o momento do asalto. Os truáns viñan provistos de pancas para forzar portas sen demasiado balbordo e de navallas por se cumpría silenciar eternamente a quen se lles puxese por diante. Todo parecía en orde e os ánimos e a determinación estaban dispostos. O único que fallaba era o imprevisto dun quinqué, precisamente o do cuarto do matrimonio, que non se apagaba cando xa a campá da catedral dera a media noite e a rolda podía volver con distinta sorte para eles. Os distintos membros da gavela matinaban nos moitos delitos polos que eran buscados desde había lustros, roubos, crimes, secuestros, estafas, agresións, contrabando, e caeren nas mans da xustiza era o que menos podían desexar naquela hora.
Por fin, viron con ledicia que a lapa se esvaía. Olláronse cun algo de ansia nos rostros. Ao cabo duns quince minutos, as expresións tensáronse e dispuxéronse a entrar na vivenda. Mais, xusto nese intre, a luz acendeuse de novo. Tornaron atrás con rabia contida. Volveuse apagar ao pouco e volveuse acender, e esta operación repetiuse outras dúas veces. O desconcerto dos malandríns subía graos cada vez, pero cesou cando albiscaron o motivo da estraña secuencia luminosa. Unha sombra discreta saíu dun rueiro próximo, cruzou a praza pétrea e mesturouse coas sombras da mansión. Fixo un breve pero agudo ruído petando cun coio contra o cano de ferro do desaugadoiro e agardou ollando para a fiestra, de novo escura. En segundos, unha chave foi baixando atada dun fío. A sombra recolleuna, abriu con ela a porta principal sen facer ruído e entrou. No momento en que se volvía para pechar, un fugaz raio de luz permitiulles aos abraiados homes de Herminio Davila recoñecer no intruso o rostro do seu ben coñecido brigada do Corpo de Orde Pública Rafael Alvear, máis coñecido como O Charro pola súa afección a beber tequila e cantar mariachis nas tabernas. A situación clarificouse axiña e, malia o anoxo pola frustración do asalto, a descuberta da infidelidade da esposa do chocolateiro co propio xefe dos policías fíxoos rir a todos coas mans nas bocas unha boa miga.
Pasada a sorpresa, debateuse que facer. Había quen porfiaba en entrar na casa de todos os xeitos; con seguridade, o brigada, espido, desarmado e en situación comprometida, non se atrevería a actuar nin a denunciar o roubo polo risco de que se publicase a súa relación coa esposa dun home prominente que podía conseguir a súa defenestración automática e a expulsión do Corpo. Mais o plan ofrecía unha alta dose de risco que os facía dubidar. Finalmente, tomaron a decisión de pospoñer o roubo; días habería nos que Feliciano Román se ausentase da vila deixando as arcas cheas de diñeiros para eles. Con todo, non pararon de lle dar voltas á cabeza matinando no proveito que se lle podía sacar ao accidental descubrimento.

31 de dez. de 2008

Na Cidade Prohibida

A noite de Fin de Ano era, ao parecer, a ocasión agardada para o seu primeiro bico de amor. Ningún signo especial se fixo notar no ceo nin no abismo, non houbo unha palabra máxica na boca de ningún ser dotado de poderes, non sentiu ningún dos dous un arrebato espasmódico revelador. Sinxelamente, chegou. E ambos sabían o que debían facer.
O Xardín [páx. 432]

E velaquí como, sen nolo propoñer,
fomos petar outra vez nas portas da noite
para reclamarmos a nosa dose diaria de eternidade.

A noite quíxonos asustar, lembras?,
e tomou a forma dun bosque sombrizo. Internámonos nel
por un vello camiño dos que non levan a ningures, lembras, amor?,
confiados o un no outro,
desexosos de compartir a aventura que se nos ofrecía.

Transitamos pola paisaxe muda imaxinando o tránsito extemporáneo de personaxes do pasado, personaxes de fóra do tempo, artistas, frades, mercadores, soldados, meigas, fadas e trasnos,
e congratulámonos na caricia do sol que nos chegaba a través da bóveda vexetal.
Cando, de súbito, se nos amosou, no medio a medio da espesura, coma un milagre,
as murallas, as casas e o pavimento da Cidade Prohibida.



