14 de jun. de 2009

Unha liña de falsas filiacións (e IV)

Cando saíu da cadea, xa feitos os cincuenta anos e co seu apelido verdadeiro, Benvenutto Consoli soubo que a súa amante e suposta irmá, finalmente divorciada, contraera matrimonio en segundas nupcias cun anticuario e restaurador napolitano de nome Silverio Strada, e que vivía feliz co seu fillo común, Américo, e tres fillos máis da nova parella. Non querendo interromper esa situación coa súa presenza, optou por volver á Sicilia natal, onde se reencontrou cos seus vellos avós e recuperou o oficio de parceiro. Os avós déronlle noticias do seu pai, que nunca fora capturado polos carabineiros e vivía como leñador na rexión do Piamonte. Tamén neste caso, o antigo mafioso, contando con que estaría sendo vixiado, sacrificou o seu desexo de visitalo por non comprometer a súa seguridade, de maneira que Bruno Consoli había morrer sen saber que o fillo coñecera a verdade sobre o seu nacemento.
Pola súa parte, Américo, que despois dalgunhas reviravoltas xurídicas quedara definitivamente inscrito no rexistro co apelido Strada do novo pai, revelárase desde pequeno dotado dunha sensibilidade especial para a arte, aptitude que se desenvolvería e incrementaría no escenario da monumental Nápoles e no ambiente artístico no que se movía o seu pai adoptivo. Tomou con decisión o camiño da pintura e chegaría a acadar unha discreta fama.
Por algunha especie de destino ou de rutina familiar, acabou así mesmo dándolle o seu apelido a unha filla que non era súa cando casou cunha moza chamada Patrizia Capella. Coñeceuna unha mañá de outono, cando saía a pasear pola praia en busca de paisaxes para os seus lenzos. Patrizia estaba preñada de seis meses e acababa de cortar as veas porque se quería suicidar.
(Sobre "Unha liña de falsas filiacións")

A nena nacida da relación entre Patrizia Capella e Doménico Russo foi bautizada co nome de Giuliana, recibindo do seu pai adoptivo o apelido Strada. O mesmo mes en que naceu, difundiuse a noticia de que Italia entraba en guerra contra Austria e Alemaña dentro da contenda bélica que asolaba Europa en 1915.

O Xardín (páx. 25)

3 de jun. de 2009

Unha liña de falsas filiacións (III)

Andando o tempo, Benvenutto Costaserena, ao que nunca se lle revelara a peripecia que o acompañou na súa infancia nin quen era o verdadeiro proxenitor, seguiu os pasos dos seus dous pais, o real e o adoptivo, na senda da vida violenta, acabando por superalos en case todas as facetas, incluídas a agudeza, a perfidia e a crueldade.
Mais cando contaba os vinte e tres anos, o seu universo viuse sacudido ao ter que se render á evidencia da louca paixón que sentía pola súa irmá Silvana e ao comprobar que esta o correspondía. Achándose ela casada e el mergullado nunha prometedora relación amorosa coa filla do alcalde de Palermo, ao principio cultivaron o seu amor ás agachadas, mais, facéndose difícil nunha casa tan poboada de xente, optaron por fuxir de Sicilia, sen daren ningunha explicación, en dirección ao continente. Fixaron a residencia nos arrabaldes de Nápoles e ocultaron os apelidos baixo outros falsos para non seren localizados e tamén para que non transcendese a relación incestuosa que, segundo pensaban, os unía.

Catro anos despois da fuxida e seguros de que xa non eran buscados nin requiridos por ninguén, recuperaron o apelido común cando tiveron o seu primeiro fillo, ao que chamaron Américo, Mais equivocábanse, pois estaban reclamados por orde do xuíz que substituíra a Andreas Testti en Palermo, o cal, malia o incendio que destruíra o xulgado anos antes, puidera reabrir a causa contra Arcadio Costaserena a partir da documentación que aquel gardaba agachada na súa casa. O mafioso acabou encarcerado xunto con moitos dos seus homes, salvándose só os que puideron fuxir a tempo con rumbo descoñecido, entre eles Bruno Consoli.
O dobre apelido Costaserena, que declararon no Rexistro Civil para o pequeno Américo e que resultaba tan pouco común en Nápoles, foi suficiente fío para conducir á detención de Benvenutto baixo a acusación de crimes, extorsión, secuestro e estafa entre outros. Foi o propio xuíz, cando estivo na súa presenza, quen lle fixo saber a Benvenutto a verdade sobre a súa orixe e a natureza non incestuosa da súa relación con Silvana Costaserena. A noticia significou unha grande alegría para o fillo do antigo parceiro, que aliviou sequera algo o seu ingreso no cárcere para cumprir unha longa condena.

