29 de mai. de 2009

Unha liña de falsas filiacións (II)

Deixando pasar algúns meses, para que as autoridades non receasen directamente de Bruno, o mafioso puxo nas mans deste unha pistola capaz de dous potentes disparos e unha relativa precisión e cedeulle o mellor cabalo da súa corte. O parceiro agardou polo xuíz disimulado entre as sombras en fronte á casa deste coa cara tapada cun pano. Disparoulle a queimarroupa e fuxiu a seguir no cabalo en dirección á montaña.

Todo aconteceu tan rapidamente que ninguén se decatou do sucedido ata pasado un tempo, o suficiente para que o rapaz devolvese o cabalo e a arma a dous homes que o esperaban, recuperase a súa mula e, unha vez que queimou as roupas usadas no crime, se dirixise tranquilamente ao campo onde atendía o gando que tiña encomendado.
A execución do asasinato pareceulle tan perfecta a Costaserena que, en canto cesaron as investigacións por falta de indicios que conducisen ao asasino e a Prefectura local decidiu que o incendio do xulgado se debera á un simple descoido falto de toda intencionalidade, o mafioso acabou por contratar o parceiro para que formase parte do seu pequeno exército de recadadores de impostos e matóns. Bruno aceptou de contado, malia a tímida oposición dos pais, e pediu levar consigo o pequeno Benvenutto, o cal, tras a morte do xuíz e non tendo este parentes directos que o reclamasen, ficaba legalmente en situación de desamparo.
Ao non existir constancia escrita nin maneira de verificar que a nai de Benvenutto era a defunta Regina Testti e que Bruno Consoli era o pai, o propio Arcadio Costaserena, en pagamento do favor recibido e co beneplácito agradecido daquel, adoptouno como fillo de seu e outorgoulle legalmente o seu apelido. En realidade, tamén obraba por interese propio, pois o seu único fillo varón morrera accidentalmente no curso dun tiroteo cando só contaba oito anos e a filla que lle quedaba, de nome Silvana, naquel momento con catro anos de idade, non lle parecía adecuada para substituílo algún día á fronte dos negocios.