Era só unha ruína, restos e máis restos das antigas construcións que un día albergaron soños e realidades cotiás. As murallas achábanse desfeitas, as casas, derruídas, pedra sobre pedra, amoreadas a eito, as tellas, escachadas, as trabes, apodrecidas; a vexetación invadía os espazos e o brión, as hedras e as agrestes silveiras inzaban o recinto coma un manto vexetal. Pero estaban alí e constituían unha paisaxe irreal dentro doutra paisaxe irreal e cósmica, e nós alí, tamén como sombras ou pantasmas do soño, tremendo de fascinación, sentindo o contacto coa maxia.
E ti, amor, calabas e asentías ás preguntas que xurdían aquí e alá, preguntas que non podían ter resposta, preguntas que non eran máis que palabras tamén irreais no medio de tanto silencio.

Sentámonos no toro deitado dunha árbore que recendía a milenios
e abandonámonos á contemplación da paisaxe interior.
Porque outra cousa non se lle podía pedir ás horas naquel lugar sagrado.
Despois paseamos collidos da man, explorando en liberdade
todas as facetas do delirio.

Onde estás, amado, no medio da espesura?
Que sombras cruzan o teu rostro como frechas, como mans,
e me rouban a túa pel, as formas do teu corpo?

É hora de que che diga, amor, cousas que sei de ti,
case todo canto sei e che ocultei
porque ata hoxe non había momento nin lugar que non estivese rexido por normas,
estritas normas ás que estabamos obrigados. Aquí non hai normas,
aquí só somos nós e os nosos pensamentos, por iso, escoita, isto é o que sei.

Sei que os soños con que forneces a túa mente levan todos o meu nome, seino e non me oufano, porque tamén sei da condena que te condena e te extravía.
Sei que amas o meu corpo e o meu sorriso e a miña existencia,
sei que bendís cada xesto, cada paso que dou, cada palabra que pronuncio.
Sei que as miñas mans son as túas mans e que os meus ollos son o final dun camiño sen final.
Sei que a terra que pisas é espiñenta se non camiño eu ao teu lado e a auga que bebes sábeche a fel se non son eu quen cha serve.
Sei que sofres de ausencias, amado, que é sufrimento de caste nobre e benquerido dos humanos, pero duro coma o sal nunha ferida.
Sei que estiveches moitos amenceres a espreitar o abrente por se a súa fermosura conseguía facerche esquecer a miña,
sei que subiches montañas e descendiches por cavorcos tratando de construír distancias.
Sei que chamaches pola morte para que fose a túa amiga e che confidenciase a proximidade dos destinos de todos a fin de te consolar no ineludíbel,
e sei que a morte che dixo que non hai máis morte que o pan non comido, que o camiño non andado, que o desexo non consumado, que a realidade desmentida.
Todo isto sei, e aínda máis.
Sei que contrataches meigos para que che escurecesen o entendemento,
sei que encomendaches a ferreiros que che revestisen o corazón de duro metal resistente á corrosión e á ausencia.
Sei que suplicaches a labregos antigos que che aprendesen a sementar primaveras en eidos aínda virxes.
Sei que, como deus, proclamaches chuvias e tronadas que desen medo e, como home, levantaches casas para gorecérmonos nelas,
sei, en fin, amor, canto sufriches pensando que eu era só un pensamento.

Despois sei que aspiraches ao recoñecemento e te atreviches a dirixirme a voz e o xesto.
Consumiches o teu lecer en engarzar colares de palabras que eran só para min e que eran coma paxaros que xurdían incesantes da nada e se ían perder na cerna dos meus sentidos. Deus, que fermoso era escoitarte sobre o papel nas pequenas horas roubadas ao deber diario!
Vixiaches mares e costas tratando de albiscar un barco de velas rexas
que te transportase ao alén onde todos estamos sempre presentes
e somos como veos na néboa.
E choraches baixo a lúa de decembro por non estar eu contigo a pregar as bendicións do solsticio.

Sei que te desesperaches e consumiches tantas tardes baixo o orballo, debullando as horas lentas unha tras outra,
pero nese tempo elaboraches fermosos pensamentos para terme sempre presente, seino, amor, e por iso te recoñezo hoxe entre todos os seres como algo propio.

Arestora estamos aquí, en terra sagrada, e somos realidades febles, pero conscientes.
Oh, amado. Sei que agardaches tanto polo momento máxico da miña nudez...

