Cando os frades xa remataban o labor de cambiar o tesouro aos coiros novos, escoitou os cascos dun cabalo que chegaba. Era o emisario que saíra para Pontevedra en canto rematara a extracción dos fardos. Traía a encomenda de que se gardasen no lugar previsto á espera de recibiren ordes máis concretas da superioridade que preparaba o envío a Roma. O xefe da comunidade fíxoo partir de novo para dar conta da detención dun rapaz que fora testemuña da operación e que constituía un claro perigo para a misión. Coa mesma, e aproveitando a chegada da noite, os frades comezaron un novo traslado dos fardos, esta vez en dirección a algún lugar oculto nas inmediacións.Na casa principal quedaron os oito homes que adoitaban durmir alí mais dous de garda, espertos e velando por Eliseo. Este tamén quedou sen durmir, pero non achou a maneira nin a ocasión de fuxir do seu encerro, xa que os vixiantes non saíron do cuarto nin un momento. Cando sentiu que o sol levantaba e relevaban a garda, deixouse adurmiñar un pouco para gañar folgos por se se presentaba a ocasión.
A iso da media tarde, chegou ás casas das Salinas o pai de Eliseo, sorprendido de non atopar sentinelas que lle prohibisen o paso e desexoso de preguntar se os frades tiñan noticias do fillo, que esa noite non durmira na súa cama e non sabían nada del. Eliseo, recluído no cuarto interior, espertou ao oír a voz coñecida, mais foi suxeitado e a súa boca enmudecida. A través da parede, escoitou como os frades negaban saber nada del, aínda que, engadiron, chegara aos seus oídos o rumor de que no lugar de Acuña se armara un grande balbordo porque uns veciños sorprenderan un mozo de Paredes tratando de forzar unha rapaza, e que a emprenderan a paos con el ata causarlle feridas de morte. Malia a insistencia do pai, non lle souberon dicir que veciños eran nin quen o rapaz nin dispoñían de máis datos fóra dese relato que lles chegara a través dalgún transeúnte.
O ferreiro volveu á casa alporizado en busca de axuda para indagar o sucedido e ver se se trataba do seu fillo. Eliseo, no seu encerro, comprendeu que os frades argallaran aquela mentira coa idea de lles botar a culpa da súa morte a veciños de Acuña, veciños dos cales nunca se sabería o nome da mesma maneira como tampouco se atoparía o seu cadáver no fondo do mar.
O tempo botábase enriba e non podía esperar máis, pois en calquera momento unha fría daga acabaría coa súa vida. Debía facer algo, tiña que obrar con determinación. Unha vez que o pai estivo lonxe, os gardas soltárano e relaxaran a vixilancia. O rapaz, con disimulo, colleu o puñal que escondía baixo as calzas e dispúxoo na man. Fóra do seu cuarto non se escoitaban voces, o que significaba que se achaban sós el e os dous gardas. Cunha rapidez e unha enerxía que non pensou que tivese, saltou sobre eles e feriunos a ambos. Saíu antes de que os seus berros atraesen a máis homes. Alancou cara á banca, cruzou o paso a toda velocidade empurrando e tirando á auga un frade que se lle arrepuxo, e perdeuse pola costa arborada en dirección a Paredes. Os relixiosos tardaron en reaccionar, de xeito que non o puideron alcanzar.
Eliseo chegou á aldea case sen folgos e dirixiuse á súa casa. A nai, feliz de velo con vida, díxolle que o pai saíra cun grupo de familiares e amigos en dirección a Acuña dispostos a emprendela a golpes con todos os que acharan por diante ata coñecer o seu paradoiro.
Un veciño cedeu o seu cabalo para que o rapaz puidese chegar á aldea da moza antes de que o bando de vingadores cometese algún acto irreparábel, pero para evitar pasar polas Salinas tivo que dar un rodeo, o que fixo que se demorase. Os seus familiares tiñan cercada a casa de Celia e discutían a berros cos seus pais preguntando polo rapaz, ao que estes contestaban que non sabían nada del. No momento xusto en que preparaban fachos para lle prender lume á propiedade, chegou Eliseo e abrazouse ao pai pedindo que se calmasen os ánimos de todos, que el había explicar o sucedido punto por punto. Máis acougados, os pais de ambos os mozos e todas as persoas que se reuniran no lugar escoitaron con asombro a historia que lles contou o aprendiz de ferreiro.

A orde de recadar fondos chegou á delegación do Colexio en Compostela, e os seus responsábeis asociárona axiña á lenda nunca comprobada da desaparición dos dous carros cargados de ouro e prata procedentes do desembarco de Rande. A partir de aí, as sempre eficaces redes de información da Compañía abriron unha pescuda na que conseguiron localizar un dos encargados do seu transporte. Tratábase dun home que sobrevivía en Portugal como tratante de gando baixo o nome falso de Paulo de Freitas. Nun primeiro momento, cruzara a fronteira á espera de que a xustiza se esquecese del para logo volver ao rescate da fortuna. Pero as ameazas non remitían e o home, temoroso do castigo que lle agardaba se o pillaban, decidira continuar a súa vida lonxe do país e definitivamente esquecido da existencia do tesouro, como supuña que igual lles pasaría aos demais que participaran no roubo. Os xesuítas utilizaron toda clase de mañas, incluídas ameazas sobre a súa muller e os seus fillos, e arrincáronlle a confesión de que as taleigas foran arroxadas ao fondo da ría de Vigo no lugar das Salinas de Vilaboa.
Eliseo, desexoso de ver a moza e de restablecer as súas citas na Regaduxa tras o tempo de encerro, volveuse internar polas bancas en canto o traballo na ferraría llo permitiu. Outra volta apareceron os vixiantes, con máis violencia ca nunca. Esta vez, tras breve e desigual pelexa, o rapaz conseguiu zafarse e foise agachar nas pólas dun tupido castiñeiro. Os gardas dérono por fuxido e deixaron de buscalo. Eliseo mantívose unha miga á espera e, cando ía continuar a marcha, volveuse agachar porque chegou aos seus oídos unha conversa entre dous frades que paseaban polas inmediacións e que tiñan aspecto de autoridades, a xulgar polos adobíos. O asunto ao que se referían, segundo colixiu, era o paso por Vilaboa dos convois que, case trinta anos antes, transportaran o inxente cargamento de ouro e prata traído de América pola flota de Indias e desembarcado con apuro no estreito de Rande ante a ameaza do ataque dos ingleses. Cando máis interesado estaba o rapaz na conversa, incorporouse un novo frade que avisaba da inminente chegada dun emisario da xudicatura provincial con ordes de facer unha inspección xeral ás Salinas a propósito do proceso que se seguía contra eles. Axiña acordaron adoptar medidas para disimular os traballos que se realizaban e, como primeira decisión, ordenaron suprimir os postos de vixilancia para aparentar a maior normalidade. Eliseo, entón, comprendeu que a orde de afastamento non estaba ditada pola autoridade competente, senón polo capricho inxusto e abusivo dos propios xesuítas. 

A pesar destas circunstancias, os mozos aproveitaban todas as ocasións das que dispoñían para estaren xuntos. Cada vez que tiñan previsto verse, o de Paredes percorría os dous quilómetros escasos que separan ambas as localidades, e facíao polo itinerario máis breve, para o que debía cruzar as bancas das Salinas. O lugar de cita adoitaba ser unha fonte vella e escondida que había onde comezaba a fraga da Regaduxa.
