18 de nov. de 2009

Ex Libris (e V)


Munich, hotel Schwarzer Berg, xuño do ano 1993.
No salón nobre Goethe celebrábase a festa que clausuraba o encontro de varios centos de vendedores de peletaría de distintos países. Fora organizado pola casa Adonais&Co., de matriz americana, transformadora e comercializadora de peles de alta gama, que desexaba expandir por Europa as recentemente creadas liñas de fabricación de pezas de vestir, zapatos e complementos. Tras compartiren unha selecta cea, os participantes foron convidados a unha degustación de licores ao tempo que escoitaban a actuación dun grupo de novas músicas. O ambiente animábase conforme avanzaba a noite entre bailes, conversas e risas compartidas.

Apoiados nunha das terrazas que voaban sobre a rúa, fermosamente iluminada a aquela hora, unha muller madura que falaba inglés con claro acento español deixábase seducir entre grolos de champaña por un mozo bastante máis novo que falaba inglés con acento belga.
Aproveitando a cita máis coñecida de Shakespeare, que ela deixara no aire ao tempo de tomar da bandexa dun camareiro a sexta copa da noite, “To be or not to be”, o home comezara a falar de literatura; amosábase un apaixonado da poesía contemporánea e gran admirador da poesía española da chamada xeración do 27.
–Federico García Lorca foi un poeta extraordinario. As súas metáforas son luminosas e evocadoras, os seus versos son terríbeis e á vez inocentes; ninguén coma el soubo plasmar a alma xitana, non cres?
A muller confesoulle que odiaba a literatura en xeral e, en particular, a poesía. E todo por causa dunha mala experiencia amorosa que non desexaba lembrar naquela noite chea de burbullas e maxia.
–Con todo –engadiu–, precisamente onte pola noite merquei un libro antigo nunha poxa aquí en Munich. Vin o catálogo no escaparate e animeime a entrar. Tiven que competir con cinco alemáns, un sueco e dúas matronas italianas, non vaias pensar que foi fácil. Paguei moito diñeiro por el. E iso que ao vendedor debeulle saír ben barato, pois mercoullo a un trotamundos que o atopou tirado nun campo na fronteira rusa. É un libro moi raro, seguro que vale unha fortuna, aínda que eu non entendo diso.
–Logo, para que o mercaches?
–Para un agasallo. Lévollo a un bo amigo que si é afeccionado aos libros.
A muller ría con expresión que parecía malévola mentres falaba, e iso facía que o home bebese máis e aceptase que a poesía era un tema menor cando había de por medio toda unha noite chea de prometedoras sorpresas.
Os primeiros bicos non tardaron en chegar. Xurdiron na privacidade dunha pequena sala que servía de almacén de mesas e cadeiras; fóranse refuxiar alí porque a muller amosara interese por que non os viran xuntos demasiado tempo.
–Comprendo. Estás casada.
–Non o estou, non se trata diso... Pero non te preocupes; esta noite durmiremos xuntos.
–De veras?
–Claro... Oh, perdoa, non cho preguntei. Ti estás casado?
–O certo é que si.
–Entón...
–Pero non te preocupes: esta noite durmiremos xuntos.
Os risos mesturáronse cos bicos unha e outra vez. Nalgún momento, ela dixo:
–Faremos o seguinte. Agora volveremos á festa por separado, e falaremos cos nosos amigos durante unha media hora. Logo despedirémonos e sairemos, de novo cada un polo seu lado, para atopármonos na parte de atrás do hotel, onde pillaremos un taxi e...
–E a noite será nosa. Un plan perfecto, case poético.
–Ehmm, parecerache unha impertinencia a estas alturas –dixo ela–, pero esquecín por completo o teu nome.
–Bernard. Bernard Roules.
–Dime, Bernard Roules, sabes o que é o polbo de aneis azuis?
–Non teño nin a menor idea.
–Non importa, mellor así. Eu son...
–Isabel, seino. Isabel Padilla. Española, de Cataluña. Coma Salvador Dalí.
–Outro poeta?
–...
–É broma, é broma.

Cando de novo se atoparon na rúa coa intención de dirixirse ao hotel da muller, en tanto se volvían bicar baixo as farolas que se reflectían nas augas do Isar, esta propúxolle levar a festa máis alá dunha vulgar noite de sexo efémero. Bernard quedou á espera de que se concretase o pensamento que roldaba pola súa mente. Aínda que animada pola champaña, Isabel amosábase segura de si mesma, e a el non lle importaba deixarlle que tomase a iniciativa da sedución.
–Propóñoche que recollamos unha prostituta.
–Unha prostituta?
–Si. A cidade está chea delas; buscaremos a máis fermosa e perversa á vez e levarémola ao hotel.
–Estás segura?
Ela, na súa experiencia no mundo da empresa, chegara á conclusión de que o peor tres sempre era mellor ca o mellor dous. Non lle resultou fácil explicalo no seu inglés máis ben torpe, pero a el tampouco parecía que lle interesase profundizar na argumentación. Gustáralle a idea desde o primeiro momento, líase nos seus ollos demasiado sinceros. Quizais non o vería igual se a proposta fose facer o trío con outro home, mais tampouco a ela lle tentaba a idea de perderse nun tedioso debate.
Aos poucos minutos, recolleunos un taxi e levounos cara ao distrito Grünwald. Non era a céntrica rúa Sandlingerstrasse que aconsellaba o condutor no seu dificultoso inglés de Baviera, onde se sucedían os clubs de alterne de tipo medio, nin a Rotes Haus, que presumía de ser un dos centros de diversión máis cotizados da cidade. Moi ao seu pesar, e seguindo as ordes da muller, levounos a unha zona do extrarradio onde ían atopar, díxolles, o peor en materia de prostitución: mulleres sen fogar, inmigrantes de países pobres, drogaditas, delincuentes, todo un mostrario da marxinación máis atroz.
Tras daren dúas voltas por ruelas que eran moito peor do que lles anunciara o taxista, na porta dun garito miserábel viron saír unha muller de pel escura e abundante melena negra que lucía un corpo fermosamente proporcionado baixo os tristes farrapos característicos do oficio. O coche parou. Isabel asomou á ventaíña e ofreceulle o que podía gañar nunha semana se os acompañaba a un hotel. A muller chuchou con forza o chicle que levaba na boca, observounos un momento e dixo en perfecto inglés con acento brasileiro:
–Non me quereredes para celebrar algún rito macabro...
–Como o sabes? –preguntou Isabel co seu sorriso máis ambiguo.
–Porque hai anos que te estou a esperar, cariño.
A muller cuspiu o chicle e subiu.
–Estupendo. Tes un nome?
–Podes chamarme Áurea Mendes.