Ven, achégate a min que quero distinguir o teu recendo entre todos os recendos do bosque. Ven,
que quero sentir o teu alento coma se fose meu.
Ven, amado, e tócame cos teus dedos.
Sei que me veneras como un ser intanxíbel, que son a aurora e o solpor, o mar e o lume, a flor e a serpe, a musa fráxil da túa soidade.
Pero hoxe podes coñecer a verdade, só hoxe; mañá talvez a verdade sexa outra e nos aborreza.
Non son unha fada do bosque, non son un reflexo da chuvia nas pedras, non son o rumor do vento, son real
e teño corpo,
un fermoso corpo que cedo ás túas mans para que me modelen segundo a túa idea da beleza.
Ven onda min, déixame o teu ombro que quero apoiarme nel
e sentir as horas pasar lentas no reloxo do teu corazón.
Eu tamén te amo, ao meu modo, que é o modo das serpes da renacencia,
e desexo de ti canto tes de humano e de divino. Ámote por como es,
e ámote por canto esperas de min. Aínda estás aí?
Íspeme, meu amigo, racha os meus vestidos lavados en azar e herba luísa e íspeme no xardín, entre as hedras,
despois abrázame, apértame fortemente contra ti. Os treus brazos son o abrazo da eternidade na que quero fenecer hoxe para resucitar mañá limpa e virxe.
Onde estás, meu amigo, meu amado? É este o paraíso que soñabas para min?
Se non é real, eu si o son, non te fíes das palabras, pois elas son o fío co que se tece o engano. Ven onda min, séntate á miña beira e dime outra vez no oído o himno para acceder á Cidade Prohibida.
Bícame no pescozo, zúgame o sangue, se queres,
mais non me furtes os teus ollos, que quero verme neles tan fermosa como me desexas.
Nesta copa escanciei o máis saboroso dos licores da miña adega.
Bebe dela canto queiras, entra en min a través dela, mórdeme os labios, traza camiños prateados na miña meixela, na miña fronte, nos meus peitos da cor da lúa,
pero non confundas o meu recendo co dos nardos nin o das mazás. Serei túa,
amado,
e así sentirei outra vez o galope do meu cabalo nos vales da infancia.

Olla onde estamos. Estas paredes derruídas, os entullos de perpiaño e tella, estas vellas escaleiras e os túneles que atravesan o subsolo,
as hedras que esgazan as paredes,
os bidos, os loureiros, o sabugo que medra a eito nos recintos outrora habitados.
Olla as portas que non comunican nada porque todo está dentro e todo está fóra.
Aquí estamos nós, como dúas sombras máis, como dous animais salvaxes refuxiándose do día, como dúas estrelas travesas e curiosas;
como dúas herbas que ansían florecer e deitar semente nova
nesta fronteira do alén.

Somos dous que ansían ser un, o cal só é posíbel na matemática da cábala,
a mesma que permitiu cálculos para a construción da Cidade Prohibida e preveu a súa destrución.
Por iso vou a ti descalza sobre a herba, para que o verde húmido tinxa os meus pasos e se asemellen ás ondas do mar onde tantas veces me soñaches.
Por iso vou a ti cos meus vestidos abertos como as velas dun barco, para levarte lonxe, a un lugar onde só hai certezas e os licores saben a música e as músicas olen como flores e as palabras son innecesarias porque todo está dito xa antes de sequera pensalo.
Por iso vou a ti cos cabelos soltos á caricia do vento e os ollos ben abertos, para que nada se me oculte, nada que non deba ser ocultado.

Íspeme, meu amado, non dubides máis, e déitame no chan,
despois déitate ti ao meu lado.
Amor pide amor e amor é necesidade de ser realizado

Adeus, Cidade Prohibida, templo e refuxio, illa sagrada. Fecho os ollos e dispóñome a viaxar
máis lonxe aínda, moito máis.
Onde a distancia, o medo, a realidade, son palabras e só palabras
que se esvaecen deixando no seu lugar un mundo de silencio e vida.

Cidade Prohibida, cando lembro a túa luz
sinto ganas de chorar.

Marina Tsvatáieva. Poemas de mocidade.