29 de mai. de 2009

Unha liña de falsas filiacións (II)

Deixando pasar algúns meses, para que as autoridades non receasen directamente de Bruno, o mafioso puxo nas mans deste unha pistola capaz de dous potentes disparos e unha relativa precisión e cedeulle o mellor cabalo da súa corte. O parceiro agardou polo xuíz disimulado entre as sombras en fronte á casa deste coa cara tapada cun pano. Disparoulle a queimarroupa e fuxiu a seguir no cabalo en dirección á montaña.

Todo aconteceu tan rapidamente que ninguén se decatou do sucedido ata pasado un tempo, o suficiente para que o rapaz devolvese o cabalo e a arma a dous homes que o esperaban, recuperase a súa mula e, unha vez que queimou as roupas usadas no crime, se dirixise tranquilamente ao campo onde atendía o gando que tiña encomendado.
A execución do asasinato pareceulle tan perfecta a Costaserena que, en canto cesaron as investigacións por falta de indicios que conducisen ao asasino e a Prefectura local decidiu que o incendio do xulgado se debera á un simple descoido falto de toda intencionalidade, o mafioso acabou por contratar o parceiro para que formase parte do seu pequeno exército de recadadores de impostos e matóns. Bruno aceptou de contado, malia a tímida oposición dos pais, e pediu levar consigo o pequeno Benvenutto, o cal, tras a morte do xuíz e non tendo este parentes directos que o reclamasen, ficaba legalmente en situación de desamparo.
Ao non existir constancia escrita nin maneira de verificar que a nai de Benvenutto era a defunta Regina Testti e que Bruno Consoli era o pai, o propio Arcadio Costaserena, en pagamento do favor recibido e co beneplácito agradecido daquel, adoptouno como fillo de seu e outorgoulle legalmente o seu apelido. En realidade, tamén obraba por interese propio, pois o seu único fillo varón morrera accidentalmente no curso dun tiroteo cando só contaba oito anos e a filla que lle quedaba, de nome Silvana, naquel momento con catro anos de idade, non lle parecía adecuada para substituílo algún día á fronte dos negocios.

22 de mai. de 2009

Unha liña de falsas filiacións (I)

En Sicilia, no inverno de 1866, no interior escuro dunha cova situada no Picco della Strega, un dos illados promontorios que destacan nas chairas que rodean Palermo, a veciña desta vila Regina Testti pariu un fillo ao que puxo o nome de Benvenutto. O motivo do inhabitual escenario non foi outro que esconder o cativo das iras do seu propio avó, o temido xuíz Andreas Testti, que non podía aceptar a deshonra de que a súa única filla se convertese en nai solteira. No momento do parto, a moza estaba acompañada do proxenitor da criatura, un veciño da aldea de Ginestra de nome Bruno Consoli, que vivía cos seus pais e exercía, igual ca el, o oficio de parceiro coidando os rabaños dos veciños. Cando regresaron a cadansúa casa, foi este quen se fixo cargo do pequeno, coa esperanza de que a situación se arranxase e puidesen compartir fogar algún día.
Por desgraza, como consecuencia das malas condicións do parto, Regina contraeu unha infección que acabou por levala á morte un mes despois. Andreas Testti, que no seu momento se mantivo conscientemente á marxe do sucedido na cova, chorou longamente a morte da filla.

Transcorridos dous anos, como alivio aos remorsos que o perseguían ao sentirse culpábel da súa perda, e asustado pola soidade á que se vía abocado, pois era viúvo desde había cinco anos, o xuíz desexou ter consigo o fillo nacido daquela relación ilícita. Ordenada a investigación na procura do seu paradoiro, foi informado de que unha familia de coidadores de gando da aldea de Ginestra criaban un cativo do que non se coñecía a nai e cuxa idade coincidía coa do que buscaban.
Os carabineiros entraron na casa de Bruno Consoli coas armas por diante para levaren o neno, sen facer caso da súa oposición nin da dos asustados avós. O mesmo día seguinte, o mozo dirixiuse á luxosa residencia campestre dun xefe local da Cosa Nostra de nome Arcadio Costaserena e ofreceulle os seus servizos para matar a Andreas Testti. Só pediu que se lle proporcionase unha arma, un cabalo e o permiso do Don. Era sabido en toda a rexión que Arcadio Costaserena, que forxara a súa fortuna no cobro de impostos fraudulentos aos aldeáns e comerciantes a cambio de protección nas explotacións de cítricos que daban tanta riqueza á illa, estaba sendo vixiado polo xuíz Testti e que, malia as súas boas relacións cos políticos locais, incluídos poderosos membros da Prefectura, faltaba pouco para que fose ordenada a súa detención con cargos que podían metelo na cadea de por vida. Eran os anos convulsos da unificación forzosa de Italia, e os novos poderes pretendían dar unha imaxe de autoridade por riba da cruel anarquía da extorsión e o crime.
Costaserena realizou as necesarias comprobacións para asegurarse de que o ofrecemento do mozo non agochaba unha trampa. Necesitado dunha solución urxente contra o acoso do togado, e non podendo valerse dos seus propios homes, que eran coñecidos na contorna e tamén estaban sendo vixiados, o ofrecemento decidido do parceiro pareceulle un milagre da providencia. Aínda por riba, a causa da dobre vinganza que animaba ao mozo, a morte da súa amada Regina Testti e o secuestro do fillo, pareceulle suficiente móbil para explicar o crime no caso de que o pillasen, ficando el completamente á marxe das sospeitas. Ao mesmo tempo, un oportuno incendio convertería en cinzas os arquivos do xulgado; a desaparición dos documentos que o incriminaban poñería cabo a varios anos de investigacións e faría pensar a outros xuíces na conveniencia de non se entremeteren nas vidas das persoas honradas que cumprían un labor social tan importante.