Ao día seguinte, cando eran as 17.30 horas, un taxi paraba ás portas do aeroporto Franz Josef Strauβ. Del baixou Isabel Padilla, elegantemente vestida, e dirixiuse á oficina da Lufthansa para facturar a súa equipaxe con destino a Barcelona. En tanto non abrían a porta de embarque, foise sentar nunha cafetaría e pediu un café ben cargado. Dispoñíase a abrir o xornal da tarde cando se lle acercou por detrás unha persoa. Volveuse. Era a prostituta que contrataran ela e o seu amigo para pasar a noite.
–Vaia, decidícheste. Cheguei a pensar que non virías –dixo Isabel, esta vez sen se molestar en falar inglés.
–Vin os informativos na televisión –Áurea tamén lle falaba en correcto castelán.
–Eu estaba a punto de ler o xornal. Algo interesante?
–O home morreu.
–De veras? Iso confirma que o veleno do polbo de aneis azuis é letal. Unha boa noticia.
–Tamén demostra que es unha asasina. Non necesitas contratarme a min.
–Iso a que vén? Non son unha asasina, e necesítote a ti.
–Entón por que tiveches que matar ese pobre home?
–E ti sentes compaixón? Crin que eras unha profesional.
–Iso non quere dicir que mate por gusto. Fágoo por diñeiro, non por diversión.
–Ese home enganaba á súa muller sen a menor consideración.
–Merecía morrer por iso?
–Non te preocupes, non penso matar todos os homes infieis do mundo, non hai apócema suficiente para iso. Só quería asegurarme de que o veleno funcionaba. A iso vin a esta cidade co pretexto dunha reunión comercial. De paso, tiven ocasión de mercar un libro antigo que me servirá de cebo para tentar a vítima, e tamén de contratar a persoa que lanzará o anzol. Unha viaxe proveitosa.
–E se me nego a facelo?
–Ofrecinche moito diñeiro, e xa che paguei unha parte cando te contratei. Ademais, estás aquí. Non me vas fallar.
–Podo ir á policía e contárllelo todo. Ti envelenaches o champán do home na festa.
–A policía tardará moito tempo en saber de que morreu; entretanto, buscarante a ti, cando saiban que fuches a derradeira persoa en ver a Bernard con vida. Demos o teu nome e mais o del no mísero hotel onde pasamos a noite, lembras? O recepcionista nin se lembrará de min, así que eu non figuro para nada, non existo nesta historia.
–Tampouco existo eu.
–Non existes? Cado vin que lle amosabas a túa documentación ao recepcionista con toda a inocencia comecei a desconfiar que non eras a persoa adecuada para o meu plan. Unha verdadeira profesional non faría iso. Despois vin como te comportabas coa maior naturalidade con el, aínda sabendo que ía morrer; iso tranquilizoume. Espero que fagas ben o teu papel.
–Es unha muller perversa. Planificáchelo todo con frialdade.
–Non creas, antes de vir para aquí só tiña o veleno e unha vaga idea do que quería facer. Despois atopeite a ti, logo o libro, e finalmente coñecín ao pobre Bernard. Todo foi sucedendo por si mesmo. Eu só axudei a que as pezas encaixasen coas miñas necesidades.
–Ao mellor, as cousas non son como ti pensas.
–Que queres dicir?
–Que non sucede todo como un calcula. Non sempre somos quen de dirixir os nosos destinos, canto máis os dos demais.
–Moi profundo iso que dis, pero nós imos seguir adiante co noso trato. Agora, déixame a documentación para coller o teu billete… Como? Outra vez me dás a tarxeta de identidade verdadeira? A policía pode seguir esta pista e buscarte en España.
–Non me atoparán, xa che dixen que non existo. Farei o meu traballo.
–Iso espero, saíchesme bastante cara. Pídoche un café?
–Grazas, non tomo café.
–Ha, ha, ha... Non cho envelenarei, non te preocupes. Por certo, unha curiosidade. Por que dixeches onte que había anos que me estabas a esperar?
–Eu dixen iso?
–Dixeches. “Hai anos que te estou a esperar, cariño”.
–Non o lembro.

(Sobre Ex Libris)

[...] Pois ben. Onte soubemos a verdade, o que se esconde detrás de Áurea Mendes. Esa muller foi contratada pola túa avoa. Non é ningunha meiga, non é nada, só é unha prostituta que se vende por diñeiro. A avoa contratou os seus servizos para que levase o teu pai á cama e así conseguir que se separase de min: unha vinganza desesperada. Ela mesma ideou o embuste do libro antigo; sabedora da paixón de Damián, mercou ese manuscrito nunha subhasta en Munich e entregoullo a Áurea. Ela fixo o resto. Así que, non había ningunha maxia, ningunha maldición, ningún misterio. [...]