28 de dez. de 2008

XENEALOXÍAS
que axudarán a seguir o parentesco e a cronoloxía
dos personaxes que poboan O Xardín

¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
pra faguer un home!
Luís Pimentel. "Cunetas"


NOTA.
Con relación ao apartado XENEALOXÍAS, dentro do cal estaba previsto poñer hoxe un novo cadro, o responsábel do blog quere dar conta dalgúns problemas que está a encontrar. Por un lado, dificultades de orde visual ou de deseño para plasmar de forma clara e funcional as informacións que quere proporcionar; por outro lado, as limitacións técnicas do propio programa do blog ou do seu manexo por parte do mesmo; asemade, sobre o notábel esforzo que esixe a confección de cada cadro caen as dúbidas sobre a súa necesariedade ou o aproveitamento que del poden tirar os seus posíbeis destinatarios, habida conta do carácter circunstancial desta parte nos sucesos que se narran en O Xardín, e tendo presente, tamén, a relativa incidencia que este recanto da rede poida ter no público lector.
Daquela, decidiuse suprimir este apartado do blog, polo menos de xeito provisorio. No tempo que lle quede de vida, centrarémonos en sumar máis Historias ás historias d'O Xardín e en ir descubrindo Pedras que, a modo de rastro, nos conduzan cara a calquera sitio ou cara a ningures.
Pídese comprensión, agradécese, e aprovéitase para corresponder ás datas que vivimos cos mellores desexos para todas e todos.

24 de dez. de 2008

Vello océano
–O meu pai... escribe poemas. Poemas que ninguén le porque a ninguén lle gustan. A min gústanme, pero non llo digo. Léoos ás escondidas. Falan dos horrores do inferno. Traxedias, destrucións. Algún día lereiche un. Tamén leo os seus libros de lord Dunsany, de Schwob, de Sade e François Villon, de Schiller, de Bécquer e Poe. Non quixera aburrirte, ao mellor non che gusta ler.
–Gústame ler. Encántame ler.
–«Pero a ti quiero mirarte hasta que tu rostro se aleje de mi miedo como un pájaro del borde filoso de la noche». Alejandra Pizarnik. E Pessoa, e Cirlot. Lautréamont. Dante... Ti estiveches algunha vez no inferno?
O Xardín [Páx. 218]

Vello océano, oh gran célibe; cando percorres a solemne soidade dos teus reinos flegmáticos, oufánaste con xustiza da túa magnificencia natural e da merecida louvanza que me apresuro a che dedicar. Voluptuosamente merecida polos tenros efluvios da túa lentitude maxestosa (atributo, o máis grandioso entre aqueles cos que o soberano te favoreceu), ti fas rodar, no medio dun sombrizo misterio, por toda a túa superficie sublime, as ondas incomparábeis, co sentimento sereno do teu eterno poder. Elas desfilan paralelamente, separadas por curtos intervalos. Apenas unha diminúe, outra que medra vai ao seu encontro, acompañada do rumor melancólico da escuma que se desfai para nos advertir de que todo é só escuma. (Así, os seres humanos, esas ondas viventes, perecen un tras outro, dun xeito monótono, sen produciren sequera un rumor escumoso). A ave de paso repousa sobre elas confiada, deixándose levar polos seus movementos cheos de graza arrogante, ata que o armazón das súas ás recobra o vigor normal para continuar a súa aérea peregrinación. Quixera que a maxestade humana fose polo menos a encarnación do reflexo da túa. Pido demasiado, e este desexo sincero glorifícate. A túa grandeza moral, imaxe do infinito, é inmensa como a reflexión do filósofo, como o amor da muller, como a beleza divina da ave, como a meditación do poeta. Es máis fermoso ca a noite. Contéstame, océano, queres ser o meu irmán? Móvete impetuosamente... máis... aínda máis, se aspiras a que te compare coa vinganza de Deus; alonga as túas gadoupas lívidas abrindo un camiño no teu propio seo. Está ben. Fai rodar as túas ondas espantosas, océano horríbel que só eu comprendo e ante o cal caio prosternado. A maxestade do home é prestada; non se me impón; ti, si. Oh, cando avanzas coa crista alta e terríbel, rodeado polos seus repregamentos tortuosos como por un séquito, magnético e salvaxe, facendo rodar as túas ondas unhas sobre outras, coa conciencia do que es, en tanto que lanzas desde as profundidades do teu peito, como abafado por un intenso remorso que non podo descubrir, ese xordo bruar perpetuo que tanto atemoriza os homes, ata cando te contemplan trémulos desde a seguridade do ribazo; entón, comprendo que non posúo o insigne dereito de me proclamar o teu igual. Por iso, fronte á túa superioridade, entregaríache todo o meu amor (e ninguén coñece a cantidade de amor contida nas miñas aspiracións cara á beleza) se non me lembrases dolorosamente os meus semellantes que forman contigo o máis irónico contraste, a antítese máis grotesca que xamais se vira na creación; non te podo amar, aborrézote. Por que, entón, volvo a ti, por milésima vez, cara ás túas mans amigas que se dispoñen a agarimar a miña fronte ardorosa, cuxa febre desaparece ao teu contacto? Non coñezo o teu destino secreto, todo o que che atinxe interésame. Dóeme. Entón, se es a morada do Príncipe das Tebras, dimo... Dimo, océano (soamente a min, para non enfurruñar a aqueles que ata agora só coñeceron ilusións), e se o sopro de Satán crea as tempestades que erguen as túas augas salgadas ata as nubes. Cómpre que mo digas, porque me aledaría saber que o inferno está tan preto do home.
Conde de Lautréamont. Cantos de Maldoror.