16 de mai. de 2009

Caos, azar, destino


Algúns están convencidos
de que os uniu un sentimento repentino.
É fermosa esa seguridade,
pero a inseguridade é máis fermosa.

Imaxinan que, como antes non se coñecían,
non sucedera nada entre eles.
Pero que dicir das rúas, as escaleiras, os corredores
nos que hai tempo poderían terse cruzado?

Gustaríame preguntarlles
se non lembran
-quizais un encontro cara a cara
algunha vez nunha porta xiratoria,
ou algún "síntoo"
ou o son de "debeuse equivocar" no teléfono-,
mais coñezo a súa resposta.
Non se lembran.

Sorprenderíanse
de saber que xa hai moito tempo
que a casualidade xoga con eles,

unha casualidade non de todo preparada
para se converter no seu destino
que os achegaba e arredaba,
que se interpoñía no seu camiño
e que contendo a risa
se afastaba do seu lado.

Houbo signos, sinais,
mais que facer se non eran comprensíbeis.
Non revoaría
unha folla dun ombro a outro
hai tres anos
ou incluso o último martes?

Houbo algo perdido e atopado.
Quen sabe se algunha pelota
nas matogueiras da infancia.

Houbo picaportes e timbres
nos que un tacto
se superpuxo a outro tacto.
Maletas, unha onda a outra, nunha consigna.

Quizais unha certa noite o mesmo soño
desaparecido inmediatamente despois do espertar.

Todo principio
non é máis ca unha continuación,
e o libro dos acontecementos
áchase sempre aberto pola metade.

Wisława Szymborska. Fin e principio.

Eu falaba con voz tranquila, consciente do aire petulante que cobraban as miñas palabras. A doutora mirou os papás con expresión interrogativa. Raimundo viuse obrigado a dicir algo.
–Simón ten a convicción de que todas as cousas que lles sucederon a el e a ela ata o día en que se coñeceron ían destinadas a propiciar ese encontro.
–Todo canto lles ocorreu ata ese día?
–En realidade –continuei eu–, todo canto aconteceu no mundo. As pequenas anécdotas e as grandes epopeas, o máis próximo e o máis afastado. Non digo que nós fósemos o único interese da historia da humanidade, non teño esa demencia. Só defendo que nada sucede por casualidade; ao contrario, todo conduce cara a un fin e a múltiples fins. Un home mata a outro home nunha pelexa e iso altera moitas vidas; Cleopatra seduce a Xulio César e condiciona a historia do mundo antigo e do actual; uns lobos esfameados asaltan un cortello nunha aldea da montaña e fan que un bebé non chegue a nacer. E uns e outros sucesos provocan que, nalgún determinado momento, esteamos vostede, os meus pais e eu aquí, mantendo esta conversa.