O Xardín (páx. 449)

21 de out. de 2009

Ex Libris (IV)

7 maio 1983.
Pietr Dimitrov, axente secreto do KGB en Alemaña Federal, baixou do avión comercial que o trasladou ao aeroporto de Obninsk (Rusia) e dirixiuse en taxi ao cuartel xeral da organización nesa cidade. Os seus superiores, que o esperaban reunidos desde había unha media hora, examinaron con atención os exemplares da revista Stern que sacara do portafolios e, nunha primeira opinión, estiveron de acordo en que os fragmentos dos diarios de Hitler que se publicaban nas súas páxinas centrais non podían ser auténticos. Con todo, fiaron a conclusión final a unha análise posterior máis pormenorizada. A continuación, o comandante Vassili Orsam fixo entrar a Dimitrov no seu despacho co pretexto de comentaren os últimos movementos políticos do outro lado do muro. O axente, daquela, entregoulle o pequeno e vello libro manuscrito sobre pel que portaba nun compartimento oculto do seu maletín. Narroulle como o obtivera a través doutro axente destacado en Francia, na rexión de Lyon, e como este tivera que botar man de importantes contactos para conseguir sacalo da mesma sede da Gerdarmerie. A curiosidade puido con Dimitrov e preguntoulle ao comandante polo motivo que facía tan importante aquel documento que, en aparencia, non contiña informacións militares nin estratéxicas nin nada que puidese parecer relevante para o servizo de espionaxe ruso e que, porén, unha vez que a prensa local de Lyon publicou o seu achado nas mans dunha rapaza que morrera vítima dun desafortunado accidente, puxéranse en movemento persoas e recursos coa orde conseguilo a toda costa. Orsam sorriu, púxolle a man no ombro en sinal de felicitación e pasou a interesarse polos rumores de que o presidente norteamericano, Ronald Reagan, se negaría a debater sobre o seu proxecto do Sistema Estratéxico de Defensa, ese despregue armamentístico que bautizaran familiarmente como Star Wars en alusión á famosa película; ao comandante parecíalle pouco serio que un ex-actor metido a presidente dun país tan poderoso se empeñase en levar á vida real as fantasías cinematográficas, e tal vez fose conveniente preparar unha resposta adecuada a semellante provocación.
Tras a reunión, Vassili Orsam abandonou as dependencias do KGB levando consigo o manuscrito nun sobre. Deulle orde ao chófer de que tomase a estrada de circunvalación. Polo camiño usou o teléfono do auto para poñerse en contacto cunha muller á que chamaba “madame” e anuncioulle a súa chegada en aproximadamente media hora.


A muller recibiuno nunha casa unifamiliar situada nun barrio residencial na periferia de Obninsk. Á calor dun viño francés e música de jazz, ambos examinaron con atención o libro antigo e despois encerráronse nun cuarto. Dúas horas máis tarde, Orsam volveu ao automóbil, esta vez para dirixirse ao aeroporto onde o esperaba unha avioneta do exército. Desde alí voou a Moscú e un taxi trasladouno a un despacho privado da rúa Yáblaka, onde o esperaba o seu superior, o coronel Lev Borya, acompañado de dous altos cargos do ministerio de Asuntos Exteriores.
Dous meses despois destes encontros, o comandante volveu chamar ao axente Dimitrov para lle explicar que a súa seguinte misión transcorrería nos Estados Unidos. O obxectivo era un avión das liñas aéreas coreanas. Dimitrov debía coordinar un equipo encargado de lle subministrar un plan de voo manipulado, a fin de que voase un breve tempo sobre territorio soviético. A operación realizaríase a finais de agosto, e o obxectivo último era provocar un conflito internacional.
O día 1 de setembro, en canto entrou no ceo ruso, o avión 747 da Korean Air foi derrubado por jets interceptores morrendo no acto 269 persoas, entre elas o congresista demócrata por Georgia Larry McDonald. De contado, a OTAN puxo en marcha o protocolo de exercicios militares previstos no Plan de Defensa Global.
A finais do mesmo mes de setembro, no búnker Serpujov-15, o centro de mando da intelixencia militar soviética desde onde se coordinaba a defensa aeroespacial, as computadoras recibiron dos satélites o aviso de que un pequeno número de mísiles balísticos intercontinentais con carga nuclear foran lanzados desde Malmstrom (Montana, EEUU) en dirección á Unión Soviética. Pero a persoa encargada do servizo de vixilancia nese momento, o tenente coronel Stanislav Petrov, considerou que o sinal era un erro do sistema de alarma e non transmitiu o aviso. Efectivamente, os mísiles nunca chegaron a impactar porque nunca foran disparados. O oficial Petrov foi condecorado por evitar un incidente de consecuencias imprevisíbeis e, ao mesmo tempo, noutras dependencias, o comandante Vassili Orsam foi degradado a capitán como castigo pola súa incompetencia e trasladado a Voronezh para ocuparse de cometidos menores.



No ano 1989, nos mesmos días en que o muro de Berlin caía baixo a acción popular e as piquetas, a “madame” e o capitán Orsam foron coincidir en Moscú, esta vez no curso dun acto institucional de carácter festivo. O ex-xefe local do KGB sorprendeuse da súa desaparición repentina de Obninsk despois do fracasado incidente internacional e acusouna de traizón; ela amosouse máis sorprendida aínda, e díxolle que non houbera ningún fallo e que a influencia do libro no decurso da historia era un asunto escuro que non dependía das accións dos humanos, como el fora advertido previamente e como non tardaría en comprobar por si mesmo. Antes de se despediren, a muller peguntoulle se aínda conservaba o libro no seu poder; ante a súa resposta afirmativa, díxolle que no prazo de catro anos llo debería entregar a certa persoa, un mozo con aspecto de vagabundo, que se lle achegaría para recollelo. El negouse, aducindo que o libro, despois de todo, pertencía ao goberno ruso, e que este llo debía a el para resarcir a humillación que lle fixera pasar. A “madame” marchou solitaria pola rúa cun sorriso engaiolante e o capitán nunca máis a volveu ver.
A comezos de marzo de 1993, achándose Vassili Orsam recentemente retirado da vida militar activa, recibiu unha chamada telefónica dun antigo compañeiro na que o advertía de que o KGB optara pola eliminación física de todas as persoas que coñecían a implicación do ministerio de Asuntos Exteriores na organización do atentado contra o avión da Korean Air. Orsam colleu o seu automóbil e fuxiu de Voronezh en dirección á fronteira de Ukraína seguindo estradas secundarias. Mais nalgún cruzamento perdeu o rumbo e, nun descampado, parou a preguntarlles a dous viandantes. Estes agarrárono, arrastrárono detrás dun canaveiral e degolárono; acto seguido, rexistraron o vehículo e marcharon apuradamente con todo canto puideron levar de valor. Na súa fuxida, aos poucos metros caeulles o libro antigo de coiro, o cal foi recollido horas máis tarde por un camiñante que pasaba polo lugar cunha mochila ao lombo, e que marchou de alí sen se percatar da presenza do cadáver tras o canaveiral.