15 de dez. de 2008

A detención de Alexandra Vasilovna Herzen

O día 18 de febreiro de 1945, a actriz Martha Campberg recibiu no seu camerino do Schauspielhaus Berlin a visita do xeneral Roth Neuville, que viña acompañado do maior da Waffen-SS Dieter Frings. A actriz desmaquillábase perante o espello tras a aplaudida actuación e pouco a pouco despoxábase tamén do papel da prostituta Olesya Konstantinovna que representaba na obra Der Geist des Waldes.
–Xeneral Neuville, que sorpresa.
–Martha...
–Pensei que estaba vostede en Budapest. Aseguroume que non podería regresar antes de luns, pese ás miñas súplicas.
–Sabía que te sorprendería. E aínda te hei sorprender máis.
–De veras? Vostede xa me ten dado moitas sorpresas, e todas agradábeis. Pensa superarse esta vez?
–Podes estar segura. E creo que non has ter que esperar.
Martha fixo un aceno infantil de ledicia e ficou a ollar con curiosidade para o acompañante do xeneral ao tempo que acendía un cigarro. Este lembrouse de presentalos.
–Desculpen. Martha, preséntoche o maior Dieter Frings, un admirador que non me perdoaría que non o trouxese hoxe ao teu camerino.
–Encantado, señor. É un pracer.
–Para min aínda é máis, señora. Estivo impresionante como meretriz rusa. Case diría que me convenceu de que deberiamos exterminalos por completo.
–O maior Frings é un experto en mulleres, coidado con el, Martha. Ademais de gran estratego militar. Ten unha teoría que combina ambas lides, a do amor e a da morte. Pódella explicar, maior?
–Resumireina, para non ser enfastioso: nunca dar unha batalla por perdida, nin unha muller por gañada.
–Creo que quere dicir que non se fía do xénero feminino –engadiu o xeneral cun sonoro riso.
–Interesante.
–Ademais, é un gran entendido en perfumes. Non che parece curioso?
–Se mo permite, señora… –O maior achegou o nariz ao ombro espido de Martha–. Mmmm, "Château des aigles", unha excelente elección. A pureza esgrevia da alta montaña de Auvergne sobre a pel áurea da valquiria eslava. Excelente.
Martha deitou unha longa bocalada de fume en dirección á fiestra:
–Para outra cousa, non, pero para perfumes, os franceses. "Château des aigles" é un talismán para min, non uso outro desde que teño uso de razón.
–Aprecio o seu sentido da fidelidade, señora Campberg. De veras. Agora, se me desculpan, debo retirarme. Grazas por esta oportunidade de coñecela persoalmente. Xeneral, a respecto do asunto sobre o que debatiamos, pola miña parte non teño dúbidas. Ningunha.
O maior volveuse deleitar co recendo de Martha, dirixiulle un sorriso ambiguo e, tras saudar ao superior, saíu. A muller seguiuno coa ollada. Ao pecharse a porta, esmagou a punta do cigarro a medio consumir e ergueuse.