O Xardín (páx. 261)

12 de mai. de 2009

O rei sabio

Nunha das máis afastadas cidades da terra había un rei poderoso e sabio. Era temido polo seu poder e era amado pola súa sabedoría.
No corazón daquela cidade antiga e afastada había un pozo de auga cristalina do cal bebía toda a cidade, desde o rei ata o último habitante, debido a que non dispoñían doutro naqueles lugares.
Unha noite, mentres a xente durmía, veu unha muller feiticeira e, sixilosamente, verteu no pozo sete pingas dunha beberaxe estraña; e dixo:
–Toda persoa que desde este momento beba auga deste pozo volverase tola.
E na mañá seguinte beberon do pozo todos os habitantes da cidade, e cumpriuse o ensalmo da feiticeira, volvéndose todos dementes.
Pero o rei e os seus ministros non beberon aquela mañá daquela auga. Ao pouco tempo, comezaron as manifestacións en todos os barrios, berrando a multitude nas rúas:
–O noso rei e os visires perderon o xuízo e volvéronse tolos. Non admitimos que nos goberne un rei tolo. Destronémolo.
En canto o rei soubo o ocorrido, inmediatamente ordenou que lle levasen un cántaro de ouro, que herdara dos avós, cheo daquela auga. E deulle de beber aos seus ministros, apurando el o resto.
E soubo a cidade a grata noticia, e todos se aledaron, porque ao rei e aos seus visires volvéralles o xuízo.

Gibran Khalil Gibran. O louco.


Xa desde cativa, e conforme medraba, Anabel cultivou unha devota paixón pola lectura, ata o punto de que os universos dos relatos fantásticos chegaron a ter para ela máis visos de existencia ca a propia realidade. Ofelia asustouse moito o día en que a atopou mesturando unha substancia de cor amarelenta na pota do arroz que ela preparaba para o xantar.
–É unha apócema para a conciliación. As almas desorientadas acharán o camiño correcto se toman esta apócema. Está no Libro dos Encantamentos do chamán Luz Dentenegro. Viranos ben, creo.

O Xardín (páx. 366)

6 de mai. de 2009

O sapo e a rosa

Tardei unha miga en atreverme a contestar, temía que marchase correndo do meu lado. Pero tiña que llo dicir. Era o gran momento.
–Un día comín un sapo.

O Xardín (Páx. 218)

Reservas a túa rosa intacta
ata que pase a primavera?
Acaso agardas polo bico da morte?
Cres que no sartego escuro
acharás un amante
mellor ca min? Non te botarán en falta
as rosas novas.
Cúbrete coa miña capa, e non do po
que cobre o pasado.
Ten máis medo do tempo
ca dos meus ollos.

Ezra Pound. "A capa"

26 de abr. de 2009

Camiños vellos

Só se lembra dos caminhos velhos
Quem anda à noite à ventura.
José Afonso. "Natal dos simples"

Cada vez que comezaban os berros, Anabel íase refuxiar no dormitorio ou no sobrado. No sobrado dominaba o po, as táboas renxedoras, as tellas inseguras e numerosas especies de invertebrados e talvez de vertebrados; a nai negábase a entrar nel por cuestións hixiénicas e o pai, coas súas propias cismas na cabeza, non amosaba o menor interese. Daquela, convertérase para Anabel no territorio máis privado dentro da mansión. Alí descubrira tesouros sorprendentes e misterios innominados que procuraba manter en segredo para a súa preservación ante a ocasional curiosidade dos maiores. Rodeada daqueles obxectos antigos, abandonados e esquecidos, sentíase tranquila, tamén esquecida, e feliz, e alí era capaz de pasar horas e horas.

O Xardín (páx. 397)

16 de abr. de 2009

As casas
Un día consultei o Campás sobre as casas.
– As casas –dixo coa súa paciencia proverbial– hainas de dúas clases: as de ladrillo, as de pedra e as demais. As demais non nos interesan, porque practicamente non son casas, son choupanas ou covas. Despois: as de ladrillos fanse. Os albaneis colocan uns bloques sobre outros e así levantan paredes, pisos e teitos. As de pedra, non; as de pedra nacen.

O Xardín (páx. 108)
Agora direi como é Ottavia, cidade-arañeira. Hai un cavorco entre dúas montañas esgrevias; a cidade áchase no baleiro, atada aos dous cumios con cordas e cadeas e pasarelas. Camíñase sobre os traveseiros de madeira, coidando de non poñer o pé nos ocos, ou hai que se guiar polas cordas de cánabo. Abaixo non hai nada en centos e centos de metros: pasa algunha nube; dexérgase máis abaixo o fondo do barranco.
Esta é a base da cidade: unha rede que serve de pasaxe e de soporte. Todo o demais, en vez de se elevar enriba, pendura cara a abaixo: escadas de corda, hamacas, casas feitas en forma de saco, colgadores, terrazas como pequenas naves, foles de auga, picos de gas, asadores, cestos de rafia suspendidos, montacargas, baños, trapecios e aneis para xogos, teleféricos, lámpadas de luces, macetas con plantas de follaxe oscilante.
Suspendida no gran cavorco, a vida dos habitantes de Ottavia é menos incerta que noutras cidades. Sábese que a rede non sostén máis ca iso.
Italo Calvino. As cidades invisíbeis.