30 de set. de 2009

Ex Libris (III)

Outubro 1977. La Vanzelle (Francia).
Unha rapaza de quince anos chamado Cécile, cando paseaba coa súa bicicleta, descubriu no medio dun rochedo un cadáver comesto polos animais e o tempo. Tratábase dun home, aínda que apenas se lle recoñecía a traza. Á beira estaba a súa gorra, unha gorra de mariñeiro tamén esfiañada, e un vello libro de poucas follas de pel.
Cécile comunicoulle o achado aos pais e estes ás autoridades, pero a cativa, de natural curioso, escondeu o libro porque lle pareceu un obxecto interesante e non se quixo desprender del. A policía averiguou o nome do morto, un irlandés de Cork, viaxante de comercio, chamado Mark O´Sullivan, coñecido en certos círculos como estudoso do celtismo e afeccionado ás ciencias ocultas.
A rapaza levou o libro ao colexio onde cursaba os estudos de Bacharelato, en Saint Chamond, para ensinárllelo aos compañeiros. Estes non se deixaron impresionar pola rareza do manuscrito e preferiron burlarse unha vez máis da cativa, que era persoa solitaria, algo torpe de palabras e teimaba en vestir sen seguir os ditados da moda. Cécile non baixou ao recreo eses días, preferindo ficar na clase a examinar os debuxos do libro e a copialos na súa libreta. E seguiu con esa actitude ata que acabou por atraer a atención do seu profesor de Educación Plástica, un exseminarista que abandonara a carreira relixiosa para se dedicar á escultura. O profesor quedou fascinado co libro e preguntoulle a Cécile como o conseguira. Esta, por non desvelar a apropiación indebida por medo a un castigo, só dixo que o achara nunha casa abandonada no medio dun arboredo por onde adoitaba pasear en bicicleta. O profesor ofreceulle comprarllo, sempre que os pais desen a súa conformidade, pois ela era menor de idade. Mais Cécile negouse en redondo e pediulle que non falase cos pais, pois castigaríana se sabían que tiña algo valioso que non era seu. Deste xeito, mantivo o libro con ela durante tres anos, sen deixar nin un só día de revisar e copiar os seus debuxos e as súas letras incomprensíbeis.

Cando estaba a punto de abandonar o instituto, Cécile decatouse da loucura na que estaba entrando coa súa obsesión polo libro. Neses meses coñecera un rapaz e comezara con el unha relación que prometía ser duradeira. Ao mesmo tempo, madurara e xa non lle facían dano as críticas dos compañeiros, co cal estas actitudes acabaron por cesar. Daquela, quixo desfacerse do libro vendéndollo ao profesor co que estudara Educación Plástica tres cursos antes. Mais este profesor xa non formaba parte do persoal do centro; por motivos administrativos, fora trasladado a outra localidade ben lonxe de Saint Chamond, e tardou algún tempo en conseguir o seu contacto. Finalmente, falou con el a través do teléfono e propúxolle a venda. O exseminarista aínda seguía interesado no volume, mais, aínda que a rapaza xa era maior de idade, amosábase remiso a mercar un obxecto que fora obtido dunha maneira pouco clara, pois a historia do achado fortuíto nunca lle parecera de todo críbel vindo dunha persoa solitaria e fantasiosa como era Cécile daquela. Como a moza estaba disposta a lle regalar o libro, só por se desprender del, finalmente conviñeron que el mesmo lle escollería un agasallo dun valor semellante ao que podía ter o manuscrito.
Cando esperaba por ela na Estación Central de Autobuses de Lyon, onde se citaran para a transacción, Cécile resultou atropelada por un autobús que realizaba manobras temerarias. Morreu baixo as rodas de xeito instantáneo. O profesor viuno todo de lonxe, e non se atreveu a achegarse por medo a que alguén o relacionase de maneira inadecuada con aquela exalumna tan fermosa para a que levaba no peto unha cadea de ouro co seu nome grabado.

20 de set. de 2009

Ex Libris (II)