–Un home curioso, é certo… Ben, xeneral, poderá esperar a que me mude? Prométolle que non tardarei.
–Por suposto. Sentareime nesta cadeira.
–Non prefire a sala de recepcións? Serviranlle un bo coñac, tamén francés.
–Moléstache que estea aquí? Non é a primeira vez que te vexo espida.
–Por favor... Só trataba de que estivese máis cómodo.
Abriu un armario mentres ollaba a rúa de esguello. Cantaruxando unha canción suave, comezou a desabotoar o corpiño.
–Dime, Martha, esperabas a alguén?
–Esperar? Sempre esperamos a alguén, non din iso os existencialistas?
–Quizais un home moreno, duns trinta anos, cunha cicatriz tras a orella dereita e acento, tamén, curiosamente, francés?
A actriz non puido reprimir unha expresión de contrariedade que o xeneral notou. Acendeu outro cigarro e tratou de amosarse serena.
–Esperaba, efectivamente, un home. Pero non o que describe, creo que non sería o meu tipo. Xa llo dixen, os franceses, para perfumes; quizais tamén para coñacs, diso non entendo. Para homes, Alemaña. Agora que chegou vostede, xa non espero a ninguén.
Achegou a súa boca á do militar e bicouno. Este deixouse engadar pola suave caricia e a mirada hipnótica da muller. Despois, afastouse.
–Creo que fumas demasiado.
Martha pousou o cigarro no cinceiro e dirixiuse a unha portiña lateral. O xeneral estendeu o brazo a apreixouna con forza.
–Xeneral, que impetuoso. Necesito ir ao baño. Un pipí urxente.
O home adiantouse cun xesto brusco, abriu a porta e mirou. Logo, deixouna pasar.
–Pensaba que agachaba un amante? Vamos, Roth, está celoso? Non o podo crer, un alto militar, con mando sobre cinco rexementos... Que diría o führer?
Pasados uns minutos, como Martha tardaba en saír, o xeneral impacientouse e foi petar. Tivo que forzar a porta. A muller non estaba. Coas présas, nin se parara a volver ao sitio a falsa parede aberta detrás do espello.
O xeneral Neuville fixo un aceno de abatemento e baixou con paso calmo. Saíu á rúa pola porta principal, logo virou cara a un lateral. Diante dunha porta secundaria, dous soldados tiñan a fermosa actriz collida polos brazos. Esta forcexaba mentres ollaba o xeneral con ollos de estrañeza. Ante a frialdade deste, volveuse dócil e deixou aflorar o seu mellor sorriso.

–Por que, Martha? Por que a min? Abrinche a miña casa, separeime da muller, abandonei os fillos, puxen a miña vida e o meu rango aos teus pés...
–Grazas a iso, xeneral, o exército aliado está a punto de entrar en Berlín. Creo que o meu home e os outros milleiros de xudeus que morreron con el en Majdanek ao longo destes anos estarían felices de sabelo.
O xeneral pechou o puño e Martha preparouse para recibir un forte golpe, pero afrouxouno tras un segundos de tensión.
–Ese rostro non merece ser alterado. Ocupareime de que recibas o teu castigo sen que se note. Doerache máis, pero merecerá a pena. Es tan fermosa... Levádea.
–Xeneral Neuville, só unha pregunta... Polos momentos felices, que tamén os tivemos. Como o soubo?
–O día 23 de outubro de 1941 asasinaches o brigada Helmuth Blank, xefe da policía do distrito de Prenzlauer, nun cuarto do hotel Grenze.
–Case o esquecera. Só era un pobre imbécil, que cría que me podía ter sen darme nada a cambio. Pero, non entendo...
–Fixeches desaparecer todas as pegadas. Agás unha.
–Si?
–O teu perfume. O maior Dieter Frings era, daquela, sarxento da Kriminal Polizei; foi o encargado de investigar o asasinato do brigada Blank. Investigou arreo, mais non deu con ningunha pista. Ata que veu ao meu despacho hai cousa de dúas semanas por un asunto rutineiro. Cando entrou, eu viña de estar contigo no reservado... Imaxina a situación, pensou que fora eu quen matara o policía. A partir de aí, fóronse xuntando outros fíos...

(Máis sobre "A detención de Alexandra Vasilovna Herzen" en O Xardín das Pedras Flotantes)