No verán de 1966, nun almacén de ferranchos da pequena localidade de Luame, no Estado de Porto Alegre (Brasil), dous traballadores foron reprendidos polo dono do negocio por non atenderen as súas obrigas. Achábanse examinando un vellísimo libro de follas de pel escrito a man con signos xeométricos e adornado con algúns debuxos simples de aspecto infantil. O xefe preguntoulles onde o obtiveran, e contaron que viñera entre os restos dun coche calcinado que acababan de retirar na avenida que daba entrada á vila. Tratábase do Ford do 26 que un ano e medio antes se incendiara nun tráxico accidente que todos lembraban, pois nel morreran os dous ocupantes, un matrimonio arxentino, ambos con arredor de cincuenta anos e negociantes en arte e antigüidades. A retirada do vehículo relizárase por orde xudicial, unha vez concluídos os trámites da investigación. O máis curioso do achado, comentaban os operarios, era que, a resultas do accidente, non quedara no vehículo ningunha outra cousa que non fosen ferros queimados, e parecía imposíbel que aquel libro, sendo de material orgánico, resultase indemne.
O xefe do almacén fíxose cargo do curioso manuscrito e tívoo un tempo na súa casa. Aproveitou unha viaxe de negocios a Vilagrande e amosoullo ao director do Museo de Arte Antiga, por se consideraba que tiña algún valor e o quería mercar. O director, un historiador experto en arte colonial, examinou con curiosidade o volume e apreciou o seu valor. Formalizaron a compravenda por un prezo case simbólico, dado que o museo non andaba sobrado de fondos e ao ferralleiro calquera ganancia o faría feliz. Mais, ocupados como estaban os expertos do museo na catalogación do mobiliario doado polos propietarios dun palacete que ía ser derrubado, o libro ficou depositado nun andel á beira doutras numerosas pezas que agardaban un destino indefinidamente adiado.
Pasarían cinco anos antes de que fose recuperado baixo a poeira, no curso duns traballos de remodelación das instalacións do museo motivadas pola entrada dun novo equipo de goberno. O anterior director perdera a vida de forma tráxica cando a fatalidade quixo que tropezase e caese de costas sobre unha figura de bronce lanceolada que estaba a preparar para unha exposición de art decó na capital do Estado. O seu substituto, un home novo acabado de licenciar pola Universidade Federal de Pelotas, empeñouse en sacar á luz cantos tesouros esquecidos achou nos sotos do edificio. Aínda que o libro non lle chamou especialmente a atención, destacouno colocándoo nas vitrinas dos documentos máis antigos, na súa maioría pregos lexislativos de escaso valor, e uns poucos incunábeis, entre os que se achaba unha serie completa dos Decretalium cum apparatu Ioannis Andreae, composto polo Papa Bonifacius VIII, sen dúbida unha xoia singular para un Museo de ámbito provincial. Como paso previo a un exame máis demorado, o manuscrito foi debidamente recensionado polo propio director no catálogo anual das novas incorporacións.
Certo día, o museo recibiu a visita dun home de idade, barbado, cuberto cunha gorra de mariñeiro, quen, con acento irlandés, dixo ser profesor de Arqueoloxía na universidade de Alabama (EEUU). O profesor, que recibía con regularidade o catálogo do museo, amosouse interesado en estudar o estraño libro como parte dun traballo que preparaba sobre as técnicas máis primitivas da escrita manual. Afeito o persoal da institución a ter confianza nas escasas persoas que solicitaban utilizar o material das vitrinas, non consideraron necesario dedicarlle vixilancia ao visitante en tanto manipulaba o manuscrito nun recanto da sala de lectura, circunstancia que foi aproveitada por este para saír do Museo nun momento de afluencia de público levando o libro baixo o abrigo.
Foron inútiles cantos esforzos se fixeron para dar co ladrón, toda vez que non existía entre o profesorado da universidade de Alabama ninguén coas características do citado nin se puido pesquisar nada na enguedellada trama do mercado negro das antigüidades.

9 de set. de 2009

Ex Libris (I)


O primeiro día de xullo de 1961, Ernest Hemingway despedía na porta da súa casa da rúa Sun Valley en Ketchum, Estado de Idaho (EEUU), o carteiro ao que lle acababa de entregar un pequeno paquete. Na parte superior figuraba o enderezo do seu amigo Ovidio Molina Cortés, empresario do mundo da arte e as antigüidades residente na cidade de Buenos Aires, Arxentina.
O escritor seguiu o carteiro coa vista ata que se perdeu na distancia. Logo entrou na casa con paso canso.
Nun recanto da sala, sentada nun sofá señorial sobre un fondo de trofeos de caza e de mar, estaba unha fermosa muller de longa melena negra e grandes ollos da cor da oliva.
Hemingway sorprendeuse ao vela, pero só uns segundos. Serviuse unha copa de ron.
–Ao final, fixéchelo. Desprendícheste do libro. Como puideches? –dixo ela.
–Desprendinme do libro e mais de ti. Xa non estás na miña vida, por que segues aí?
–Ernest, meu amor, que fácil cres que resulta todo, non? Hoxe cóllesme, mañá déixasme. E pasado mañá? Non volverás querer que estea ao teu lado?
–Pasado mañá non existe. Nin sequera mañá. E ti tampouco. Déixame, debo traballar.
Hemingway saíu da sala coa copa nunha man e a botella na outra para dirixirse ao estudo. Un gato que saíu de debaixo do sofá seguiuno miañando debilmente. Da rúa chegaban ruídos de coches e trasfego humano.
Sobre o escritorio, un mangado de follas escritas encabezadas co título A Moveable Feast. O escritor colleunas, deixounas correr entre os dedos e leu algúns parágrafos ao chou. Volveunas pousar e asomouse á fiestra. Bebeu un grolo.
No seu interior, algo lle recordou os días felices en La Habana algúns anos atrás. Concretamente, o ano 1955, o seguinte a aquel no que lle concederan o premio Nóbel. Días de mojito e daiquirí, de yuca, mango e guayaba, de bolero e merengue, de poesía e revolución, días de festa continua nos salóns do hotel Ambos Mundos e no Floridita e no Cabaret Parisien.

Alí foi onde coñeceu a Áurea Mendes, unha exuberante mulata de orixe brasileira que vendía tabacos, perfumes, flores secas, abanos, preservativos, lambiscadas, entre a xubilosa clientela. O novelista mercoulle un Partagás e Áurea cobroulle só cunha fotografía dedicada que había enmarcar, dixo, e pendurar na cabeceira da súa cama.
Esa mesma noite, Hemingway, marido infiel por enésima vez, coñeceu, ao tempo que o corpo cálido da muller, un manuscrito antigo que Áurea gardaba con celo por ser unha lembranza familiar moi querida. O escritor, aínda que non sentía especial agarimo polos obxectos rescatados á comechón do tempo, entendeu que a brasileira llo quería vender para paliar unha situación de penuria e que se valía dun argumento sentimental para elevar o seu prezo. Pero o libro parecía un obxecto realmente interesante e, por riba, os peitos florais de Áurea, os seus ollos magnéticos, a voz ferventemente cadenciosa, parecían suficiente pretexto para que pagase os douscentos pesos que lle pediu e lle agradeceu vivamente. A partir desa noite, os encontros coa muller sucedéronse enleados nunha especie de encantamento que rozaba o feitizo como antes non recordaba ter sentido.
O libro, porén, permaneceu esquecido durante anos nunha pequena gabeta de lembranzas de outrora. A súa vida non era de gardar trastes mortos, el era un protagonista da historia, necesitaba vivir cada hora, cada segundo, coma se fosen os derradeiros.
–Non conseguirás o que te propós. O libro seguirá o seu camiño, sobreviviranos aos dous; pero ti es meu para sempre. Estamos unidos no mundo dos vivos.
–Vaite, Áurea Mendes. Xa non teño idade para estes xogos.
–De veras? Mentes tan fermosamente como escribes. Bastará que me achegue a ti para que esperte o vello animal que levas dentro. Non o queres comprobar?
–O animal morreu. Matouno o alcohol e a vida. Eu son o seu cadaleito. E ti, só unha imaxe da miña memoria. Non existes, muller. É inútil que insistas. Se pecho os ollos, desaparecerás.
Pechou os ollos e a voz dela seguiu soando cada vez máis lonxe. Foi apagada por outras voces, esta vez de 1958, cando o foron visitar os seus amigos arxentinos Ovidio Molina e a súa esposa Luisa Fernanda Biocca. Ernest atravesaba unha etapa difícil, incapaz de escribir, asediado por pantasmas e definitivamente imposibilitado para ser feliz. El botáballe a culpa á súa relación coa brasileira, unha vez que chegara á conclusión de que non existía, que só era unha creación da súa mente enferma. O amigo aconselloulle que deixase Cuba, que volvese ao seu país e se establecese nunha vila calquera onde ninguén soubese da súa existencia. Debía refacer a súa vida, volver a empezar, ser el mesmo. No medio da conversa, Ovidio amosara curiosidade por ver o libro; como tratante de antigüidades, podíalle interesar a súa adquisición. Hemingway pensou en regalarllo, coidando que se se desfacía del, conseguiría desfacerse dela. Mais no último momento volveuse atrás. Ensinóullelo, pero, malia a insistencia dos Molina-Biocca, non llelo quixo vender.
–Non o quixeches vender. Non fuches quen. Porque non querías separarte de min. Ernest, meu amor, ven, volve comigo.
Hemingway sentouse no escritorio, introduciu un papel no rodete da vella Underwood portátil e púxose a teclear. Escribiu un título no medio a medio: The dark lady. Tras unha pausa, inseriu outra folla e comezou o relato. A voz seguía soando, pero o ruído da máquina foina acalando. As palabras sucedíanse, as frases, os parágrafos.
As follas amoreábanse no canto da mesa conforme pasaban as horas e o nivel do ron descendía na botella. O gato ficara adurmiñado sobre a mesa, á beira da máquina de escribir.
Nalgún momento, o escritor levantouse. Estricou os ósos dos brazos e achegouse á fiestra, pero só parou unha miga. Foi buscar unha nova botella, sentouse e continuou decontado. A muller volvía estar alí, agora de pé onda a mesa e folleando os papeis.
–Escribes sobre min! É a nosa historia de amor, gústame. Mais quizais ao teu público non, telo demasiado acostumado á realidade.
–Non escribo sobre ti. Escribo sobre a paixón. A verdadeira paixón.
–A que aprendiches comigo.
–Si. A paixón escura.
Áurea Mendes apoiou as costas no limiar da porta. Sorrinte, ollou a Ernest en fite en tanto acendía un longo cigarro moreno. O home ignorouna e volveuse concentrar no teclado da máquina de escribir. Tras os cristais da fiestra xa se anunciaba o amencer.
Dúas horas despois, deu por rematado o relato. Volveuse servir ron, coa nova botella xa pola metade, e releu rapidamente o escrito.
–Está lindo? Sénteste mellor? Querido Ernest... Desprendícheste do libro, pero escribes sobre min. Non queres que me vaia, nunca quixeches. Ah, meu amor... Estamos na hora das verdades.
–Non pode ser... Non podes seguir na miña vida, xa non...

Nun arranque de xenio, o novelista prendeu lume nas follas e guindounas á lareira sobre as cinzas que quedaban do último inverno. Acto seguido, despendurou da parede a escopeta de caza Remington, cargou un cartucho e apuntoulle á muller, que seguía sorrindo entre bocaladas de fume escuro.
O ruído do disparo fixo que entrase xente na casa. Veciños do edificio que se preparaban para saír aos seus traballos, ás súas ocupacións. O corpo de Hemingway estaba tirado sobre a alfombra boca arriba entre fíos de sangue. Baixo a súa man dereita, a escopeta, aínda fumegante. Na confusión, o gato aproveitou para fuxir pola porta.

24 de ago. de 2009

Sobre o lume e os deuses antigos

De tal xeito cantou que a Lúa saíu
aínda que non lle tocaba a aquela hora.
As xentes arremuiñábanse no campo,
e cando anunciou que iba cantar o lume,
todas as mans frías tendéronse ás fogueiras
–que soio eran verbas
que estaban por decir, marmuríos a boca pechada
cos que ela se afinaba antes de cantar,
invisibles mans nas invisibles
clavixas da gorxa, tensando cordas invisibles–.
Por fin ergueu a man, coma unha vela branca
se inza nunha nao, e cantou dando entrada ao lume,
quen coa dourada lingoa das súas chamas
lambeulle os pés.
Esta era Dagha, a princesa de Llir,
que acostumaba vir á terra firme
cada cen anos máis ou menos, dende o fondo do mar,
por ver si eran como dicían os poetas
a Lúa, o lume, os espellos e as bágoas
dos que morren de amor. Por esto último
algunha vez foi confundida coa morte
polos fieles amadores.

Álvaro Cunqueiro. Herba aquí e acolá.



Falaron moito tempo, sobre o libro, sobre o lume e os deuses antigos. Unha conversa chea de pasaxes misteriosas, incluso para min. Xa che dixen que lle devolvín o libro ao meu pai? Aledouse tanto...

O Xardín (páx. 275)

9 de ago. de 2009

A viaxe, o regreso

Cando emprendas a túa viaxe a Ítaca
pide que o camiño sexa longo,
cheo de aventuras, cheo de experiencias.
Non lles temas aos lestrigóns nin aos cíclopes,
nin á ira do carraxento Poseidón,
seres coma eses xamais acharás no teu camiño
se o teu pensamento é elevado, se exquisita
é a emoción que anega o teu espírito e o teu corpo.
Nin os lestrigóns nin os cíclopes
nin o salvaxe Poseidón te poderán atopar
se non os levas xa dentro, na túa alma,
se a túa alma non os conxura ante ti.

Pide que o camiño sexa longo.
Que sexan moitas as mañás de verán
en que chegues –con que pracer e ledicia!–
a portos nunca antes vistos.
Detente nos emporios de Fenicia
e procura as súas fermosas mercadorías,
nácara e coral, ébano e ámbar,
e toda sorte de perfumes voluptuosos,
cantos máis abundantes perfumes pracenteiros poidas.
Acude a moitas cidades exipcias
para aprender, e aprende dos que saben.

Ten sempre Ítaca no teu pensamento:
chegar alí, eis o teu destino.
Mais non apures nunca a viaxe.
Mellor, que dure moitos anos,
e atracar, vello xa, na pequena illa,
enriquecido de canto gañaches no camiño.
Non esperes que Ítaca te enriqueza:
Ítaca brindouche esa fermosa viaxe.
Sen ela xamais emprenderías o camiño,
mais non ten outra cousa que che ofrecer.
Aínda que a atopes pobre, Ítaca non te enganou.

Así, sabio como te volviches, con tanta experiencia,
entenderás por fin qué significan as Ítacas.

K.P.Kavafis. “Ítaca”


21 de jul. de 2009

Organizando o vento

–Iso que dis é moi forte.
–Seino. Pero dígoo, aí queda. Valo seguir discutindo? Non me importa, discutiremos. Encántame discutir, sacar o peor que hai dentro para albiscarmos os verdadeiros rostros da paixón. Áurea tamén discutiría. Pero despois iríase no seu coche, veloz, soa, libre e misteriosa na noite.


O Xardín (páx. 236)


Cando unha muller adormece, o seu corpo é o mundo nun siléncio tranquilo que se contempla desde o chan ou desde un balcón nas nubes,
o Cazador non se lle achega porque ruxe nela a distáncia-volcán da vida. Hai que poñer fronteiras, apuntalar as casas, combater
e organizar o vento arredor dun simple corpo solitário e manso
carne de dor como un animal que foxe ao lume.

A ela podemos descer ou subir para ver na sua pel o matiz cinza da terra e venerar algun mistério non nacido,
o endurecido seo, o ponto mais escuro do círculo, o centro do círculo do círculo
porque un seo fecha en si o infinito coa sua illa no meio, centro da redondez do mar,
praia en anel onde as gueivotas estremecen a torre de carne habitada con apenas unha xanela para o soño dos outros,
os que lle nacen nas ortigas dun xardin que ve pasar brevemente.

Seducida no leito interior da torre fechada,
adormece a muller que agora desperta. Ouve-se un grito
de abismo á deriva, mudo de soedade, gritan os muros, cala a fronteira e a guerra, grita o seu grito que grita, fala en soños ainda
pero ecoa o temor de que as ondas repitan, salgadas de séculos, o afundimento ritual que a devolva ao siléncio.

Luísa Villalta. Ruídos.

14 de jul. de 2009

Ao fío da Maxia

Un encontro inesperado e afortunado na casa dun coleccionista de fetiches permitiume escoitar, durante algúns minutos, as palabras de Sir James George Frazer, o máis grande antropólogo. segundo din, do mundo enteiro. A miña paixón, talvez atávica, pola vida dos salvaxes fíxome percorrer hai pouco tempo o famoso Golden Bough, e puiden así seguir mellor as palabras do ilustre paleontólogo da alma humana.
A conversa arredor da mesa do té recaeu, por inocente astucia do meu coleccionista, na Maxia, e Sir Frazer non puido menos de tomar parte. Aínda que sexa vello e levase toda a vida traballando sen descanso, conserva aínda un aspecto orgullosamente xuvenil e nos seus ollos brilla o lume dunha dunha intelixencia sempre atenta: ollos de xuíz revestidos de simpatía.

–Os homes modernos –dixo– tratan con demasiado desprezo a Maxia, e os espíritos científicos e prácticos ollan con piedade retranqueira os vellos bruxos e ata aqueles que hoxe os estudan. Son ingratos. Fáltanlle ao respecto á nai.
»Toda a civilización moderna -e por moderna entendo a que comeza coa Grecia de Sócrates e, logo dunha interrupción de séculos, frutificou desde o Renacemento ata nós- é filla lexítima da Maxia.
»Todas as nosas artes, as nosas leis, as nosas tradicións políticas, as nosas ciencias, saíron directamente da Maxia dos primitivos. A Maxia foi a ponte única e necesaria entre a animalidade e a cultura. Todos aqueles que se mofan da Maxia son fillos e sobriños dos antigos meigos e curmáns dos feiticeiros que aínda operan entre os salvaxes.
»Xa fixen notar estas verdades en distintas partes dos meus libros, pero ninguén as recoñeceu nin considerou. Comecemos polas artes. No que se refire á música, a demostración xa está feita, e dun modo persuasivo, por un musicólogo francés: Combarieu. A música, nos tempos máis remotos, non era máis ca unha faceta da arte dos encantamentos. O teatro, como saben todos, non é senón a derivación das primitivas cerimonias litúrxicas, isto é, fundamentalmente máxicas, e a danza, como demostrou Hirn, ten a mesma orixe. Da poesía pódese dicir o mesmo: os máis antigos fragmentos, tanto nos Vedas coma na literatura arcaica latina, son fórmulas máxicas, palabras potentes que, axudadas do ritmo, debían evitar os males ou atraer cara a nós os favores dos deuses. As pinturas primitivas que atopamos nas cavernas son obras de meigos que se servían desas imaxes para facer que fose proveitosa a caza dos homes paleolíticos, fundándose sobre un dos principios esenciais da Maxia simpática. Crear unha imaxe significa, para o meigo, conquistar o poder sobre o obxecto representado. Á mesma razón débese a orixe da escultura; vostedes saben que ata na Idade Media, para matar con seguridade un inimigo, facíase modelar en cera ou en barro unha estatuíña que se lle parecese, e logo rompíase ou expoñíase ás lapas do lume. O que se lle facía á estatua era sentido polo modelo. A escultura exipcia, tan realista, era un expediente máxico para conservar, alén da morte, a integridade corporal para a esperada resurrección. As formas máis arcaicas da arquitectura, coma os dolmens e os crómlechs, servían, como sabemos, para misteriosos ritos que tiñan máis de máxico ca de relixioso. Se queren unha demostración máis ampla poden ler un estudo do meu amigo Salomón Reinach, aparecido na Anthropologie do ano 1903.
»No que se refire á moral e á lexislación, xa demostrei, amplamente nun dos meus libros, The Psyche's Task, como os principios éticos elementais que gobernan aínda a nosa vida e informan os nosos códigos, foron establecidos e consagrados polo que nós chamamos "superstición", e que se reduce case sempre á Maxia. As prohibicións fundadas no tabú áchanse nas orixes da nosa moral. Críase, por exemplo, que as relacións ilícitas entre un home e unha muller prexudicaban o éxito da casa ou a fecundidade dos campos, e por iso eran severamente prohibidas. Creouse así nos homes o horror ao adulterio, que perdura aínda, algo atenuado, nos nosos costumes. Hoxe condénase por outras razóns, pero sen dúbida non se chegaría a condenar sen o traballo preparatorio da Maxia.
»Os primeiros reis das primeiras tribos foron feiticeiros, e se máis tarde foron guerreiros, estes acháronse tamén baixo a dominación dos que posuían a potencia oculta. A primeira teocracia foi máxica e o poder dos meigos sobre os guerreiros foi o poder do espírito sobre a forza. Nos antigos reis atópanse sempre as pegadas do carácter sagrado e máxico, e ata hai poucos séculos atribuíase aínda aos monarcas de Francia e de Inglaterra a milagrosa virtude de curar certas enfermidades co simple contacto da man. O rei meigo primitivo debía ofrecer a súa vida en holocausto se caía algunha desgraza sobre o seu pobo, e un resto deste costume áchase entre os modernos soberanos que consideran un deber acudir aos lugares onde ocorreu unha desgraza, ata con perigo da súa vida.
»E finalmente, a ciencia, a orgullosa ciencia do noso tempo, como demostrou xa Lenormand. áchase estreitamente unida á Maxia. A Maxia, en efecto, supón que a certos fenómenos seguiranlles infalibelmente outros fenómenos sen a intervención dunha vontade estraña. Fúndase, como a ciencia, sobre o determinismo, é dicir, sobre a crenza implícita nunha realidade ordenada e homoxénea. O meigo non pretendía violentar os feitos, mais si, coñecendo as secretas afinidades e a orde en que se sucedían, contentábase con imitar aquel fenómeno que era o antecedente constante do fenómeno desexado. Os seus erros e os seus fracasos procedían de non observar ben aquela cohesión fixa de sucesións e fundarse en relacións aparentes máis que substanciais, pero o principio do que partía era o mesmo sobre o que se acha edificada a ciencia moderna. Ata os raparigos saben que a química deriva da alquimia, a astronomía da astroloxía e a medicina científica da menciña.
»Non falo xa das relixións, cuxas relaciones coa Maxia son evidentes para todos os que coñecen a antigüidade. Ademais, aínda hoxe, en moitos lugares non se distinguen das máis torpes feiticerías. Abonda con pensar no predicamento do que gozan, en certos países cultos, as doutrinas teosóficas e as escolas ocultistas, para decatarse de que a Maxia, aínda nos nosos días, satisfai as necesidades espirituais de millóns de persoas.
»Toda a nosa civilización descende, pois, das crenzas e das prácticas da Maxia, e un pesimista podería soster, cun lixeiro esforzo sofístico, que a cultura contemporánea non rebordou aínda a zona máxica. Os pobos teñen fame de milagres e pídenllelos a todos: aos demagogos, aos somnámbulos, aos electricistas, aos médiums, ás profetisas privadas, aos profesores de física e de quiromancia. Os salvaxes son, indubidabelmente, os nosos pais e talvez os nosos irmáns, e a Maxia é a matriz vizosa da que saíron, como dicía ao comezo, as nosas artes, as nosas morais e as nosas ciencias. Todos os intelectuais non son máis que meigos que evolucionaron, máis cautos e máis claros.
Sir James George Frazer calou e ninguén soubo que contestarlle. Poucos minutos despois, o xenial antropólogo foise. Eu lembreime de que a miña nai era maorí, e a grande estima que sinto cara a min mesmo aumentou moito desde hai algunhas horas.

Giovanni Papini. Gog.


Acostumado a compartir as súas fantasías sobre maldicións, artes divinatorias, estatus de nobreza, viaxes astrais e outros prodixios, eu quería crer que non falaba de corazón e que esa suposta meiga só era unha das súas invencións. De feito, unhas veces tomaba cariz benéfico, outras, maléfico; unhas veces existía na realidade, outras, nos soños; unhas veces o que lle interesaba era un libro, outras, o sexo, outras, causar mal. Fose como fose, chamábame a atención a fascinación que, por riba do medo que lle provocaba, dicía sentir por ela.


O Xardín (páx. 234)